“Aceito que um grande matemático some dois e dois para dar cinco. O que não aceito é que não saiba o que é somar ou como se soma.” (O livro do desassossego, Fernando Pessoa).
Os defensores da tese da fusión de concellos porque si, basean as súas propostas no principio da eficiencia, entendendo por tal, gastar menos recursos na consecución dos mesmos resultados, á hora da prestación dos servizos públicos á cidadanía.
No caso de Galicia –no resto do Estado non hai casos- nin na fusión Oza-Cesuras, nin na que se está tramitando de Cotobade-Cerdedo, se puxeron en riba da mesa razóns e fundamentos serios que merezan o cualificativo de eficientes. Mesmo non deixa de ser chocante que, por un lado se fale de xuntarse para aforrar e, por outro, se prometan substanciosas subvencións públicas, con cargo aos orzamentos da Xunta e do Estado, coma se, neste caso, os cartos non procedesen tamén dos petos dos contribuíntes.
Esa curiosa teimosía de determinados gobernantes e tertulianos ben mandados, que bufan sen acougo, tratando de convencernos de que as estruturas político-administrativas son máis eficientes, cando abranguen un maior número de cidadáns, non só carece de fundamento en moitas ocasións, senón que, alén de posuír propósitos limpos, só pretende minguar, e se cadra extinguir, os dereitos da cidadanía a gozar servizos públicos de calidade, para orientación os recursos públicos cara outros fins que, hai catro días, unha boa parte da sociedade cualificabamos de espurios ou bastardos, e agora xa nos conformamos con chamarlle “diñeiro mal gastado”, ou calquera outra cousa polo estilo.
Porén, cando estamos a falar da prestación de servizos públicos á veciñanza, esa pretensión de supeditar todos os valores que isto conleva a un factor economicista como é o da eficiencia, non fai máis ca acelerar, sen ningunha dúbida, a xestión privada do común –que xa non é pouca- e vainos enfiando descaradamente, e enfilando coma unha ringleira de ovellas, cara unha concepción aberrante da administración pública, á hora de falarmos dos seus obxectivos sociais.
Ah! O meu tío Lisardo é deses tipos que pensa que hai moitos valores, claramente entrelazados cos dereitos esenciais da cidadanía, que sempre deben anteporse a eses principios, denominados eficiencia, eficacia ou efectividade e que os nosos gobernantes elevaron á categoría de sagrados. En fin, principios puramente económicos, que por moi substantivos que parezan, nunca lle debemos permitir aos especialistas en gramática parda que os escriban con maiúscula. Alomenos cando estamos a falar de dereitos esenciais da veciñanza.