Como nunha partida de Risk, os funcionarios vímonos acurralados en Kamchatka. Os representantes sindicais, sen armas e aturdidos por informacións difusas, fomos citados un venres, ,ás dúas menos cuarto e en vésperas das vacacións de Nadal; que podiamos agardar? De seguro que agasallos non, horas de discusión e negociación tampouco porque xa na prensa se filtraran noticias confusas de que nos agardaba un desconto do 7% nas nosas nóminas ou que perderiamos a metade da paga de Nadal de 2013 ou diferentes recortes segundo o medio que escollésemos.
As filtracións á prensa pretendían ter un efecto claro, unha táctica da dereita benefactora e paternalista á que xa estamos habituados: non vos preocupedes, os medios din que vos imos cortar un brazo, non é certo, tranquilos, tan só ides perder unha man...
Xa era razoable intuír na entrada á xuntanza que as filtracións á prensa pretendían ter un efecto claro, unha táctica da dereita benefactora e paternalista á que xa estamos habituados: non vos preocupedes, os medios din que vos imos cortar un brazo, non é certo, tranquilos, tan só ides perder unha man...
O director xeral de Orzamentos, un querubín tecnócrata, estaba aflixido. Dixo que foran horas e horas de traballo, buscando e rebuscando onde aplicar a tesoira antes de prexudicar máis os empregados públicos, tan castigados
O director xeral de Orzamentos, un querubín tecnócrata, estaba aflixido. Dixo que foran horas e horas de traballo, buscando e rebuscando onde aplicar a tesoira antes de prexudicar máis os empregados públicos, tan castigados. Pero a procura non deu resultado. Ou vós ou o gasto social. Ou un desconto do 4% nos vosos salarios ou tres mil empregados terán que irse á rúa. Palabra de Deus e palabra do Señor. Porque documentación cero, todo o que dixo foi avalado unicamente pola súa palabra e o seu semblante compunxido, aínda que sen sombreiro na man. Nin un dato contrastado dese esforzo, do suposto aforro, do suposto empeoramento repentino da economía.
Nun peliagudo exercicio de cinismo o director xeral escudouse en que nos últimos meses a situación empeorara considerablemente e cumpría axustar o déficit
Na rolda de intervención das organizacións sindicais, lembráronse as promesas electorais, os grandes titulares da bonanza económica galega e a protección especial que merecían os funcionarios, tras os grandes esforzos realizados. Nun peliagudo exercicio de cinismo o director xeral escudouse en que nos últimos meses a situación empeorara considerablemente e cumpría axustar o déficit, que se o PIB, que se a débeda, a presión dos mercados, o escenario macro, etc... conceptos fríos nos que as persoas, a dignidade ou a supervivencia non tiñan cabida.
A indignación foi en aumento e os alí presentes, entre os que me atopo, decidimos pechar o director xeral de Función Pública e o de Orzamentos ata que acudise o señor Feijóo, o grande mecenas do empregado público, e dese a cara e, de paso, algunha explicación. O edificio da EGAP estaba xa blindado por policía antidisturbios, e @s compañeir@s que agardaban fóra sufriron algunha carga, malos modos e maneiras xa clásicos na nova orde gobernamental. A chamada a Monte Pío realizouse e a resposta foi inmediata: ”O presidente non se vai presentar porque non ten nada que dicir; ou desaloxades ou vos desaloxan as forzas públicas”. Pero nós non nos movemos das nosas posicións e a policía nacional, a diferenza do presidente da Xunta, non tardou en facer acto de presencia, para botarnos fóra baixo a ameaza de comisión dun delito de detención ilegal.
A chamada a Monte Pío realizouse e a resposta foi inmediata: ”O presidente non se vai presentar porque non ten nada que dicir; ou desaloxades ou vos desaloxan as forzas públicas”
Chegados a este punto, pódese demostrar que desde 2010, os funcionarios públicos perdemos un 30% de poder adquisitivo. Tamén se pode afirmar que é un engano á opinión pública e un insulto aos empregados públicos que no ano 2013 percibirán un 3% máis que no 2012, aseveración feita polo presidente Feijóo, imaxino que tras un brainstorming concienzudo en San Caetano, co gallo de maquillar un novo ataque ás retribucións do persoal público.
Quizais vaia sendo hora de abandonar Kamchatka, atravesar o estreito de Bering e lanzarse á conquista do terreo perdido por Alaska. E se non, se non damos ese paso e continuamos agochados nunha resignación inane, non estará lonxe o día en que os funcionarios engrosen a lista das execucións hipotecarias, fagan cola nos bancos de alimentos ou miren impasibles recorte tras recorte, aturdidos por un Grande Irmán cun Ministerio do Amor implacable e efectivo no adoutrinamento da sociedade civil e o castigo da pouca disidencia que quede.