En débeda con Cataluña

Como? En débeda cos cataláns? Quen?

Na verdade, Galicia non lles debe demasiado aos cataláns. Algúns deles son pouco simpáticos e insolidarios (pero non son os únicos: tampouco Euskadi, Andalucía nin Madrid compórtanse solidariamente na práctica). Os seus políticos pode que sexan tan malos como os españois —algúns maliciosos din que deben de ser españois—; a proba é que non souberon vender o seu produto. O bando independentista cometeu erros a esgalla. Si. Pero o pasado 21-D, todos os “últimos mohicanos” que seguimos a recear do soft e implacable Leviatán do século XXI, todos os que aínda valoramos a liberdade política, quedamos de algunha maneira en débeda cos cataláns. O Minotauro que controla todo, que fixo dos cidadáns españois submisos súbditos, non foi quen de controlar Cataluña. Tampouco controlou, no 2016, a xentes tan diversas como a pequena Wallonia, os Brexiteers e os votantes de Trump (ignoro se os cataláns gostan desas compañías, pero os feitos son que eses desafiaron ao establishment nun senso ou outro).

Votaron os cataláns o 21-D tendo explicitamente contra eles ao Rei, a UE, Francia, o 155, os xuíces; Cospedal, aludindo sibilinamente ao exército, Policía e Guardia Civil, o Ibex 35, as empresas fuxindo, as axencias de calificación, todos os grandes mass media e toda a opinión pública hispana (“a por ellos, oé”)... Engádanse prisións preventivas dubidosamente xustificables, multas fóra de toda proporción, o Goberno (e a sociedade) nun rumbo moito máis sometedor que conciliador, e así sucesivamente. Votaron, en fin, “sentindo o alento do Minotauro no cogote” (a frase é de G. Magalhaes). Por iso, a causa da liberdade quedou en débeda con eles, independentemente de que un goste ou non do que votaran. Votaron nunhas condicións que, se tiveran sido así en Venezuela, os reproches a Maduro serían universais, e se foran en Hungría ou Polonia, habería que ver que cara poñían en Bruxelas. Nun país verdadeiramente constitucionalista, unhas eleccións celebradas nesas condicións serían inválidas.

Para facer un xuizo pisando terra, consideremos o que segue. Inés Arrimadas é riquiña, valente e mesmo mona; asemade, foi vítima de ameazas soeces, e ten todo o meu respecto. Ben, pero, sendo realistas, que porcentaxe de votos obtería Ciudadanos se acudira ao envite electoral cos seus líderes fuxidos, duramente multados ou no cárcere, con todos os medios en contra; o Rei, ameazando; os poderes económicos, o poder xudicial, a UE, todos en contra, como describíamos máis arriba...? Imposible conxecturar cifras, pero probablemente terían colleitado menos votos; por acaso, bastantes menos.

Xa que logo, é que os votos valen distinto? Non; todos os votos teñen idéntico valor nunha democracia; sobre iso non hai discusión. Pero o 21-D os pro-unidade española votaron sentindo o vento a favor e coas bandeiras despregadas, namentras que os catalanistas votaron sentindo o alento do Minotauro na caluga, todo iso nun entorno —o español— cada vez menos libre politicamente. Tal vez, como din algúns españolistas cataláns, antes sucedera ao revés, tal vez antes o Minotauro fora o catalanismo e a pobriña damisela ameazada fora o españolismo. Non o sei con certeza. Pero todos sabemos, con certeza, que en ningún caso puido pasar de ser un Minotauret cutre e de segunda división, que nunca tivo o respaldo do Ibex 35, do Rei, exército, poder xudicial, UE e demáis dramatis personae antes esmentados.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.