Para comprender cabalmente as consecuencias sociais e, sobre todo, persoais desta crise debese ver En terra estraña de Iciar Bollaín. A película é un exercicio de humildade en si mesmo, pórse ao servizo das voces doutras persoas, e tamén o é por parte das persoas que aparecen nela: emigrantes.
Para comprender cabalmente as consecuencias sociais e, sobre todo, persoais desta crise debese ver En terra estraña de Iciar Bollaín
Son homes e mulleres novas, con estudos universitarios case todos, que se viron obrigados a marchar porque en España non tiñan traballo, perspectiva e tampouco esperanza. Moi lonxe daquelas xeracións que forman parte da nosa memoria inmediata, persoas que chegaban co seu desconcerto e a súa maleta de cartón de rexións atrasadas de Europa ás grandes capitais, sen coñecer sequera o idioma en moitos casos. E con todo, con ter estudos e manexar máis ou menos linguas, non deixan de ser emigrantes, persoas que marcharon da súa terra contra a súa vontade. A xeración anterior tiña a confianza en que melloraría, esta ten a amargura de comprobar que o seu país prescindía dela.
A ministra de Traballo do seu país chegou a dicir que a "mobilidade exterior" hai que vela con naturalidade, e é tal a inmoralidade no país que deixaron atrás que ninguén a obrigou a dimitir. Pero a medida da inmoralidade social e política desa sociedade é que cando quedou probado nun xulgado que o partido gobernante se financiou con diñeiro negro durante quince anos, é dicir que alcanzara o poder mediante delitos ou faltas, e que eses gobernantes recibían ilegalmente sobres con diñeiro de orixe descoñecida, os partidos que dicían ser oposición non fixeron unha moción de censura para depor o goberno ou esixiron a súa dimisión.
A oposición avalaba así que a corrupción era algo normal e, na práctica, aceptable. A medida da impunidade da corrupción tamén a daba que o home que manexaba innúmeras contas secretas de innúmeros millóns, o dono dos segredos escuros dese partido gobernante e ese goberno, ía saír libre baixo unha fianza da quinta parte dun millón de euros.
En España campaban libres, impunes, gobernando, os corruptos, mentres eles estaban condenados a emigrar. E non eran persoas ignorantes, sabían perfectamente todas esas cousas
En España campaban libres, impunes, gobernando, os corruptos, mentres eles estaban condenados a emigrar. E non eran persoas ignorantes, sabían perfectamente todas esas cousas. Que debían pensar e sentir esas persoas emigradas do país que tiveran que abandonar? Pensaban que España non tiña arranxo, que era un país corrupto e sentían rancor e amargura. Unha pregunta que non é insignificante: Que cousa é o patriotismo nun país así?
Con todo, os seres humanos facémonos a todo e moitas desas persoas non só atoparon oportunidades de traballo, aínda que precario, senón tamén lugares onde foron recoñecidos e permíteselles imaxinar unha vida alí. Quedarán, e farán a súa vida enriquecendo outro país. Desde os anos oitenta ouvimos anunciar periodicamente "a xeración mellor preparada da historia", xa van varias e dúas ou tres delas foron exportadas. Sentíndose elas deportadas. É un fracaso histórico socialmente e son miles e miles de pequenos ou grandes dramas persoalmente.
Moitas desas persoas non só atoparon oportunidades de traballo, aínda que precario, senón tamén lugares onde foron recoñecidos e permíteselles imaxinar unha vida alí. Quedarán, e farán a súa vida enriquecendo outro país
De todos os xeitos quen fala en En terra estraña é quen pode facelo, persoas con información, perspectiva, capacidade crítica. Pero non podemos deixar de ver que xunto a esa mocidade emigrada polo mundo consciente da inxustiza está unha gran cantidade de persoas que enchen os campos de fútbol máis ou menos alegremente ou se presentan á selección para Gran Hermano. Este ano pasado presentáronse 70.000 mozos, oín. Toda xeración crítica vese obrigada a arrastrar un peso enorme que lle dificulta ou lle impide realizar a súa tarefa. Sempre hai xente lúcida e sempre hai unha gran masa que mamonea.
En terra estraña ofrece algo impagable, fronte á mirada abatida, sometida aos amos da realidade, esas persoas ofrecen a mirada desde fóra dos exiliados
En todo caso, En terra estraña ofrece algo impagable, fronte á mirada abatida, sometida aos amos da realidade, esas persoas ofrecen a mirada desde fóra dos exiliados. Desfai o tópico español de ”somos a alegría do mundo” e obriga a encarar unha sociedade en verdadeira crise moral.
E A 10.000 Kms de Carlos Marqués-Marcet enlaza coa anterior, trata dos custes persoais da separación física. Este momento da civilización baséase no conto de que todo é posible, que as distancias non existen e que todo pode ser substituído por tecnoloxía, pero somos o que somos, animais que nacemos e morremos, mamíferos que se cheiran, tócanse, imprégnanse.
A 10.000 Kms, de Carlos Marqués-Marcet enlaza coa anterior, trata dos custes persoais da separación física
As persoas poñen distancia do seu lugar e mesmo das persoas que queren por necesidade, por lexítima ambición ou polas dúas cousas, o filme trata de algo moi simple, o prezo persoal que se paga por emigrar.
Hai moito tempo que non vexo unha película que me deixa sen palabras tras vela. Un actor e unha actriz a pelo e alguén oculto tras a cámara consegue que esquezamos esa nudez e que acompañemos esa parella no seu camiño.