Elixir e revogar

O réxime de representación sostense sobre o alicerce dun baleirado absoluto da soberanía popular. Unha transferencia total, ou unha expropiación, máis ben, de capacidades de decisión. Desposuír a multitude e o pobo desa capacidade de decidilo todo e derivala a órganos e institucións aristocráticas controladas por un reducido grupo de persoas.

Nunha das reviravoltas argumentais e falaces tan do gusto dalgúns cadros dirixentes, que levan media vida neste tipo de prácticas, pretenden facer ver que trasladar o dereito de revogación da cidadanía a un pequeno grupo de persoas inscritas ten valor democrático, ético e mesmo dalgunha clase de ruptura

Cando Marx reivindicaba con toda firmeza o dereito á revogación dos cargos electos aludía, así de simplemente, ao feito de que quen ten dereito a elixir tamén debe ter dereito a revogar. E esa é a única maneira de que quede garantido realmente o dereito ao sufraxio universal. O réxime de representación burguesa, como sabemos, xoga á aparencia co sufraxio universal, matízao e négao de facto cando impide e anula o dereito á revogación dos cargos electos. Ou cando o restrinxe e o deriva de facto a diversas institucións da sociedade política. Se non hai revogación, a democracia é unha farsa con galas de coro eclesiástico.

Algunhas organizacións que naceron ou se reencontraron nunha crítica radical do réxime de representación, e que dunha maneira ou outra beberon da explosión do 15 M de hai sete anos, entenderon a revogación como un dereito fundamental. Pero nunca propuxeron transferir ese dereito desde o corpo electoral ao corpo militante da propia organización. Non caeron nesa trampa. Dicíao Antón Sánchez hai uns días, poñendo sentido común democrático e radical no medio do barullo de impostura: a acta dunha deputada é da cidadanía. Con todo, aqueles espazos orgánicos que se dotaron de fórmulas de revogación, porque defenden que, efectivamente, as actas de representantes non se deben aos individuos senón á cidadanía, estableceron mecanismos extremadamente garantistas. Non só se trata de que a representante só pode responder ante as votantes; tamén se trata de impedir que a organización elimine de maneira arbitraria a delegación con que as votantes confiaron nas súas representantes.

Todo o dereito á revogación e por tanto ao sufraxio universal é o que a dirección de En Marea, que teima en minorizar o espazo e reducilo á organización conservadora que algúns soñaron e deseñaron mais non puideron facer cristalizar, fai saltar polos aires dun golpe. Non só non acode ao revogatorio que se establece, coas súas normas, nos textos aprobados polas persoas inscritas en Vigo no ano 2016, senón que inventa unha consulta para un reducido grupo de persoas ás que se lles pide que decidan se unha deputada debe seguir representando as súas e os seus electores. É dicir, nunha das reviravoltas argumentais e falaces tan do gusto dalgúns cadros dirixentes, que levan media vida neste tipo de prácticas, pretenden facer ver que trasladar o dereito de revogación da cidadanía a un pequeno grupo de persoas inscritas ten valor democrático, ético e mesmo dalgunha clase de ruptura. E non é así. O que pretenden non é máis ca unha expropiación groseira do dereito de revogación, cuxa propiedade pasaría arbitrariamente ao poder duns poucos.

Independentemente mesmo dos propios documentos de En Marea e dos mecanismos que establecen para unha revogación, que son moi claros e esixen moita seriedade e rotundidade, unha organización non ten dereito a expropiar a capacidade real de elección da cidadanía. E iso, e non outra cousa, é un atentado sen reparo contra o dereito ao sufraxio universal, que xa o propio réxime ten reducido a unha aparencia sen substancia. No canto de reforzalo, de intervir no poder lexislativo, por exemplo, para instaurar o dereito efectivo á revogación, o grupúsculo dirixente de En Marea pretende reducilo a unha consulta sen garantías na que só tería dereito a participar unha porcentaxe minúscula, microscópica, ridícula, das persoas que elixiron a Paula Quinteiro deputada. Ese é o verdadeiro alcance deste esperpento. Un esperpento que non fai máis que medrar con cada nova xustificación desta destrución de toda lóxica democrática. Mesmo que se ampare nunha filibusteira apelación a unha ética abstracta baseada no principio de autoridade do réxime e nunha colección vil das mentiras máis cínicas.

O grupúsculo dirixente de En Marea pretende reducilo a unha consulta sen garantías na que só tería dereito a participar unha porcentaxe minúscula, microscópica, ridícula, das persoas que elixiron a Paula Quinteiro deputada

Que Paula Quinteiro perda a súa condición de deputada electa só depende da súa propia vontade, dunha revogación da cidadanía (prohibida por lei) ou dunha revogación da organización en cuxas listas foi elixida. E esta revogación pasa por mecanismos moi claramente establecidos nos documentos aprobados en xullo de 2016 en Vigo. O revogatorio ten sentido precisamente só, única e exclusivamente, porque a lexislación vixente non o admite. É unha maneira que a organización ten de advertir da necesidade de protexer o dereito ao sufraxio universal mediante a institución do dereito á revogación de cargos electos. Por esa razón se dota de fórmulas extremadamente garantistas, para evitar arbitrariedades e interpretacións perversas de grupúsculos temporalmente dirixentes. Para evitar que un reducido grupo de persoas asuman en exclusiva un dereito fundamental de cidadanía. De ningunha maneira un revogatorio pode converterse nun procedemento sancionador nin reducirse a unha consulta informal, con normas funcionais e creadas ad hoc, sen garantía de ningunha clase.

A consulta que se quere poñer en funcionamento en En Marea será ignorada por todas aquelas persoas que dunha maneira ou outra entendan que se está a dar un uso fraudulento dunha ferramenta que naceu coas olladas postas noutros lugares e noutros horizontes. A consulta é ilexítima, por moito que os xornais e os aparellos do réxime teimen en lexitimala como o réxime se lexitima, cos mesmos argumentos, coas mesmas ferramentas, tamén coa da representación e a do cinismo. O seu resultado non compromete a ninguén, empezando porque ninguén pode ter garantías da súa limpeza desde o momento mesmo en que se evitan os procedementos estatutarios que realmente as ofrecerían.

Restrinxir este dereito e derivalo a un reducido grupo de persoas é unha maneira perversa de baleirar en beneficio de corporacións e agrupamentos privados os dereitos e capacidades colectivas da cidadanía. Nesa farsa non paga a pena participar

Revogar e elixir fan parte do mesmo proceso democrático. Quen ten dereito a elixir ten dereito a revogar. Restrinxir este dereito e derivalo a un reducido grupo de persoas é unha maneira perversa de baleirar en beneficio de corporacións e agrupamentos privados os dereitos e capacidades colectivas da cidadanía.

Nesa farsa non paga a pena participar.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.