Eduación ambiental en Galicia: Crise, que crise?

Que 200 traballadores da industria pirotécnica galega quedaran no paro temporalmente como consecuencia da normativa estacional de prevención de incendios forestais pareceu, e seguramente o foi, unha traxedia social, económica e politicamente inaceptable. Mereceu, sen dúbida, a atención dos medios de comunicación e a solidariedade colectiva de quen asocia a celebración festiva comunitaria cos estoupidos de rigor.

Hai dramas similares pero de maior escala que, sen embargo, están a pasar desapercibidos, resultando totalmente invisibles para os medios de comunicación e a sociedade. Facendo unha estimación sobre os datos de emprego referidos a 2007 derivados do Proxecto Fénix1, xusto nos prolegómenos da crise actual, a perda de postos de traballo no sector da Educación Ambiental (EA) en Galicia durante os últimos catro anos pode estimarse nun 50%, unhas 500 persoas.

A perda destes postos de traballo, por moi precarios e socialmente invisibles que resultasen para a maioría da poboación, debería xerar, como mínimo, a mesma sensibilidade mediática e institucional que no caso da industria pirotécnica. Non hai neste país moitos sectores ou empresas que sumen un milleiro de traballadores e traballadoras dun perfil tan cualificado, a maioría con estudos superiores, e menos aínda no sector servizos. Non hai, tampouco, moitos colectivos cun labor que poida considerarse de maior relevancia cívica e estratéxica para o futuro.

Dende a década dos setenta do século pasado, a Educación Ambiental foi definíndose coma unha corrente internacional de pensamento e acción que, dende unha perspectiva crítica, quere contribuír á educación da cidadanía para enfrontar a fonda crise ambiental que ameaza a calidade de vida, a saúde humana e a posibilidade dun progreso económico e social duradeiro. A EA debería, por tanto, formar parte dos instrumentos imprescindibles para construír unha sociedade máis xusta, equitativa e sostible, coma un servizo público necesario para a alfabetización socio-ambiental da cidadanía.

En contra do que cabería esperar, non se ten observado, sen embargo, ningunha reacción política ou social significativa en resposta aos recortes executados, sendo moi limitada a que se ten producido dentro do propio sector. Unicamente a Sociedade Galega de Educación Ambiental elaborou un manifesto pola “Non desaparición da EA en Galicia”2, cunha repercusión pública escasa.

Alén do reiterativo argumento da crise económica -a escusa perfecta para a "deconstrución" do estado do benestar e a degradación dos servizos públicos-, este desmantelamento silencioso do campo da EA pódese atribuír a un conxunto de factores estreitamente relacionados.

En primeiro lugar, cabe destacar o escaso peso institucional do sector. En contra das declaracións de intencións e dos documentos estratéxicos que trataron de impulsala nos últimos anos, a EA é un ámbito cada vez menos relevante tanto da política ambiental como da educativa, constituíndo unha especie de terreo de ninguén. Esta debilidade estrutural pode deberse á carencia de atractivos económicos: non é un sector rendible desde un punto de vista mercantil como si o son outros ámbitos emerxentes do negocio ligado ao ambiente. Tampouco posúe atractivos políticos para o xogo partidista: deixar morrer á EA non supón un custe significativo nas matemáticas electorais. Esta debilidade queda de manifesto na súa dilución administrativa na estrutura da Xunta de Galicia –a pesar das recomendacións que recolleu a Estratexia Galega de Educación Ambiental no ano 2000-, na súa práctica inexistencia como obxecto a atención a nivel provincial e no seu residual papel municipal.

Se os recursos económicos, humanos e infraestruturais destinados polas administracións públicas xa eran escasos denantes da crise, faltos de planificación a medio e longo prazo, e cunha distribución que obedecía a criterios nos que o educativo-ambiental tiña relativamente pouca relevancia, na actualidade, co mantra da austeridade estase a optar, directamente, pola súa extinción. Casos concretos son o abandono ou peche progresivo dos equipamentos de EA de titularidade pública, a eliminación das subvencións e liñas de axuda específicas para a promoción de actividades de EA, a redución a mínimos ou a cancelación dos poucos programas educativo-ambientais en marcha, o despedimento masivo de persoal con tarefas ligadas á EA nas distintas administracións, etc. Baste dicir que a inversión do goberno autonómico en actividades e iniciativas de EA caeu de 1.645.000€ no ano 2007 a 125.133,60 € neste ano 20113, un recorte brutal do 93%.

É preciso ter en conta que as políticas de redución do gasto nas administracións están tendo un impacto letal no sector da EA. A maior parte dos recursos económicos que o mobilizan proveñen de fontes públicas, tanto, obviamente, os que sufragan as accións que desenvolven as propias administracións, como aqueloutras que se capitalizan mediante contratos, convenios e subvencións con outros actores do campo (autónomos, pequenas empresas, colectivos sociais, ONG´s, etc.)

En segundo lugar, a crise está a golpear a un sector que xa padecía unha situación endémica de precariedade laboral, empresarial e profesional. Conforme datos do mencionado Proxecto Fénix, o salario medio dun educador ou educadora ambiental era, en 2009, de 1.050€ mensuais, ao que habería que engadir unha marcada temporalidade no emprego e a asunción de tarefas e responsabilidades moi por riba dos tipos contractuais máis usuais. En contraste, os traballadores e traballadoras deste campo presentan un perfil no que dominan os titulados superiores e a sobre-formación, entendida como una preocupación constante por manter actualizados e mellorar os seus coñecementos e prácticas profesionais a través de cursos, seminarios e outros recursos de formación permanente.

En terceiro lugar, é preciso destacar que o tecido empresarial da EA en Galicia é moi feble. En liñas xerais está constituído por pequenas empresas, moi dependentes das administracións, escasamente capitalizadas, pouco articuladas entre si, sen un campo de traballo claramente definido nin regulado, e sen capacidade para competir coas grandes corporacións prestadoras de servizos.

En cuarto lugar, apréciase unha tendencia crecente a ofrecer programas ou servizos que pouco o nada teñen que ver coa EA, pero que se presentan baixo esta marca como unha estratexia adaptativa para sobrevivir nun contexto económico cada vez máis adverso. Nesta liña, moitas iniciativas de EA existentes ou de nova creación, reformulan a súa oferta cara ao ocio de consumo, o turismo ou a práctica deportiva, sen ningunha correspondencia ou cunha vaga relación cos obxectivos e principios pedagóxicos e sociais da EA. É un paradoxo que os equipamentos ou as empresas “de EA” que realizan esta transición ou que xa nacen cun enfoque nitidamente mercantilista, son os que tenden a sobrevivir no escenario actual, a pesar de que a invocación á EA sexa, no seu caso, pouco máis que un reclamo comercial.

Paradoxalmente, este mesmo “marketing verde” é o que están a guiar ás propias Administracións Públicas nunha reviravolta que roza o esquizoide. Fronte ao peche dos equipamentos de titularidade pública existentes –coma ofrenda de austeridade–, seguen edificándose novos equipamentos de “Educación e Interpretación Ambiental” nos que os aspectos educativos brillan pola súa ausencia, primándose o cemento fronte ao coñecemento. É certo que a práctica de construír “edu-eco-mausoleos” non é nova. O centro de interpretación das Gándaras de Budiño é un dos exemplos máis claros no noso país: 470.000 € invertidos na construción dunha infraestrutura inaugurada oficialmente en 2002 pero que nunca chegou a abrirse. O que non se explica é a súa continuidade nos tempos actuais: inverter medio millón de euros nun Centro de Interpretación das Illas Atlánticas cando, ao tempo, despídense ás educadoras e aos educadores ambientais que estaban a desenvolver o seu traballo no mesmo espazo protexido é unha aberración. E que dicir do xa invertido no Centro de Interpretación dos Parques de Galicia proxectado na cidade de Ourense, máis ladrillo sen unha xustificación socio-educativa ou ambiental defendible, mentres se pechan equipamentos ou se despide ao persoal coas mesmas funcións nos espazos protexidos que se queren “interpretar”.

En quinto lugar, a EA ven perdendo presenza no ensino, tanto pola desidia da Administración responsable do sistema educativo e do desenvolvemento daquelas áreas do currículo que se teñen mal definidas como transversais –pensamos que, en realidade, deberían ser consideradas como nucleares-, como polos mesmos recortes que se están xustificando coa crise económica en aspectos clave para a calidade do ensino público: formación do profesorado, apoio á innovación educativa, desenvolvemento de actividades e programas complementarios, etc. Ao que habería que engadir, a nivel autonómico, a falta crónica de coordinación entre a Administración educativa e a ambiental.

En sexto lugar, non se poden separar as anteriores afirmacións sobre a precaria conxuntura da EA en Galicia da situación que este campo presenta no conxunto do Estado. De contar, a finais dos anos 90, cun papel explicitamente destacado como relevante no acompañamento e transposición das políticas ambientais que chegan da UE, como se ve plasmado no Libro Blanco de la Educación Ambiental en España e nas distintas Estratexias Autonómicas, a EA foi deslizándose a un segundo ou terceiro plano, converténdose nunha referencia cada vez máis retórica e con escasa proxección práctica na realidade. De feito, se ben o Libro Blanco e todas as Estratexias Autonómicas elaboradas durante a última década destacaron a necesidade de consolidar e dotar á EA dunha estrutura orzamentaria e administrativa propia, o seu actual estatus institucional segue a ser o mesmo ou empeorou. Chama a atención, por exemplo, que a práctica totalidade das estratexias autonómicas de EA carezan de continuidade ou languidezan nos caixóns das administracións, ou que non se teña celebrado dende o ano 1999 ningún congreso ou encontro estatal para poñer en común e debater as problemáticas propias do campo.

En sétimo lugar, en parte como causa e tamén como consecuencia de todo o anterior, cabe chamar a atención sobre a invisibilidade social da EA. Cada vez máis acusada incluso entre aqueles sectores que tradicionalmente contribuíron ao seu impulso ou que deberían ser máis sensibles á súa mensaxe. Sirva coma exemplo a escasa presenza conceptual da EA no xurdimento e desenvolvemento dos novos discursos da sostenibilidade, como poden ser os ligados ao decrecemento ou ás comunidades en transición que, se ben é certo que incorporan na súa práctica accións que poden caracterizarse como EA, non a reivindican como parte relevante das súas estratexias.

Cómpre advertir, finalmente, que esta situación decadente está sendo vivida con certa resignación dende o propio campo. Os signos vitais de indignación son escasos e apuntan máis de cara ao interior que ao exterior. Mesmo aparecen comportamentos cainitas, probablemente como resultado da dificultade para enfrontar as ameazas externas e por puro instinto de supervivencia. Neste escenario os recursos que viña capitalizando a EA están sendo derivados para usos e axentes que traballan en contra da sostenibilidade, ben porque se entende que esta é un luxo que as nosas sociedades non se poden permitir, ou ben porque a mesma crise é a gran coartada para impulsar o proxecto neoliberal, que entende, probablemente con razón, que a EA pode ir en contra dos seus intereses políticos, de clase e económicos. Non falta, tampouco, quen pensa que esta é unha oportunidade para que axentes máis “emprendedores” –posto que se sobreentende que antes só había “parasitos” que vivían a costa do erario público- tomen a iniciativa e fagan rendible, na óptica da empresa privada e do mercado, a demanda social de servizos asociados á calidade do ambiente.

Ao fin e ao cabo o mesmo colapso do sistema está servindo aos que o provocaron para gañar maiores cotas de poder, para incrementar as oportunidades de beneficio e para desmontar os febles mecanismos de control que apenas foron quen de prever as manobras especulativas que o desataron. No crack económico de 1929, o antecedente máis acaído da situación actual, moitos xerarcas das finanzas acabaron estrelados no pavimento de Wall-Street, impulsados pola inclemente lei da gravidade (e, probablemente, pola vergoña de verse ou de que os viran pobres). No presente, o sistema está caendo para arriba e os responsables da desfeita levitan no éter social colgados de xubilacións millonarias. Ben pensado, a EA, nas súas formulacións máis críticas, podería e debería ser, cando menos, un obstáculo, unha pedriña no camiño, para quen entenda que este é o mundo desexable ou inevitable.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.