Embaixada en Caracas. Hai 17 anos

CC-BY-SA Praza Pública

O 12 de abril de 2002, María Cristina Iglesias, Ministra de Traballo do Goberno de Hugo Chávez, acodía temerosa á Embaixada de España en Venezuela. Suplicaba ao Embaixador Español, Manuel Viturro de la Torre, protección para ela e/ou para a súa familia, diante do golpe de estado promovido pola oposición venezolana, baixo o paraugas protector dos EEUU.

Invocaba perante o embaixador a orixe galega común de ambas familias. Manuel, aínda que nacese en Londres, é fillo do galego Manuel Viturro Somoza, quen na década dos vinte, do pasado século, era asiduo colaborador do semanario coruñes “Marineda”, onde tamén facían as súas achegas: Castelao, Wenceslao Fernández Florez, Julio Camba, etc.

Ela, de pai monfortino, traballador da compañía de ferrocarrís, naceu en Valladolid, por mor dun destino de traballo.

A embaixada foi un hermético e frío muro de inhumanidade ante as demandas de protección de María Cristina.

Manuel pasou tristemente á historia coma o único embaixador estranxeiro que visitou e recoñeceu o goberno do presidente da patronal venezolana, Pedro Carmona, instado polo  Presidente do Goberno español, José María Aznar.

Daquela, Leopoldo López, hoxe “hospede” da embaixada de España, xa exercía de portavoz do seu primeiro Golpe de estado e era un activo militante da represión política. Como alcalde de Chacao, sen ter autoridade legal para facelo, participou na detención do ministro dun goberno democrático. Rodríguez Chacín..

Mentres, outros correlixionarios de “Primero Justicia”, capitaneados polo alcalde de Baruta, Henrique Capriles,  asediaban a embaixada de Cuba, tratando de invadila e cortando os suministros de luz e auga.

17 anos máis tarde, Leopoldo López, que leva ás súas costas o liderado de tres golpes de estado, que promove accións violentes con ducias de mortos, que chama aos militares a alzarse en armas, que ten cargado dialecticamente contra dos procesos de mediación e os seus mediadores (Zapatero, O Papa)... Pide refuxio na mesma embaixada. Solicita protección diante das orde de detención, alegando a inviolabilidade dos recintos diplomáticos.

Por máis que o goberno venezolano faga un mal desempeño da economía ou da política... Por máis que sexa un goberno que dana o prestixio e a capacidade política da esquerda mundial... Un golpe é un golpe, é antítese do respecto as liberdades e a democracia.

Se a estancia de Leopoldo López na embaixada, servise para negociar unha solución negociada, pacífica e democrática á crise venezolana pagaría a  pena. Mais nin na folla de ruta do dirixente de “Voluntad Popular”, nin na dos EEUU, se contempla esta posibilidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.