En que se parece o PSdeG ao McDonald’s

O Partido Socialista en Galicia funciona coma se fose unha franquía. Se o socialismo catalán é independente e o vasco goza de ampla autonomía, o PSdeG presume xustamente do contrario, de manter inalterable a política que marca a dirección estatal. Na recente historia do socialismo en Galicia o importante non era o que facer senón o onde estar. A súa infraestrutura vive das rendas electorais dun PSOE consciente de que antes ou despois goberna, dentro do vaivén turnista da actual democracia española.

A súa infraestrutura vive das rendas electorais dun PSOE consciente de que antes ou despois goberna, dentro do vaivén turnista da actual democracia española

O importante no PSdeG é ser quen controla a marca, quen representa aquí a mensaxe alternativa de masas ao PP, sen máis esforzo. Fóra do paraugas das súas siglas a vida esmorece –o ex alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, resistiu unha fin de semana á intemperie– e para estar comodamente sentado dentro é máis importante o xogo cortesán que a relación coa militancia. Pensemos en Xosé Manuel Laxe, deputado no Hórreo con gran prestixio e marca histórica de presentación de propostas, candidato querido polas bases da súa comarca e provincia, apartado das listas para o 21 de outubro por vontade do ex ministro Francisco Caamaño dentro da disputa territorial con Pachi Vázquez na Coruña.

Non é que non haxa dinamismo na base socialista, é que se lle bota pesticida tan pronto prende a primeira herbeira de debate interno

Non é que non haxa dinamismo na base socialista, é que se lle bota pesticida tan pronto prende a primeira herbeira de debate interno. As voces máis críticas coa dirección do PSdeG proveñen moitas veces das súas Xuventudes, dalgúns dos seus candidatos municipais que pelexan por facer posible algo incompatible: ter liberdade de pensamento e manterse dentro da estrutura de poder do partido. Velaí Xoaquín Fernández Leiceaga, acubillado no banco da oposición local en Compostela logo de ser a voz do seu partido no debate de reforma do Estatuto de Galicia.

A Rede Galeguista do partido que impulsaron Miguel Barros e Iván Vaqueiro murchou antes de dar o primeiro froito

O galeguismo no PSdeG ten máis saudables as raíces ca as pólas. A Rede Galeguista do partido que impulsaron Miguel Barros e Iván Vaqueiro murchou antes de dar o primeiro froito. Barros busca agora espazo para ese galeguismo socialdemócrata en Compromiso por Galicia; Vaqueiro, candidato á alcaldía do Porriño nas últimas eleccións, apartouse da primeira liña política. Entre a militancia hai de sempre un pouso autóctono que se entremestura nunha harmonía digna de admirar con aqueloutros socialistas que abusan do localismo e desconfían da autonomía, que estimulan o patriotismo de barrio mentres desprezan a cultura e o idioma galegos.

Pachi Vázquez é o chofer dun PSdeG que presume de carrozaría máis que de motor

Pachi Vázquez é o chofer dun PSdeG que presume de carrozaría máis que de motor. O ex alcalde do Carballiño sabe que o importante no partido é ter o volante e avanta a gusto pensando que o desgaste do PPdeG o pode converter en próximo presidente da Xunta sen nin sequera pousar o pé no acelerador. Iso é o bo, pensa el, de liderar un partido-coche. Mais como en calquera vehículo, o piloto pode ser relevado facilmente, aproveitando, por exemplo, que pare a poñer combustible nunha gasolineira, digamos, en Guitiriz.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.