En pé os parias deste mundo

Supoño que apelar hoxe a Montesquieu ou ao abate Sièyes para falar de democracia e, por conseguinte, de soberanía, cando o pobo no seu conxunto se desespera na procura de traballo, ou, sinxelamente, de pan e teito seguros, cando ás xeracións que deberan encarnar o corazón e os pulmóns e o músculo dunha sociedade viva roubóuselles o futuro, resultará, como mínimo, naif. Non hai que esquecer que un ilustre político dos de folla perenne declarou en tempos turbios para el que Montesquieu morrera.

Pode, mais a min gústame beber das fontes para matar a sede.

“A soberanía nacional reside no pobo español, do que emanan os poderes do Estado”, consagra a constitución do 78, a única que temos, por moito que celebrasemos a de 1812. Como debemos entender iso?

Ao Estado abribúiselle o monopolio da violencia. Os vellos manuais de teoría do estado, caracterizaban o seu poder como un poder irresistible para o cidadán, diante do cal nada pode facer máis que acatalo. Daquela, cando o Estado volve o seu poder coercitivo contra os cidadáns, onde queda a soberanía?

A soberanía popular alcanza a súa máxima expresión cando adopta a forma de poder constituínte. Que ocorre, logo, cando o poder xa está constituído? Son os órganos constituídos do Estado os que se apropian da soberanía e só cada catro anos devólvenlla ao pobo para celebrar eleccións, e, unha vez celebradas, apodéranse de novo dela? Vén sendo así como funciona o asunto? A soberanía delégase e desaparece? O poder constituínte, máxima expresión da soberanía popular, desaparece, esvaécese, non permanece en ningures unha vez rematada a súa función?

Eu non podo acreditar niso. E, ademais de non poder, non quero. Négome a admitir que aquilo que, por definición e por principio e por Dereito, por necesidade irrenunciable, nace e debe morrer delegado, se convirta en poderdante ou principal.

A soberanía popular, cuxa máxima expresión, repito, amósase no poder constituínte, non pode, aínda que queira, autoeliminarse outorgando á orde constituída un poder sen condicións nin restriccións. Equivaldría a asinar un contrato de esclavitude entre particulares, que o dereito universal declara imposible, nulo.

O poder constituínte non desaparece nunca, xamais. Como moito, poderiamos admitir que, unha vez cumprida a súa función, pase a un estado de latencia. Non se ve, pero permanece, está. E permanece intacto, é dicir, que se foi el e só el quen construíu a orde constitucional, do mesmo xeito só poderá ser el e saomente el que a revogue. En calquera caso, a latencia do poder constituínte, cuxa radicación únicamente é posible no pobo, debe desaparecer facéndose patencia con todo o seu vigor e a súa forza cando a constitución, que lle pertence en todos os seus termos, estea sendo vulnerada. Se a trangresión constitucional vén sendo algo puramente anecdótico ou puntual, como puidese ser unha norma mal axustada ou unha actuación que rebenta os gonzos das portas do ordenamento, botaríamos man, primeiro, do Tribunal Constitucional –do ideal, do que se ideou como garante último da constitución, non, por suposto, do enxendro desbaratado que soportamos agora-, o órgano previsto para que as cousas volvan ao rego. Mais, se é a orde constitucional mesma o que se está vulnerando, daquela o axuste chouta por riba do alto tribunal, que xa non sei se poderá algún día caer máis baixo, e interpela directamente ao poder constituínte para que se opoña á tropelía. É ao pobo a quen lle corresponde deter os atropelos dos órganos que o representan por delegación expresa e temporal.

E de que modo pode facer valer o pobo a súa indiscutible soberanía cando a vulneración da orde constitucional provoca un estado de excepción, é dicir, unha anomalía, unha anormalidad democráticas? Porque, se os órganos constituídos que ostentan o poder do Estado por delegación temporal, néganse a recoñecer tal estado de excepción, poden sentirse autorizados para empregar contra o pobo a violencia, cuxo monopolio ostentan. Nunha situación como a que describimos, a resposta violenta do pobo, non sería absolutamente lexítima?

Nestes pagos de Deus, atopámonos cun problema engadido a tan espiñenta cuestión. A constitución do 78, elaborada en tempos que, ao parecer, esixían equilibrios e filigranas dialécticas, encaixe camariñés, vaia, nomea ao Exército garante da orde constitucional. Todo o mundo concorda, agás algún ente despistado ou momificado que vai quedando por aí, que o tal precepto constitúe unha auténcia e monumental aberración política.

Digamos, por último, que o poder constituínte ten que ser, necesariamente, un poder pre-xurídico, non derivado de ningún outro, porque se o fose, non sería constituínte. E na nosa amadísima patria, común e indivisible de todos os españois, ou non?, ben sabemos como aconteceron as cousas. Non sei se deberemos reprochárnolo ou simplemente lamentalo, pero, polo menos, recoñezámolo. (Reprochárnolo nunca, porque foron moitos os que deixaron a pel e incluso a vida no camiño cara ao que daquela se conseguiu, e sería arrepiante ignoralos. ¿Lamentalo? Alá cada quen).

Ben, que é o que acontece? Por que me meto nesta ardua diatriva? É que me deu un repente ou me puxen estupendo, como o meu admiradísimo Max Estrella?

Creo e así o afirmo rotundamente, que no Estado español nestes xustos momentos, que ben pouco teñen de momentos xustos, quebrou a orde constitucional, e o pobo está sendo sometido, cun desprezo absoluto, ao abuso e a arbitrariedade. Así o creo. O Tribunal Constitucional, como non podería ser doutro modo, só actúa a instancia de parte, e non vexo, nin quero ver, ao Exército restituindo o que a sevicia, a incuria, as malas artes, os intereses bastardos aos que o goberno do estado, as forzas políticas que o apoian e algunhas que din non apoialo, pero que permanecen cativas dun sistema esencialmente corrompido, que xa non dá máis de si, se venderon, e, desde esa venda roubáronnos a seguridade presente e a seguridade futura, sendo que é precisamente a defensa da seguidade dos seus cidadáns o primeiro cometido que o Estado ten.
 
Roubánnos a soberanía e a orde constitucional. Roubánnos a nosa esencia fundamental. A nós, que conformamos o poder constituínte, que debe erguerse e impoñerse cando a situación así o demande.

Creo e, polo tanto, así o afirmo rotundamente, que agora mesmo, hoxe mesmo, asistimos a unha fraude de lesa constitucionalidade, de lesa democracia.

A pregunta é: como pode o pobo recuperar a soberanía cando lle foi usurpada por aqueles que deberían representala ou exercela no seu nome?

P.S.-Estas reflexións foron escritas bastante antes de celebrarse as elección xerais que teñen detidos todos os tempos. Tíñaas agochadas nalgún recuncho do meu computador e acabo de atopalas. Non é que descubran a pólvora, pero que algo poden axudar e, penso, continúan sendo válidas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.