Educación e xuventude: as grandes esquecidas de Lalín

“Para educar a un neno fai falta toda a tribo” Sempre me chamou a atención este vello proverbio africano porque entendo que describe con mestría a complexidade da educación dunha persoa e a necesidade de que todos os elementos da sociedade estean comprometidos coa mesma. O certo é que a educación e por extensión a cultura son piares básicos dunha sociedade e polo tanto deben ser especialmente coidados. En contra do que ás veces poida parecer, as políticas locais son tan relevantes para o día a día dos cidadáns como o son as decisións que se toman a nivel autonómico ou a nivel estatal, e a educación e a cultura non son unha excepción. Quizais por este motivo tendo a reflexionar bastante acerca da situación da cultura e a educación no noso pobo e desfruto escoitando tamén a opinión doutras persoas da vila ó respecto. Se algo soemos sacar en conclusión nestas conversas espontáneas son estas dúas reflexións: no noso pobo a cultura, a educación e a xuventude atópanse en estado crítico; os maiores prexudicados da mala xestión nestas áreas son as familias con menores recursos e, o que é máis grave, os seus fillos.

Intenten poñerse por un momento na pel dun mozo lalinense, un cidadán de a pé, fillo de mileuristas e estudante con bolsa. Supoñamos que se chama Xoán e que ten 19 anos

Permítanme que lles propoña un sinxelo exercicio de visualización co que pretendo demostrar a miña tese. Intenten poñerse por un momento na pel dun mozo lalinense, un cidadán de a pé, fillo de mileuristas e estudante con bolsa. Supoñamos que se chama Xoán e que ten 19 anos. Xoán acaba de comezar os seus estudos nunha universidade galega e os venres volta a Lalín para pasar a fin de semana cos seus pais e a súa irmá. Con frecuencia necesita realizar traballos e estudar para algúns exames durante a fin de semana pero ten un problema: a súa casa carece dun bo espazo para o estudo. Por este motivo os seus pais propóñenlle este sábado acudir á biblioteca municipal, así que logo de almorzar Xoán colle as súas cousas e camiña decidido ata a rúa Z. Para a súa sorpresa o noso amigo comproba que a biblioteca se atopa pechada e camiña decepcionado de volta a casa coa indignación propia do que se sinte enganado. Xiana, a irmá de Xoán, tan só ten 7 anos, pero a súa xuventude non a exime de sufrir igualmente as consecuencias dunha mediocre xestión dos recursos culturais.

De ter nacido noutra localidade a situación de Xoán e a súa irmá sería ben distinta. Así, vilas como Silleda, O Carballiño ou Cangas do Morrazo son algún exemplos de poboacións galegas nas que a biblioteca pública fai honor ó seu nome

Como diciamos, os seus pais contan con poucos recursos económicos polo que na casa apenas dispoñen de materiais de tipo educativo imprescindibles para a estimulación intelectual dos nenos, como poden ser os contos ou os xogos. Precisamente por iso, porque dan prioridade a ofrecer ós seus fillos unha educación de calidade, lamentan non poder acompañar a Xiana á biblioteca o único día da semana que libran no traballo. Ese espazo supostamente destinado a estimular a curiosidade dos máis novos por aprender, así como a promover o interese polos libros e o respecto pola cultura permanece pechado cando as persoas con dificultades máis o precisan.

De ter nacido noutra localidade a situación de Xoán e a súa irmá sería ben distinta. Así, vilas como Silleda, O Carballiño ou Cangas do Morrazo son algún exemplos de poboacións galegas nas que a biblioteca pública fai honor ó seu nome ofrecendo un servizo de calidade tamén durante as mañás dos sábados. No caso de Cangas ademais os responsables de cultura demostran unha preocupación especial ampliando os horarios da biblioteca en períodos de exames. Imaxinan tal mostra de sensibilidade no noso pobo? O da biblioteca lalinense parece ser un mal endémico que se repite ano tras ano como o día da marmota. Non foron poucas as ocasións nas que os lalinenses reclamaron un cambio de rumbo na xestión deste espazo co obxecto de ter dunha vez por todas un servizo de biblioteca decente. Pero, unha cousa é que o pobo fale e outra ben distinta é que sexa escoitado. Xa saben, todo polo pobo pero sen o pobo.

Continuando coa historia de Xoán, despois de comer decide dedicar a tarde do sábado a estar cos seus amigos de sempre. O tempo non acompaña así que optan por acudir á casa da xuventude. Unha vez máis a decepción fai acto de presenza cando comproban que o recinto se atopa tamén pechado. Que paradoxo, pensan para si, resulta que o día da semana no que a xuventude conta con maior tempo libre o lugar supostamente adicado a ofertar alternativas de ocio saudables e gratuítas permanece pechado.

A oferta de ocio en Lalín hai tempo que se converteu, especialmente durante a fin de semana, nun ocio dirixido á elite, ós que poden permitirse pagar por acudir a unha piscina, alugar unha cancha para xogar un partido de fútbol

O certo é que a oferta de ocio en Lalín hai tempo que se converteu, especialmente durante a fin de semana, nun ocio dirixido á elite, ós que poden permitirse pagar por acudir a unha piscina, alugar unha cancha para xogar un partido de fútbol, etc. Pero, que hai do resto?, acaso non contan?

Educar é unha carreira de fondo. Trátase, en definitiva, de sementar para algún día poder recoller

Os servizos municipais deberían procurar compensar as desigualdades sociais existentes ofrecendo servizos públicos de calidade. Se dita calidade está ausente, como no caso de Lalín, o que sucederá é que as desigualdades en lugar de reducirse acentuaranse. En consecuencia, as familias con menor poder adquisitivo verán limitadas as súas posibilidades de crecemento, circunstancia especialmente triste cando se fala de xuventude.

Xestionar ben a educación require dunha visión a longo prazo, xa que os resultados non soen presentarse de forma inmediata. Educar é unha carreira de fondo. Trátase, en definitiva, de sementar para algún día poder recoller.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.