El que foi do "Día de Nós" e da Nación-Cultura galega?

Rechamo á conciencia da cidadanía culta ourensá

Ano tras ano asumimos en solitario o compromiso de ir pondo os alicerces preparatorios do tecido sociocultural e da opinión pública cara a celebración en 2020 do Centenario de Nós

Hai agora nove anos, co gallo da conmemoración do 90 aniversario da revista Nós, o Concello de Ourense e a Deputación de Ourense a proposta da Comisión pro Centenario de Nós 2020 publicaron senllas declaracións institucionalizando na cidade de Ourense a data do 30 de outubro como “Día de Nós, a nación-cultura galega”.

Na case unha década transcurrida ata agora, os membros da “Asociación proCentenario de Nós…” (ApCNós2020) crémolo e fixemos propias as promesas e as esperanzas organizando sucesivas programacións con mentes de manter viva a conmemoración do “Día de Nós” na cidade como evento de referencia. Así, ano tras ano asumimos en solitario o compromiso de ir pondo os alicerces preparatorios do tecido sociocultural e da opinión pública (intelectuais, partidos políticos, colexios profisionais, centros de ensino, asociacións civís, sindicatos, etc) cara a celebración en 2020 do Centenario de Nós coa participación social, o esplendor crítico, o proveito paidético e a difusión internacional que o evento esixe.

Foi Nós a revista que máis e mellor logrou prestixiar o Galeguismo nazonalista de preguerra co formento do ideario humanista, científico e universalista

Se cadra, para os desinformados non sobexará lembrar que a revista Nós non foi só unha revista literaria de mérito, ou unha publicación erudita para autoconsumo dun fato de especialistas: foi a primeira enciclopedia cultural escrita en idioma galego da nosa historia. E unha plataforma de creación interxeracional emblemática para os propios contemporáneos por reflectiren as súas páxinas a modernidade do pensamento e da prosa galega como nunca dantes. Próbao o feito que nos seus escasos 13 anos de vida  participaron nela preto de 200 autores de todas ideoloxías políticas e dun amplo abano profisional, con artigos nunha miríada de asuntos e temas que nimbaron Galiza como nación política e cultural  madurecida. Teimando no vello afán de convertela -como Antoíño Faraldo demandara no seu rechamo a prol da “Grande Obra”- dunha colonia excéntrica de Madrid no centro motor de si mesma. “Célula de universalidade”.

Foron os “nosianos” quen acuñaron o concepto de Galiza “Nación-cultura” de Occidente, rubricada pola Sociedade das Nacións, condición que a faculta para devir suxeito político pleno, de así o afirmar a vontade da maioría dos seus habitantes

Tampouco conviña menosprezar que foi Nós a revista que máis e mellor logrou prestixiar o Galeguismo nazonalista de preguerra co formento do ideario humanista, científico e universalista. Ideario que nutriu o proceso e inspirou a masa crítica da que abrollou o Partido Galeguista en 1931 e o propio Estatuto de Autonomía de Galicia, refrendado en xuño de 1936: proceso do que dimanaron, a través dos pactos da Transición de 1978, os dereitos históricos que fan arestora de Galicia “unha nacionalidade” recoñecida na Carta Magna española que lle outorga o desempeño dunha Autonomía política de seu dentro do Reino de España. E non é xusto invisibilizar, en fin, que foron os “nosianos” quen acuñaron o concepto de Galiza “Nación-cultura” de Occidente, rubricada pola Sociedade das Nacións, condición que a faculta para devir suxeito político pleno, de así o afirmar a vontade da maioría dos seus habitantes.

Con todo, alén de todas estas consideracións historicistas, culturais e políticas, o certo é que arestora, dado o escaso éxito na resposta social e o mínimo interese amosado polas institucións locais no acompañamento dos actos, a efemérides do “Día de Nós” está a esmorecer. Sen que ninguén nin ren pareza sentilo na cidade nin, alén dalgúns amigos xornalistas dos medios locais, a bote en falla...

Instamos máis unha vez aos ourensáns e ourensás a abriren a consciencia á tradición cultural que atesoura a cidade e facérense responsabeis activos do seu legado cívico por medio do seguinte rechamo

Daquela, nós que a vimos nacer, convitos da verdade do adaxio que asevera que quen fai o que pode fai o que debe, co gallo deste “Día de Nós 2018” sen programación de actos oficiais nin extraoficiais,  instamos máis unha vez aos ourensáns e ourensás a abriren a consciencia á tradición cultural que atesoura a cidade e facérense responsabeis activos do seu legado cívico por medio do seguinte rechamo:

  1. a afirmar a primoxenitura histórica de Ourense non só na edición da revista Nós en 1920 senón tamén na modernización/ vertebración cultural de Galiza levada a cabo, xunto co “Movemento das Irmandades da Fala”, pola intelectualidade da que chamamos “Longa Época Nós” (1920-1976) encabezada polo insigne Grupo ourensán (Risco, Otero, Losada,  Noguerol, Cuevillas…);
  2. a constituír a non-nata “Comisión Ourensá Procentenario de Nós” sen máis dilación en xaneiro de 2019, a fin de se integrar formalmente con voz e voto propios na organización gubernamental posta en marcha hai uns meses para esa efemérides pola Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia;
  3. e a instar ás institucións locais (Concello de Ourense, Deputación de Ourense, delegación do Goberno de Ourense…), xestoras dos recursos públicos, a provisión dun orzamento específico en 2019 para levar a cabo unha programación ampla e diversa das Vísporas do Centenario de Nós, destinada ao lecer e ao cultivo dos ourensáns e as ourensás nas excelencias do seu patrimonio.

“Ourense non ten mar, non ten aeroporto, non ten petróleo.... pero tennos a nós”. A ver logo se é verdade

Ben sabemos que contra o que profetizara o vello Eduardo Pondal, “os tempos non son chegados”, vaiche boa! Pro temos ben aprendido a custa de privacións e escarmentos aquilo que nos ensinou o mestre Risco, xenial director da revista Nós: “Ourense non ten mar, non ten aeroporto, non ten petróleo.... pero tennos a nós”. A ver logo se é verdade.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.