Xa é coñecida a miña opinión sobre o BNG na actualidade, expresada no artigo publicado neste mesmo dixital de Praza Pública onde consideraba a esta organización unha entelequia parásita da UPG que debería disolverse, pois sen deixar de recoñecer os méritos que tivo, hoxe está amortizada e xa non ten capacidade de achegar a máis xente que a que achega a propia UPG e polo tanto é este partido o que ten que tomar posición a tenor das circunstancias políticas actuais, totalmente diferentes a hai 4 ou 5 anos, no que a irrupción do 15M do 2011 provocou un cambio na xuventude española do que non foi alleo á xuventude galega. De aí xurdiu Podemos no Estado, pero de aí xurdiu tamén a Marea en Galiza e isto, queirámolo ou non, en lugar de baballoar en contra, como é habitual, terá que analizarse no futuro con rigor, tranquilidade e sen teimas esencialistas para tomar as decisións máis axeitadas na defensa da soberanía da nosa Terra e no cambio social do seu pobo.
Neste sentido, no elixido para presidir a Xunta de Galiza pola Marea Galega, o xuíz Luís Villares, vexo algo realmente importante, non pola definición que deu de si mesmo -que pola súa amplitude algo nos tiña que tocar a todos- senón, sendo positivos, porque reverter as políticas lingüísticas, culturais, e polo tanto educativas, serían unhas das súas primeiras medidas. Se isto é así, entronca decididamente co nacionalismo. A politización galeguista-nacionalista de Galiza comezou pola lingua e a cultura (Irmandades da Fala). As partes máis sensibles, as que marcaron a tradición identitaria do nacionalismo popular foron o idioma e a cultura, de tal xeito que historicamente a UPG tivo como punta de lanza política a fronte cultural creado na clandestinidade, en plena ditadura, nunha igrexa de Noia. E foron sen dúbida e, sobre todo, este partido e os seus adláteres os que indiscutiblemente puxeron o maior empeño nestas cuestións logrando que na actualidade unha grande maioría de galegos de conciencia o sexan pola súa inmersión no noso idioma e a asunción e promoción da nosa cultura, elementos fundamentais para configurar unha identidade nacional e rematar nunha politización de carácter nacionalista.
Polo tanto, aí pódese ver se ambas partes, nacionalistas e Luís Villares-A Marea, entenden o mesmo por “reverter as políticas lingüísticas e culturais ligadas á educación”, se fose así penso que o camiño de aproximación podería ensancharse enormemente.
Dito isto, tamén para Podemos o idioma e a cultura galega son prioridades como para o señor Villares?