Resulta dificilmente aceptábel que formacións políticas que, para as anteriores eleccións xerais, defendían e saúdaban a consecución dun grupo parlamentar galego agora reneguen de tal posibilidade. Se toda a retórica empregada na anterior campaña non foi máis que un mero marketing electoral, coa defensa de Galiza coma pretexto, o novo xeito de facer política acada tintes de auténtica bulra. Se para Podemos e Esquerda Unida a expresión política do pobo galego non merece recoñecemento; se a pretensión de que unha nación, limitada enormemente nas súas posibilidades de construción, acade formalmente un grupo independente non é máis que unha mostra de cretinismo; se o pobo galego non é merecedor de ser tratado coma suxeito político; se pensan todo isto algo debería reflexionarse.
Porque xa non hai escusas. Non cabe, agora, dicir que o social ficaría supeditado ao nacional ou que un grupo independente vaia impedir unha acción política estatal de cambio. Non cabe dicir que á xente non lle preocupa o modo de representación, erixíndose en intérpretes sesgados que aventuran demasiado nun mundo no que lamentabelmente moitas cousas fundamentais semellan non importar. Non vale a impostura de recorrer a crítica do afán identitario galego cando as mostras máis insultantes de identitarismo proceden do ideario español. Non; non caben escusas cando hai un xeito de remedar o feito de que non se permitise a formación de grupo propio. De se dispór dunha solución sinxela, un partido instrumental, e se lle poñen obstáculos a única valoración é que non se quere ter solución. E isto é unha cuestión de vontade que se solventa queréndoo facer.
Precisamos da unidade popular para combater eficazmente as políticas de saqueo que o capital está a levar a cabo contra a maioría social; mais tamén hai que enfrontar a negación dos dereitos democráticos que impiden que os pobos do Estado poidan ter a capacidade de decidir. Logo non é indiferente a consideración do suxeito a quen se representa. Apostar pola defensa da radicalidade democrática no Estado español, cuestionar o modelo hexemónico de dominación significa, tamén, a ruptura coas formas históricas que colaboran a que este modelo se siga a manter e a reproducir.
Proceso rupturista é optar pola creación de ámbitos de poder e decisión da cidadanía, das clases populares, ao marxe dos imperativos dos grupos hexemónicos privilexiados. Mais, que acontece de se eludir o recoñecemento das identidades nacionais? Onde fica a radicalidade e o afondamento democrático? Na España aconteceu un proceso histórico de negación doutras identidades diferentes á propia española e que se manifesta abertamente no seu texto constitucional, nas resolucións de todas as súas instancias xudicias, nos actos de goberno e nas súas leis. Durante moitos períodos do pasado esta negación acadou tintes de prohibicións e represións autenticamente tráxicas para as formas de expresión destas identidades. O réxime que cómpre derrubar tamén é este, e que se plasmou no pacto da transición dun franquismo que nunca foi depurado.
Esquecer que existen pobos que non poden fornecerse dunha expresión nacional, que non poden asumir e gobernar para si os recursos simbólicos e materiais que lles pertencen, porque por eles foron e son elaborados e vividos, deturpa os discursos que se apresentan rupturistas e democráticos. A concepción de que a transformación e o cambio só poden ter como escenario de referencia o locus español deturpa a liña argumentativa que presenta tal ruptura a través da construción de contra espazos de poder ou de poder popular. Expresións como as de devolver o poder á xente convírtese, por carencia, nunha retórica baleira e incapaz de incorporar contidos e prácticas autenticamente transformadores.
Afortunadamente hai cretinos que aínda pensan nos dereitos colectivos, nos dereitos sociais e no dereito de autodeterminación xunto cos dereitos individuais. Afortunadamente fican cretinos que pensan que a catástrofe social e ecolóxica á que conduce o modo de acumulación actual do capitalismo tamén debe ser combatida na súa lóxica cultural e ideolóxica, e da que fan parte as expresións de colonialidade que perviven na España e na civilizada e humanista Europa. Afortunadamente hai cretinos que consideran que todos nos equivaocamos de cando en vez.