Emprender. Cuestión de actitude?

Dende o comezo da crise económica e máis en concreto durante o goberno do PP, a filosofía do emprendemento tivo unha grande promoción por parte dos voceiros do poder, como xeito de xerar unha filosofía da culpabilización do desempregado. É por tanto vender a posibilidade de emprender, para o que só é preciso “crer en ti mesmo” ou   “loitar polos teus soños” suplindo así a falta de cartos. Emprender é unha cuestión de actitude.

Unha filosofía  moi enraizada na propia sociedade postmoderna, sociedade do hedonismo e o optimismo obrigatorio que venden os coaching (tan de moda nos últimos tempos). Estes lonxe da realidade vital de cada un,  achegan pequenas cápsulas de “soños” e “ledicia” en frases baleiras de contido. Ese optimismo obrigatorio que resposta ao capitalismo máis salvaxe e na que engarzamos o emprendemento que venden dende os ámbitos do poder, e sendo unha idea forza da ideoloxía dominante.

A solución do PP durante estes anos, incapaz de dar solucións laborais á maioría social, é vender o “emprendemento para todos”.  Facendo en certo sentido que sexamos responsables da nosa deriva laboral por non ser capaces de poñernos no mercado. É dicir, fomentando a ideoloxía da culpabilización do desempregado. O desenvolvemento desta  ideoloxía do emprendemento enredando a realidade do mercado  dentro dunha filosofía darwinista social e guiados polos fontes neoliberais.

Non é casualidade que sexan os medios de comunicación social, máis afines ao goberno do PP  os que presentan e promocionan  o emprendemento como a gran solución ao desemprego xa que  fomentar este, é promocionar unha  solución e resposta a falta de traballo asalariado.

Non se trata de negar a necesidade de proxectos emprendedores, pero si negar o fomento da idea ou da filosofía do emprendemento convertida nunha sorte de fetiche do pensamento neoliberal presentada como a grande solución ao futuro laboral, na que todos e todas aquelas que non atopen un traballo asalariado teñen que emprender.

A figura do emprendemento foi moi útil para o Partido Popular. Serviulle non só para agochar as vergoñentas cifras do desemprego, senón tamén para que o goberno presente como un éxito o aumento de traballadores autónomos. Sen dúbida  un síntoma da ficticia recuperación económica pero que en realidade en moitas ocasións agochan a precarización do traballo asalariado coa figura dos “falsos autónomos”.  Un dos maiores fraudes laborais que rexurdiu con forza durante a época da crise cuns 160 000  “falsos autónomos”en todo o Estado segundo a as últimas cifras e que aumentou de xeito exponencial durante a crise. Durante este últimos anos de goberno do PP, tamén venderon este “fraude” como emprendemento.

Pero neses discursos oficiais a posibilidade do fracaso non está presente. Se queremos ver esa realidade  só temos que prestar atención ás cifras. Nos textos das escolas de negocio ou de empresa só o 0,02% dos textos analizan ou falan do fracaso das iniciativas emprendedoras. Tampouco nos medios escoitamos que segundo os  estudos máis optimistas,  só o 50% deses proxectos emprendedores, sobreviven os tres primeiros anos de vida, algo que non escoitaremos nos discursos oficiais.

“Para ter éxito debemos facer todo o posible por parecer existosos” (François de La Rochefoucalud)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.