Os tractores chegan a Compostela. Unha evocación colectiva percorre as rúas e voltamos a unha infancia remota. Quen non ten na pel o cheiro a herba seca do verán. Un eufórico chamado ao noso pasado gandeiro espállase polo espazo virtual. Buscamos na nosa memoria a vaca da avoa ou as cortes na aldea. Se cadra, se damos un paso máis e deixamos as imaxes de arcadias perdidas, atopámonos cunha reivindicación xusta de quen quere producir en condicións de dignidade fronte a un mercado infectado de multinacionais da alimentación, fronte aos gobernos sumisos ou cómplices do desmantelamento do agro galego. Por iso escribo estas liñas sobre a importancia de ter óptica e voz propia no Congreso sitiada polos tractores e aprendendo das gandeiras e gandeiros.
Son moitas e de enorme calidade analítica as radiografías realizadas sobre os problemas deste país. Sobre a crise demográfica e a emigración xuvenil que dificultan un horizonte de futuro. Sobre os reiterados vetos a construción naval, as cotas para a pesca ou o estrangulamento programado do sector lácteo. Sobre a perda do sistema financeiro galego agasallando o noso aforro a un banco que alegremente vende a súa participación nas empresas galegas. Desprezo institucional a nosa cultura e lingua. Privatización da sanidade e os servizos sociais. Invisibilización ou abandono de calquera política de igualdade. Vamos, o que poderíamos cualificar dunha desfeita de país.
Se para Galiza aspirar a ter un grupo propio no Congreso sempre foi importante, nun momento tan decisivo como este é case unha obviedade a defensa do mesmo
Non é unha cuestión de laiarse, pola contra, como diría a tantas veces citada decimo primeira tese de Marx, “a cuestión é mudar isto”. Por iso somos consciente que o futuro máis inmediato xógase na próxima cita electoral. Se para Galiza aspirar a ter un grupo propio no Congreso sempre foi importante, nun momento tan decisivo como este é case unha obviedade a defensa do mesmo. O modelo de estado ten soltas moitas costuras granduxadas con remendos no momento da transición. Hoxe coa experiencia acumulada colectivamente durante estes anos e coa bagaxe doutros momentos cruciais na nosa historia sabemos que nunha posíbel modificación da Constitución os debates non serán os mesmos contando cunha voz propia ou non. Se a cuestión territorial toma forma nestes, Cataluña xa vai marcando o adro dunha nova arquitectura estatal, polo tanto, para nós pode ser unha oportunidade para pensar e mudar as relacións co estado. De non estar presentes teño dúbidas razoabeis sobre a posibilidade de participar en simetria con Cataluña e Euskadi no novo deseño.
Seguro que sobre a viraxe social que cómpre dar ás políticas do estado poderemos coincidir con outros grupos parlamentares, mais no referido a Galiza “a vaquiña polo que vale”.
A nosa voz como nación espoliada ten as notas en clave social. A ruptura co modelo económico que nos afoga tamén supón recoñecer que ese modelo deséñase como os camiños de ferro do estado español, desde o centro á periferia. Cando unha persoa paga obrigatoriamente o aparcadoiro do novo hospital de Vigo á empresa Aljamil S.A., con sede social no Paseo de la Castellana nº140, fai caixa e logo paga os impostos en Madrid. Hai que recoñecerlle o detalle de que no ticket agradece a nosa visita en perfecto castelán. Cando as liñas de alta tensión levan de Galiza o 40% da nosa produción eléctrica cara Madrid, recibimos a cambio esa doutrina do país subsidiario a que tanto contribúe Feijóo. Cando os nosos gandeiros e gandeiras toman as estradas porque non queren desaparecer, as portadas dos xornais estatais -de dereitas e esquerdas- esquecen incluír a mais mínima referencia na portada. Pequeno esquecemento cando a nosa terra produce máis do 40% do leite do estado e está entre as 10 rexións europeas con maior produción. Nada un despiste.
Seguro que sobre a viraxe social que cómpre dar ás políticas do estado poderemos coincidir con outros grupos parlamentares, mais no referido a Galiza “a vaquiña polo que vale”.