Ensinanzas-provisionais-da pandemia

CC-BY-SA Praza Pública

Os esenciais.

Moitas das persoas que están a fornecer os servizos esenciais (sanitarios, dependencia e maiores, sociais, seguranza, mantemento e limpeza, produción e distribución alimentaria...) foron cualificadas no próximo pasado como xente doadamente substituíbel que non achegaban valor e, xa que logo, non xustificarían a actualización do salario mínimo. Agorta constitúen parte substancial da nosa capacidade de resposta social. No 1945 as clases medias e traballadoras de USA, Reino Unido ou Francia acadaron un “new deal”, un novo pacto social. A tensión social será, de seguro, unha constante no próximo futuro, para determinarmos de que xeito se distribúen os custos da reconstrución.
 

A saúde é o o primeiro.

A máis prezada conquista do Estado do Benestar é a saúde pública, universal, gratuíta e de calidade. As retalladas austericidas degradaron dende 2008, de xeito moi substancial, a capacidade de resposta das sanidades europeas, nomeadamente, para o que nos importa, da sanidade galega. Para pandemias futuras cumprirán reservas estratéxicas de recursos para emerxencias sanitarias. E, sobre todo, máis respecto e máis diñeiro para o persoal sanitario.
 

Xestión de proximidade e gobernanza en rede vs centralismo radial.

Alemania e Suiza están a atender a emerxencia dende a coordinación en rede, consensuando as actuacións na escala federal. O Goberno do Estado non se decatou das vantaxes comparativas do Estado plural e descentralizado e quixo impór un Mando Único e unha emerxente militarización cando as solucións eficaces son as de proximidade e a gobernanza máis resiliente é a horizontal en rede. Velaí a deficiente recentralización da merca de material sanitario, mesmo con requisas contraproducentes. Os Ministerios até descoñecen onde están as infraestruturas e recursos esenciais dos territorios. 

 

Investigación, innovación, tecnoloxía!

Estamos a pagar as retalladas da Grande Depresión no I+D+i. Galicia inviste só o 0,87% do seu PIB en I+D+i. A investigación e a innovación non se poden inventar en quince días. Só se recolle cun traballo de semente e desenvolvemento continuado, avaliado e eficaz.

A pandemia actual amosa a importancia das tecnoloxías para manter conectada unha sociedade, extender o t eletraballo e garantir o fornecemento de enerxía. Como di o empresario galego Ferreira Dapia “tecnoloxizarse ou morrer”.

 

Reindustrialización de proximidade e autonomía alimentaria.

Non podemos depender nas nosas actividade esenciais de liñas de fornecemento lonxanas e de poucos territorios-factoría. Temos níveis de formación, enxeñería e teconoloxías abondo como para tentar un grande salto reindustrializador. Cómpre apostar pola máxima conectividade física e de telecomunicacións e a enerxía máis barata posíbel para este repto.

Non é viábel nin económico depender de producións alimentarias esóxenas. A autonomía alimentaria garantirá a calidade e regular fornecemento dos mercados e inxectará no tecido produtivo, nomeadamente no galego, os beneficios da economía circular, que inviste aquí o que aquí xera.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.