Cando os poderes fácticos lle ven as orellas o lobo, actúan rapidamente, e aproveitándose dos medios de comunicación, -que hai que recoñecer dominan a perfección-, comezan unha campaña de desprestixio e calumnias contra aqueles que lle poden tocar os seus privilexios. Menos mal que non poden dominar aínda algúns medios, como son os diarios dixitais ou as redes sociais, porque si fora así, desaparecería axiña a pouca democracia que temos.
Ven isto a conta, porque cando se empeza a ver que en Galicia existen unhas fundadas posibilidades de gobernarse dende aquí, e mellor, -a Xunta de Feijoo é unha simple delegación do Goberno do PP de Madrid, que so nos trouxo atraso-, e de que por primeira vez na historia poidamos ter un presidente que antepoña os intereses do noso país, inmediatamente se pon en marcha unha campaña contra En Marea incrible. Primeiro dicindo que o de non formar grupo parlamentario fora un fraude ós galegos, cando os que se opuxeron dunha forma retorcida a que houbera ese grupo foron os partidos centralistas, despois dicindo que os deputados pasaban desapercibidos dentro de Podemos, que como se viu despois, na primeira ocasión que tiveron, defenderon esta terra con claridade, cousa, que por certo non se destacou. A continuación incrementando as discrepancias que existen nos partidos que forman En Marea, ou atacando a xestión dos Alcaldes desta coalición que so levan oito meses, esquecéndose do galimatías que tiñan, por exemplo, en Santiago, con maioría absoluta –tres alcaldes nunha lexislatura, corrupción-. Etc, Etc. Ata chegan a tratar correctamente o BNG, agora que xa non é perigoso para eses poderes fácticos, so co fin de restarlle votos a En Marea. Deberíamos de lembrarnos de cómo o atacaban, cando no goberno bipartito intentaban tomar medidas que defendían ó noso país, concretamente o plan eólico, ou o banco de terras, entre outras moitas.
O funcionamento de En Marea é complexo, conviven posicións máis nacionalistas con outras máis esquerdistas, fórmana varios partidos políticos, grupos municipais, etc. Máis apréciase de que buscan a unidade, por certo Castelao tamén o fixo, e traen ideas novas e as mans limpas, son fundamentalmente xente moza e con inexperiencia, semellante, nese senso, a como era o PSOE no ano 1982, e merecen unha oportunidade, e a xente, si non cometen grandes equivocacións, vai a darlla. Eu so lles recomendaría que sexan moi dialogantes e que teñan coraxe e un pouco de paciencia, pois as cousas, aínda que se dispoña de certo poder, son moi difíciles de cambiar. Mais hai que intentalo.