Poden as fontes alternativas de enerxía desprazar ás de orixe fósil? Esta é a pregunta inicial que se fixo un equipo dirixido por Richard York, do Programa de Estudos Ambientais do Departamento de Socioloxía da Universidade de Oregón, ao emprender un estudo que vén de ser publicado este mes na revista Nature Climate Change, do mesmo grupo editorial que a famosa Nature. A resposta: si, pero só moi modestamente.
York tratou de debullar o resultado final, ou actual, da introdución das fontes de enerxía alternativas ás fósiles –a eólica, a solar, a hidroeléctrica, a xeotérmica e mesmo a nuclear– na meirande parte de Estados do mundo, até 132, no último medio século, concretamente entre 1960 e 2009. No seu amplo estudo estatístico conclúe que tanto o Grupo Intergobernamental de Expertos sobre a Mudanza Climática (IPCC, siglas en inglés) como unha manchea de analistas en cuestións enerxéticas, que sempre deron por sentado que cada unidade de enerxía proporcionada por fontes renovábeis pasaba a substituír unha unidade de enerxía procedente dos combustíbeis fósiles, estaban trabucados.
Tampouco é que os resultados sorprendan, pois ao cabo só dan un aval universitario ao que moitos grupos ecoloxistas nos levan advertindo nas últimas décadas. Tendo en conta que o noso sistema económico está baseado no crecemento continuo, e xa que logo no medrar compulsivo da produción e do consumo, non é difícil concluír que a substitución dunha forma de enerxía pola outra non abonda, pois cada día precisamos máis.
Na meirande parte de países cada unidade de enerxía usada procedente de combustíbeis non fósiles, tan só reempraza unha cuarta parte de unidade de enerxía procedente de combustíbeis fósiles
Porén, as conclusións de York son ben alarmantes en termos cuantitativos. Indican que, en xeral e na meirande parte de países, cada unidade de enerxía usada procedente de combustíbeis non fósiles, tan só reempraza unha cuarta parte de unidade de enerxía procedente de combustíbeis fósiles. E se falamos de electricidade, cada unidade non fósil só consegue substituír unha décima parte de unidade fósil. Vaia, que para manter o noso consumo eléctrico global –actual– sen emisións de gases con efecto invernadoiro precisaríamos multiplicar por dez a produción de electricidade derivada de fontes de enerxía alternativas, non todas limpas por outra banda. Dez veces máis muíños de vento, dez veces máis centrais nucleares, dez veces máis centrais hidroeléctricas, dez veces máis plantas de biomasa… E mañá once, pasadomañá doce, trece, catorce…
Isto convídanos a afirmar que o do capitalismo verde, que só se basea na ben estendida falacia de que os avances tecnolóxicos permitirán perpetuar o sistema capitalista sen danar a biosfera, non suporá nin de lonxe unha solución á crise de todas as crises. “Enfrontámonos a unha crise terminal que pon en perigo a maior parte da vida no planeta, a civilización e a existencia mesma das xeracións futuras (…) os intentos de resolver isto a través de solucións tecnolóxicas, a maxia do mercado, e a idea dun capitalismo sustentábel son simples formas de negación ecolóxica, pois ignoran a capacidade destrutiva inherente ao actual sistema de desenvolvemento insustentábel– o capitalismo”, conclúe York.
O capitalismo verde, que só se basea na ben estendida falacia de que os avances tecnolóxicos permitirán perpetuar o sistema capitalista sen danar a biosfera, non suporá nin de lonxe unha solución á crise de todas as crises
Dende os máis poderosos think tanks do capitalismo levan anos tratando de nos convencer de que o progreso tecnolóxico abre o camiño cara a desmaterialización das nosas economías, dando corpo a tecidos produtivos cada vez menos dependentes da materia e da enerxía. No entanto, as economías máis avanzadas do planeta seguen a ser as que gastan máis materia e enerxía. É máis, non poucos científicos, analistas e activistas, xeralmente aliñados coa opción do decrecemento, postulan que a aposta polas tecnoloxías eficaces resulta moitas veces prexudicial, pois incitan ao aumento do consumo irracional, principal causante da crise ecolóxica. Chámanlle efecto rebote.
François Schneider, da escola francesa, explícao moi ben: “Os automóbiles de baixo consumo permítennos chegar máis lonxe polo mesmo prezo; os transportes rápidos libérannos tempo para devorar máis quilómetros; os produtos electrónicos de tamaño reducido permiten que cada membro da familia dispoña dun; o desenvolvemento da tecnoloxía solar e eólica facilítanos seguir aumentando o consumo de enerxía…”. O resultado, sempre máis consumo.
"O fracaso das fontes de enerxía non fósiles para desprazar ás fósiles é, probabelmente, en parte atribuíbel ao sistema de enerxía establecida"
Para rematar, e volvendo ao antedito estudo académico, só quedaría unha pregunta: e por que, comprobados estes datos, os nosos gobernantes non emprenden a substitución absoluta das vellas fontes de enerxía polas alternativas? A resposta tamén a apunta Richard York: “O fracaso das fontes de enerxía non fósiles para desprazar ás fósiles é, probabelmente, en parte atribuíbel ao sistema de enerxía establecida, onde existe un predominio, que dura moitísimos anos, dos combustíbeis fósiles como fonte de enerxía de base e unha xigantesca infraestrutura fósil-dependente, e pola outra parte debido ao poder político e económico da industria dos combustíbeis fósiles”.