En defensa da violencia

Quzais o principal desarme do movemento obreiro internacional ten lugar no plano ideolóxico. Por tanto a guerra permanente pola organización dun pensamento crítico é presuposto esencial de calquera estratexia gañadora. Estruturar tal discurso en períodos de repregue resulta extramadamente difícil. Sobre todo cando a clase dominante deu coa receita de narrativas de consumo rápido, que irrumpen nas nosas vidas a través dos formatos multicanal dos mass media.

O poder organizou dúas propostas propagandísticas contra a disidencia: dunha banda agochar o conflito a través da súa invisibilización coa reiteración de mensaxes costumistas e idílicas (a cabaza xigante, lembremos) ou a promoción de inexistentes controversias promocionadas (prensa do corazón, prensa amarela, as polémicas “causas do amor” convertidas en espectáculo...). Da outra banda, cando esa invisibilidade resulta grotesca, xenera mensaxes que caricaturizan, criminalizan e banalizan o conflito social. A crítica mediática á violencia reactiva forma parte deste último dispositivo de propaganda.

A velocidade coa que se xenera a información, e sobre todo a ubicuidade dunha “información” dominante que conquista a cada pouco máis formatos comunicativos, arrastrou mesmo a parte da esquerda transformadora (imaxino, por desidia) a adquirir o discurso dominante sobre a violencia como un ben de fácil consumo. Á fin de contas, quen quere permanecer permanentemente alerta contra os enganos? Quen desexa unha vida en vixía constante? Quen desexa tal tensión co cansazo da precariedade das nosas vidas? Quen desexa a complicación da diverxencia e o contraste? E así, outra vez, cometemos aquel pecado orixinal sobre o advertiu, deixando a salvo a distancia, Malcolm X: “se non estás prevido ante os medios de comunicación farante amar ao opresor e odiar ao oprimido”.

Mais se restauramos a convicción de que rehabilitar o pensamento crítico é a única posibilidade de reorganizarnos, este compromiso pídenos na actualidade debullar o discurso dominante sobre temas tan problemáticos como o uso de medios non pacíficos. Non se trata por tanto, malia o que semella suxerir o título do artigo, de defender de maneira abstracta o uso da violencia. Pero si de comprender que a violencia é inherente ás relacións sociais e económicas, e que o seu uso ten carácter estructural, permanente e sistémico no noso conxunto social.

O discurso Paz Democrática, fundamentada na idea do Consenso Constitucional, é unha farsa no contexto de calquera democracia formal. A burguesía non cuestiona (nunca) a violencia en si, a pesares dos seus xogos de espellos. A súa verdadeira preocupación é quen é o depositario lexítimo do seu uso e para que fin. Ou seica somos agora tan inocentes para obviar que a violencia ten presenza absoluta nas nosas vidas en todos os seus formatos?: explotación laboral, do dominio de xénero e sexual, afogo económico, desafiuzamentos bancarios, espolio cultural e lingüístico, impulso imperial de dominio doutros territorios, e... por suposto a guerra. E por suposto a Lei e a Represión.

Ada Colau (por poñer un exemplo da progresía fronte a este problema) vén de participar no teatro das condenas do uso da violencia baixo a lenda “Barcelona é unha cidade de paz”. A idea de que existe en calquera xeografía do noso mundo capitalista unha cidade ou unha sociadede de paz só pode sostela un discurso sistémico, irresponsable ou directamente necio. Barcelona, por redundar no exemplo, ao igual que Vigo ou Tomiño, é unha xeografía de violencia. Violencia contra os manteiros, contra as mulleres, contra as traballadoras, contra as minorías, contra as diverxentes, contra as racializadas, contra as veciñas. En suma, dos menos contra as máis. E, por suposto, tamén, unha xeografía de violencia disidente. De violencia reactiva ou defensiva. De conflito. A única proposta verdadeiramente pacifista (pacifismo real, efectivo, democrático), segue a ser a do movemento obreiro internacional a través da súa proposta socialista/comunista dun xiro radical para a humanidade. A paz non é posible sen igualdade real entre as obreiras no plano de clase ou económico, de xénero e nacional ou cultural. E esa proposta aínda non foi realizada.

Debe someterse á crítica ese discurso de Paz (así, con maiúsculos) ao que as democracias burguesas se adhiren de maneira psicodélica. Con mellor criterio deberan falar de Pacificación. E tal idea ciméntase sobre a contención da disidencia, sobre a invisibilización da violencia que o poder exerce cotiá e tramática. En suma, o único que sostén esa idea fantasmagórica é a existencia dun pacto de silencio e a coacción a través de mecanismos de terro de Estado para quen ameace con quebralo. As sancións aos comportamentos disrruptivos varían da proscripción á prisión. Da morte á miseria. Segundo a chamada “calidade democrática” da burguesía ao mando de cada territorio.

Comprendida así a violencia, como Imperio, e fóra de calquera calificación moral, é unha realidade e un instrumento habitual. A principal pregunta que nos queda formular daquela é: estamos dispostas a deixar que os Estados capitalistas continúen a monopolizar o seu uso en rexime de propiedade e ao servizo do sometemento da Humanidade? O valioso desta cuestión é o seu resultado. Se nos negamos só nos queda avaliar se este ou aqueloutro uso da violencia reactiva e defensiva é útil, acaído ou efectivo. Se responde por tanto a unha táctica e a unha estratexia democrática. Se é ou non proporcionado en función da conquista que se pretende. E mesmo se queremos integrar isto na nosa cosmovisión moral, se é digno ou xusto.

Non se trata de someter a violencia a ningunha crítica intelectual agora. Nin teño tal capacidade nin tal vontade. Ademais tal traballo foi realizado de maneira maxistral por Walter Benjamin na súa “Para unha crítica da violencia” e por Paco Sampedro no seu “A violencia excedente”. Trátase de propoñer que o valor da violencia reactiva ou defensiva non depende de cuestións como a legalidade ou a compracencia da clase dominante. Senón de cuestións moito máis prácticas como a súa utilidade como instrumento e súa lexitimidade en función do fin que se pretende.

Isto así a esixencia de “condenas da violencia” son estúpidas propostas de regreso ao Pacto de Silencio das democracias formais. E non porque a nosa burguesía mandataria teña a pel fina (quen pide logo abandonar ás migrantes á morte certa no Mediterráneo?), non. Senón porque está disposta a defender uso desta en rexime de monopolio polas súas institucións. Porque seguen a pensar que o mundo é a súa parceliña privada. E que na súa parceliña, en función do seu carácter privado, todas somos peóns ao seu mando. E todas dicimos amén.

É posíbel por tanto que “estes mozos nas rúas non son grupos violentos, son os vosos fillos, fillas, netos, sobriños, que perderon o medo e están a se defender da violencia policial. Están esixindo un futuro digno. Falade con eles e comprobarédelo”. Díxoo Mireia Boya, ex-deputada da CUP. E dixo ben.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.