Educación e saúde. Binomio inseparable

© Ceesg

Rachar con estigmas, concienciar sobre bos hábitos, previr e traballar as adiccións, acompañar, informar, deseñar programas e levalos a cabo. 

Centros educativos, reeducativos e de protección, unidades asistenciais, comunidades terapéuticas, asociacións, residencias, vivendas de apoio, concellos e centros penitenciarios.

Estamos. A Educación Social está presente no eido da saúde de múltiples formas, en diferentes contextos e para destinatarias diversas, pero o noso quefacer ten un obxectivo común: contribuír e favorecer que as persoas melloren a súa calidade de vida e a súa participación na sociedade.

Non debemos esquecer que a Educación Social e a saúde deben ser consideradas un binomio inseparable. Ambas son holísticas, integrais e están interrelacionadas, poñendo especial énfase no contacto que as dúas teñen en valores sociais e culturais. Esta relación implica que as intervencións de profesionais socioeducativas/os no eido da saúde mellora a relación do sistema sanitario coa comunidade, porque estarán máis conectadas. 

En Galicia somos moitas as profesionais que de forma directa ou transversal traballamos no eido da saúde, as que coa nosa praxe aportamos aos equipos de traballo a parte socioeducativa imprescindible. Poñemos en valor o que xa existe, e reivindicamos o que tamén debería existir. A estabilidade e recoñecemento da nosa figura profesional nas entidades, asociacións e institucións é unha das demandas que dende o Grupo de Traballo de Saúde do Ceesg formulamos.

Temos exemplos noutras Comunidades Autónomas como Cantabria, nas que a Educación Social cumpre un papel importante nos ámbitos de Hospitalización e Atención Primaria do sistema nacional de Saúde. Exemplos como Andalucía ou Baleares onde estamos nos centros educativos realizando, entre outras cousas, prevención en adiccións e educación afectivo-sexual. Exemplos como Cataluña no que de xeito directo traballamos nas prisións coas persoas privadas de liberdade en temas nos que destaca o bo coidado da saúde mental, física e social. 

Pretendemos non quedar atrás, pois entendemos que a Educación Social é un dereito da cidadanía, e os exemplos teñen que servirnos para seguilos e así mellorar os servizos á cidadanía e á sociedade. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.