En común

Vivimos meses de esperanza no panorama dos medios de comunicación en galego, meses de alumbramentos e de esforzos colectivos que comezan a fructificar nunha seara nova e ilusionante. Inmersos, como de feito estamos, nun tempo que pode resultar decisivo para o futuro do país, da lingua e da idea mesma dunha Galiza diferente do triste protectorado periférico no que queren nos converter, a consolidación deste rexurdir debería ser unha prioridade compartida por parte de todos aqueles que non nos resignamos.

O mes de febreiro comezou co nacemento de Praza Pública, o día 1, e concluiu coa aparición de Dioivo, o pasado mércores 29. Trátase de dous medios que ensaian novas fórmulas de xestión e de relación co público, mais que ancoran a súa aposta pola calidade en terreos tan pouco novidosos como o bo xornalismo e a absoluta liberdade e independencia dos profesionais que o exercen. A eles unirase en breve Sermos Galiza, o proxecto economicamente máis ambicioso dos que deben ver a luz neste ano, que compaxinará a publicación diaria na web coa presenza semanal nos quiosques do país e que vén enriquecer un panorama realmente promisor.

A eles unirase en breve Sermos Galiza, o proxecto economicamente máis ambicioso dos que deben ver a luz neste ano e que vén enriquecer un panorama realmente promisor

Podemos estar a asistir á primeira de mil primaveras máis para os medios en galego, que en breve contará cun xornal (De Luns a Venres), un semanario (Sermos Galiza) e varios periódicos mensuais (Novas da Galiza, O Sil e outros) impresos en papel, ademais dunha presenza notable e crecente na web que se concreta en diarios xeneralistas (Praza Pública, Galicia Confidencial, Galicia Hoxe, Diário Liberdade, Mundo Galiza e máis), medios locais (Certo, Crónica 3, Que Pasa na CostaTerra Chá Xa, Val Miñor Info...), revistas xeneralistas e especializadas (Tempos Novos, Código Cero ou Tempo Exterior son algúns magníficos exemplos), unha rede de vinte emisoras locais de radio (Radiofusión), webs de información alternativa e unha blogosfera de calidade, ao que hai que unir aínda a existencia de redes sociais propias como Chuza, Cabozo ou Latrica. Depende de nós traducir esa diversidade e pluralidade de medios, de voces e de perspectivas nun elemento de unión ou de división, e de nada adiantará reclamar do panorama dos medios se non facemos aquilo que está nas nosas mans para fortalecer unha esfera comunicativa galega, en galego e comprometida co país.

Depende de nós traducir esa diversidade e pluralidade de medios, de voces e de perspectivas nun elemento de unión ou de división

Desde Praza, xa antes de nacer cara ao público, avogamos pola cooperación a todos os niveis, tanto no terreo xornalístico como no asociativo e no comercial. E aproveito esta columna para facer un novo chamamento nese sentido: é necesario –e urxente– comezar a darlle forma a esas fórmulas de colaboración, que poden concretarse nunha nova ou renovada asociación de medios en galego, en campañas conxuntas como a das Vitaminas para o galego actualmente en curso, na captación conxunta de publicidade, na contratación conxunta de servizos ou na coordinación de esforzos xornalísticos, entre moitas outras que poidan surxir do diálogo e a posta en común entre todos.

Enténdase ben: a cooperación debe ser, na visión das persoas que demos impulso a Praza, o elemento central de relacionamento entre os medios en galego, mais sen en ningún caso anular a autonomía de cada medio nin entrar en conflito con outras dimensións como a especialización ou a competencia, que practicada con lealdade pode ser un elemento saudable e que a todos fortaleza.

Para concluír, unha reflexión que creo necesaria: o renacemento dos medios en galego está a coincidir con diversas convulsións nos espazos partidarios do galeguismo político, de maneira especialmente acusada no que atinxe ao BNG mais tamén ao PSdeG e ao centro-dereita nacionalista. Pois ben, é obriga de todos, sen excepción, manter as dinámicas políticas no lugar que lles corresponde, sen salferir espazos comúns como deben ser os medios de comunicación en galego. Cómpre estimular un diálogo fraternal, franco e sereno, sen as campañas de trolleo que teñen caracterizado a rede galega desde hai demasiado tempo: cada quen debe, na medida das súas posibilidades, comprometerse con ese propósito, para que o espazo de comunicación galego e en galego sexa un exemplo de tolerancia e de convivencia, de cooperación e respecto ao outro.

Cómpre estimular un diálogo fraternal, franco e sereno, sen campañas de trolleo

Cultivemos o que temos en común, que é moito e é substancial, e que define un campo de acción unitaria do que podemos tirar unha boa colleita para construírmos unha Galiza mellor e máis dona de si, a cal pasa necesariamente por unha esfera comunicativa articulada desde e para a cidadanía galega, sen subordinación a directrices alleas mais tamén sen submisión a intereses de parte. Só a unión e o irmanamento nos darán a forza precisa para poder facer contrapeso ás corporacións mediáticas que hoxe son dominantes e que –con contadas excepcións– defenden un ideario antagónico ao que todos nós propugnamos e constitúen unha paradoxal e perniciosa negación da pluralidade e da independencia necesarias para a construción dunha opinión pública libremente informada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.