Eleccións xerais: marca propia ou franquía

Faltan tres meses para as eleccións xerais e chegou a hora da verdade: hai que elixir entre presentar unha marca propia, é dicir, unha candidatura galega de unidade, ou formar parte dunha franquía, que teña a sede central en Madrid. Hai que elixir entre situar o poder de decisión en Galiza ou na Asemblea de Vista Alegre de Madrid e nos referendos convocados no Estado por Podemos.

Hai que elixir entre situar o poder de decisión en Galiza ou na Asemblea de Vista Alegre de Madrid

Debemos recoñecer que no ámbito empresarial as franquías están de moda como sistema para mellorar a conta de resultados a final de ano e para disputar o primeiro posto nun mercado moi competitivo. DIA, por poñer un exemplo, empresa do sector da distribución de alimentación, produtos de fogar, beleza e saúde, ofrece franquías con certa autonomía e cun nome unificado (DIA-Pontedeume, DIA-Mugardos etc), mais as decisións importantes e a política comercial tómanse na sede central desta multinacional e non en Pontedeume e Mugardos.

Podemos celebrou o 18 de outubro de 2014 a súa asemblea de constitución como marca política de carácter estatal co lexítimo obxectivo de disputar a hexemonía a partidos clásicos como PP e PSOE. E para conseguir ese obxectivo aprobaron unha estratexia de constitución de franquías, chamadas de unidade popular, que sumen votos para a marca matriz. Por iso aprobaron nesa asemblea o proceso de conformación das candidaturas para as eleccións, que chaman de confluencia, e o nome das mesmas. Cando apareceron críticas internas sobre o procedemento de elección das candidatas e candidatos, reivindicando tamén a participación de Podemos-Galicia no proceso de conformación dunha candidatura unitaria galega, a dirección do partido sometía a referendo en todo o Estado a seguinte pregunta, que foi aprobada co 85% dos votos e unha participación do 11% das persoas inscritas:

¿Aceptas que el Consejo Ciudadano de Podemos, en aras de seguir avanzando en la construcción de una candidatura popular y ciudadana, estableza acuerdos con distintos actores políticos e de la sociedad civil simepre que:

  • 1. Los acuerdos se establezcan a escala territorial (nunca superior a la autonómica).
     
  • 2. Se mantenga siempre el logotipo y el nombre de Podemos en el primer lugar de la papeleta electoral incluso si eso implica concurrir a las elecciones generales en algunos territorios con fórmulas de alianza (Podemos-X)?

Por se houbese algunha dúbida, Ángela Rodríguez, Secretaria de Coordinación de Podemos-Galicia, declaraba o 6 de agosto: “O referendo é un mandato e só é posíbel concorrer co nome de Podemos e despois cun espazo máis amplo. Nós somos xa unha fronte de unidade popular”. Pouco despois Iñigo Errejón visitaba Galiza e dicía: “El orden no importa, somos flexibles”. Este alarde de “xenerosidade” mantívose pouco tempo porque ao día seguinte Rafael Mayoral, Secretario de Relacións coa Sociedade, deixaba as cousas claras: “El nombre de Podemos irá en primer lugar”.

Para engadir aínda máis confusión, Podemos fala agora dunha federación das Mareas con Podemos. Isto é o que recollía a acta que levantaba Ourense en Común da súa reunión con Podemos-Galicia: “Comunicar e facer campaña co nome que se acade. Outra cousa é que coidan que debería estar federado por pragmatismo político comunicativo, en consonancia co acordado no seu encontro de Vista Alegre, polo tanto precisarían que o nome da papeleta levase a marca Podemos”.

Podemos fala de “espazo galego de confluencia”, pero quere impor unhas condicións en Galiza

Podemos fala de “espazo galego de confluencia”, pero quere impor unhas condicións en Galiza, como moi ben explicaba Pablo Iglesias o pasado 24 de agosto: “Vamos a ser generosos, pero tenemos una hoja de ruta con límites a los acuerdos” [referíase a Asemblea de Vista Alegre a ao referendo]. E insistía en que a fórmula é: Podemos-X. Iso si, como hai moita xenerosidade, en Galiza teriamos autonomía para poñer o nome desa “X”. Antón Gómez Reino, de Podemos-Galicia, explicaba por que o nome do seu partido debe figurar na papeleta electoral: “Podemos é a ferramenta fundamental de cambio a nivel de Estado”. Por dignidade e por respecto aos procesos democráticos e participativos na toma de decisións, a proposta de Podemos é inaceptábel. Xosé Manuel Beiras xa dixo que Galiza non pode ser apéndice doutras alternativas e que “non hai ningunha forza política que poida ser o galo do poleiro”.

Os poderes fácticos sitúan artificialmente o problema na existencia de dúas alternativas: unha suposta candidatura de unidade nacionalista, que non está proposta por ningunha forza política, e unha candidatura de Podemos-Mareas

Xogámonos moito. Os poderes fácticos saben que unha candidatura galega, unitaria e plural para as eleccións xerais pode conseguir un Grupo Parlamentario Galego nas Cortes e sentar as bases para gañar dentro dun ano as eleccións ao Parlamento de Galicia. Centran, interesadamente, o debate político nunha falta de entendemento entre BNG e Podemos, desconfianzas entre forzas políticas, falta de xenerosidade etc. Por outra parte, hai moita presión mediática para impedir a constitución desa candidatura e sitúan artificialmente o problema na existencia de dúas alternativas: unha suposta candidatura de unidade nacionalista, que non está proposta por ningunha forza política (outra cousa son as opinións particulares) e unha candidatura de Podemos-Mareas. Todo isto para non centrar a atención informativa nas evidentes coincidencias entre os distintos movementos que están en marcha a prol dunha candidatura galega de base cidadán.

A celebración o pasado fin de semana do Encontro Cidadán por unha Marea Galega (EMG) e do Banquete de Conxo 2.0, do que saíu Iniciativa pola Unión (INU), transmitiu á sociedade galega que hai condicións para facer unha candidatura unitaria galega e por iso moitas persoas participaron nas dúas xuntanzas e asinaron os dous manifestos.

Trátase de facer unha candidatura sen exclusións, “aberta ao conxunto de forzas políticas e sociais, así como a toda clase de colectivos e persoas da nación”, como dicía o documento aprobado polo Consello Nacional do BNG. “É preciso o concurso de todas as forzas progresistas para acadar a hexemonía social e electoral. Ningunha das forzas políticas alternativas está en condicións de protagonizar en solitario o cambio político, nin liderar por si soa unha alternativa galega de progreso. Só a mestura e colaboración entre forzas e xentes nacionalistas e non nacionalistas é capaz de sumar vontades e multiplicar adhesións. Convidamos a sumárense ao manifesto aos partidos políticos e ás persoas a eles afiliados” (EMG). “Necesitamos máis que nunca unha ampla unidade cívica que mostre a nosa capacidade colectiva e que permita fraguar tamén unha maioría política que defensa os nosos intereses. Construción dun grande movemento social, cívico e participativo no que conflúan persoas, colectivos sociais e forzas políticas” (INU).

Non existe ningún veto por parte do Encontro pola Marea Galea nin polo da Iniciativa pola Unión

Non existe por parte de EMG e INU ningún veto. Tamén Xavier Vence, portavoz nacional do BNG deixaba as cousas claras: “Se Podemos asume que Galicia é unha nación, que pode conformar unha candidatura plural e unitaria para traballar como un grupo propio nas Cortes, non haberá ningún problema para a confluencia”. Contrasta esta actitude aberta co sectarismo e prepotencia manifestado por Pablo Iglesias: “No quiero que dirigentes políticos de Izquierda unida, y trabajé para ellos, que no son capaces de leer la situación política del país, se acerquen a nosotros”.

A confluencia de EMG e INU é posíbel porque comparten os mesmos obxectivos: “grupo parlamentario galego nas Cortes” (EGM); “grupo parlamentario galego soberano nas Cortes” (INU). O artigo 23.2 do Regulamento do Congreso sinala: “En ningún caso poden constituír grupo parlamentar separado deputados que pertenzan a un mesmo partido”. Isto significa que unha hipotética candidatura Podemos-Marea Galega non podería constituír dous grupos, o de Podemos e o grupo parlamentario galego. Carolina Bescansa, da dirección estatal de Podemos corroboraba esta interpretación: “Desde el punto de vista reglamentario no es posible”.

Comparten tamén o recoñecemento de Galiza como suxeito político e do dereito a decidir. “Candidaturas de unidade popular para as eleccións xerais e as autonómicas, que terán en Galicia un ámbito de decisión propio. Pacto constituínte respectuoso co dereito a decidir da cidadanía e dos pobos que integramos o Estado español” (EMG). “Defensa do dereito radical democrático de Galiza a decidir” (INU). Organizacións políticas que participan nestes dous movementos de confluencia (BNG, EU, Anova, Equo, Espazo Ecosocialista, Compromiso por Galicia, Cerna, entre outros) xa manifestaron a súa coincidencia con motivo da abdicación do rei Juan Carlos, e asinaban o manifesto Galiza pola República e polo dereito a decidir: “Partindo da existencia dunha realidade plurinacional, estamos por procesos constituíntes nas nacións do Estado, para que a cidadanía poida decidir sobre o modelo político-institucional territorial e escoller a forma do Estado”. É coñecido que Podemos non respecta o proceso constituínte da nación galega e inscribe o dereito a decidir só no ámbito dunha consulta  a nivel de Estado.

Coinciden tamén no procedemento para a elaboración das candidaturas: “Proceso de eleccións primarias abertas á cidadanía, con censo de inscrición rogada” (EMG). “Confluencia segundo o principio democrático de cada persoa un voto” (INU). Como contraste, Podemos non está por ese proceso participativo e xa ten elixidas as cabezas de lista nas catro circunscricións galegas. E sobre o nome da candidatura, todos os partidos ceden o protagonismo á cidadanía, renunciando a súas marcas –“As marcas non son importantes” (EMG) e Xavier Vence subliñaba que renunciaban á marca BNG– pero Podemos quere marcar o terreo de xogo: “Respetar la marca Podemos y el liderazgo de Pablo Iglesias”.

Os tempos son chegados. Como dicía Encarna Otero: “Non queda tempo. Isto en setembro ten que estar rematado”. Dadas as amplas coincidencias, todas e todos esperamos que nos próximos días o Encontro Cidadán por unha Marea Galega, Iniciativa pola Unión e outros movementos, elaboren un manifesto conxunto por unha candidatura unitaria galega (o nome é o de menos) e que se inicie un proceso de convocatoria unitaria de encontros en todas as comarcas e concellos de Galiza (máis de 300), así como con todos os movementos sociais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.