Educar na compaixón

Compaixón CC-BY Kindel media

Nos currículos académicos dáselle moita importancia aos contidos técnicos. Sen embargo, cando toca moverse na emocionalidade, nótase que hai moi pouco traballo feito

Nos currículos académicos dáselle moita importancia aos contidos técnicos, aqueles que se cren que nos van facer triunfar e chegar máis lonxe, aqueles que se senten como imprescindibles para sermos funcionais neste mundo voraz. 

Sen embargo, é moi doado atoparse con historias nas que hai unha gran carga de sufrimento porque no eido relacional, cando toca moverse na emocionalidade, nótase que hai moi pouco traballo feito. 

Movémonos nun mundo onde se premia o inmediato, onde a palabra liberdade confúndese con violencia, onde as redes sociais nos dan unha impunidade que fai que non pensemos o que dicimos. 

A semana pasada unha cantante comunicaba que precisaba parar, baixarse da roda un tempo, porque emocionalmente (e polo tanto, fisicamente) non podía máis. Isto aconteceu xusto despois de que as redes sociais se enchesen de comentarios agresivos cara ela por unha actuación na televisión. Hai uns días chega a nós a historia dunha adolescente que se suicidou despois de sufrir acoso escolar e que ninguén fixese nada. 

Dúas historias de tantas, con finais nada comparables, por suposto, pero coa mesma raíz: facer mal ás outras como non che gustaría que che fixesen a ti

Dúas historias de tantas, con finais nada comparables, por suposto, pero coa mesma raíz: facer mal ás outras como non che gustaría que che fixesen a ti. Tratar as outras como non che gustaría que tratasen a alguén que é importante para ti. Salvando diferenzas das consecuencias, a orixe está na falta de compaixón (significando esta a vontade de aliviar o sufrimento propio ou alleo).

Falta reflexión, falta empatía, falta educación emocional, faltan valores no bo trato. En xeral. Porque podo entender que, posiblemente, quen trata dende esas violencias, está afeita a moverse nun sistema que funciona dende a normalización deses códigos desapiadados que pretenden esnaquizar ás outras, porque non as ven con humanidade, como iguais. 

No mundo relacional cada quen se planta coas súas propias feridas, inseguridades e cicatrices. Isto é humanidade compartida: todas estamos no mesmo barco. Todas sentimos de xeito parecido. Sabendo isto, por que non intentar non mancar? Por que non intentar ser amables? Por que non intentar tecer pontes? 

Resúltame moi curioso que na historia da rapaza que chega a non ver outra solución para rematar co seu sufrimento que rematar coa súa propia vida, a resposta a nivel social sexa facerlles exactamente o mesmo as supostas agresoras: ameazas varias, pintadas no instituto, acoso, insultos, mensaxes de odio… Podo entender a rabia, o enfado, a frustración… mais precisamente a través da educación emocional temos que aprender a xestionarnos con e as emocións dun xeito que non resulte destrutivo para nós (que rematemos cunha úlcera de estómago) ou para as demais (xestionando a través das violencias). Sabemos que ese non é o camiño, mais, aínda así, ante a falta de outras ferramentas, repetimos a mesma estratexia de destrución e sufrimento. 

Estamos ante un problema sistémico. Xórdenme moitas preguntas sen atopar exactamente a resposta. Penso que este labor de cuestionamento do sistema debería ser colectivo, comezando por autoridades académicas, equipos técnicos multidisciplinares e familias. Hai moita necesidade de pór o foco na prevención. Fomentar a reflexión, dende unha perspectiva humana e emocional. Onde se traballe a consciencia de que os nosos actos (mesmo os verbais) teñen consecuencias nas outras. Onde se traballen os autocoidados para ver o impacto que pode ter ausencia deles na vida. 

No mundo relacional cada quen se planta coas súas propias feridas, inseguridades e cicatrices. En maior ou menor medida. Isto é humanidade compartida: todas estamos no mesmo barco. Todas sentimos de xeito parecido. Sabendo isto, por que non intentar non mancar? Por que non intentar ser amables? Por que non intentar tecer pontes? 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.