Eloxio da mansedume

A frase "Matádeos a todos, Deus distinguirá os seus", atribuída a varios dos represores da herexía cátara do século XIII, recórdame á política social do PP, tanto en Madrid coma en Santiago. A desvalorización das pensións de cara ao 2013 e os recortes en Sanidade, Educación e Servizos Sociais no orzamento galego para o ano que está a piques de comezar máis ca un plan de choque, é unha especie de maldición xeneralizada para a gran maioría cidadá. Raxoi e Feixoo empeoraron a vida de autónomos, funcionarios, asalariados, pequenos empresarios, pensionistas, desempregados; habitantes da cidade, da vila e da aldea; estudantes e xubilados, votantes populares ou partidarios da oposición.

A súa política de pau para todos non desgastou o poder da dereita en Galicia máis do que o fixo con outras opcións políticas arestora sen poder. Como é posible?

A súa política de pau para todos non desgastou o poder da dereita en Galicia máis do que o fixo con outras opcións políticas arestora sen poder. Como é posible? Por unha banda, a ideoloxía simplista do PP segue a seducir unha parte da cidadanía, convencida de que Raxoi bastante fai con arranxar as múltiplas avarías que deixou Zapatero e que proclama a toda hora que o problema foi que a xente viviu por riba das súas posibilidades. E isto dío xente de ben e aforradora, que vai á caixa renovar o seu prazo fixo cos calcetíns rezurcidos.

Outra parte do electorado fiel ao PP vota poder por estratexia

Outra parte do electorado fiel ao PP vota poder por estratexia. Son persoas escépticas co espírito da democracia, conscientes de que no seu "clima" máis cercano só se consegue florecer se te levas ben cos axentes do poder, alcaldes, concelleiros e axentes de deputacións que a cambio do teu voto e unha "axudiña" colocan o teu fillo na brigada anti incendios, logran que te coen na longa fila da atención hospitalaria e miran para outro lado cando che fai falta unha licenza de obras. Xa que todos somos atacados, Deus (o poder) distinguirá os seus, as ovellas mansas que saben quen manda e permiten sen se queixar que o que antano foi un Estado social de dereito se estea a converter, sen gran balbordo, nunha sociedade de castes na que o dereito se converte en graza (de aí que estean tan en voga os indultos) e a xustiza social en caridade.

O poder engorda cando a miseria se estende. A desvalorización social é máis ambiciosa que a monetaria e os seus efectos máis interesantes para as elites. A falta de oportunidades fainos dependentes, vasalos máis ca cidadáns

O poder engorda cando a miseria se estende. A desvalorización social é máis ambiciosa que a monetaria e os seus efectos máis interesantes para as elites. A falta de oportunidades fainos dependentes, vasalos máis ca cidadáns. E iso alimenta o gran negocio. O que busca o gran capital é o xeito de manter os beneficios nun contexto de decrecemento. Invadir parcelas até agora fóra (aínda que fose parcialmente) do mercado é unha das vías. A outra, que realmente haxa clases baixas que se agarren a calquera traballo por calquera salario. Retorcer a lei da oferta e da demanda para que ter un emprego sexa un privilexio.

A mansedume é letal a longo prazo pero permítelle a quen ten necesidade irse arrimando á calorciña do poder, a manterse do rebusco e das migallas. Foi moi difícil a conquista social. Semella que vai ser moi doada a rendición.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.