Entramos nun novo proceso constituínte

Estamos no camiño dun novo proceso constituínte do Estado Español, a Constitución do 78 está esgotada e, sobre todo, negada precisamente polos que a invocan como un tótem.

Unha dirección política reaccionaria e centralista na construcción do novo estado que conduciu a este camiño choído, España está nunha situación sen saída ante un muro, só se pode avanzar tirando co muro

A constitución vixente foi no seu momento un gran avance democrático tras o nefasto e terríbel periodo histórico que naceu do golpe de estado que deu lugar á Guerra Civil, permitiu exercer as libertades cidadás e recoñeceu a existencia das “nacionalidades históricas”. Con independencia de que vísemos os seus límites desde o principio e de que gustemos máis ou menos desta constitución, podía ter sido un instrumento e un marco razoábel para resolver os conflictos de convivencia, porén a interpretación dese texto ficou condicionada pola dirección que lle imprimiron a Monarquía e os dous grandes partidos estatais tras o golpe do 23-F. Unha dirección política reaccionaria e centralista na construcción do novo estado que conduciu a este camiño choído, España está nunha situación sen saída ante un muro, só se pode avanzar tirando co muro.

Non contamos con fortes forzas políticas propias. Hoxe a Galiza a penas ten presenza e voz propia para expresarse políticamente

As resistencias a abrir un novo proceso constituínte por parte do sistema de poderes formado polo capital financieiro, os medios de comunicación radicados en Madrid, e os dous partidos a sosteren a monarquía non pode solucionar os dous graves problemas: a intención da maioría dos cataláns a exercer a democracia e a distancia e o descrimento da maioría da poboación neses dous grandes partidos estatais e no mesmo réxime vixente. Esas resistencias son un inmobilismo moi míope e reaccionario que vai conducir ao medre de partidos populistas e a que se pudra o enfrontamento con Catalunya. Que Catalunya se afunda na desesperación non vai ser bo tampouco para a España. Mais todo fai prever que vai ser así.

O caso é que a Galiza volve ter que afrontar unha nova situación decisiva históricamente como xa foi a Transición e, como entón, volve a ter pouquísima forza para defender unha posición propia que salve a nosa existenza nacional e os nosos intereses como sociedade. Como entón non contamos con fortes forzas políticas propias. Hoxe a Galiza a penas ten presenza e voz propia para expresarse políticamente.

Tras a morte de Franco chegamos ao tempo de mudar de réxime político cunha sociedade que ficara sen dirixentes e sen cadros para dirixir un país debido á represión fascista e un país tremendamente debilitado pola emigración masiva a América e logo a Europa.

O galeguismo, un movemento histórico rexeneracionista que se expresaba na cultura e na política de xeito entrelazado, pola súa parte aínda padecía as consecuencias dunha das súas dúas crises históricas. A primeira foi a división das Irmandades da Fala, enfrontadas a Irmandade coruñesa que quería manter o carácter político a outras Irmandades conmadadas por Risco que as orientou ao culturalismo. E a segunda foi na difícil situación do franquismo cando Piñeiro, no novo cenario da Guerra Fría, entendeu que non había nin habería no futuro posibilidade para existir a Galiza nacionalmente e, renunciando á resistencia política e rompendo co exilio, deixou unha nova xeración orfa e desconcertada que tivo que recomezar desde cero.

Esa debilidade galega, o non termos forzas políticas propias fortes, fixo tamén que a oportunidade histórica que foi a autonomía ficase nas mans dunha dereita sucursalista e que non cría nela, e así foi desaproveitada en case todos os ámbitos

Tras a morte de Franco e cun novo cenario aberto a reformas, as forzas políticas galegas, moito máis débiles do que pensaban, ficaron á marxe e sen capacidade de presión nas negociacións que deron lugar ao novo estado e ao novo tempo político. Habería que facer unha pouca memoria agora e relatar como o nacionalismo galego tropezou cunha realidade moi dura para a que non estaba preparado, a impotencia (e tamén a importancia) do Consello de Forzas Políticas Galegas, o fracaso rotundo nas eleccións de 1977 foi un verdadeiro choque coa realidade. Aquel fracaso ante a realidade social e política abriu crises tanto no BN-PG (UPG e AN-PG) como no PSG, integrado entón nunha Federación de Partidos Socialistas que rompeu e engordou a un PSOE que renacía con maletas cheas de moeda alemana e que precisaba de militantes. Comprobar que vivían nunha bocha de ideoloxía pura sen conexión con aquela realidade social e politica causou desconcerto e desesperación. Esa debilidade galega, o non termos forzas políticas propias fortes, fixo tamén que a oportunidade histórica que foi a autonomía ficase nas mans dunha dereita sucursalista e que non cría nela, e así foi desaproveitada en case todos os ámbitos.

A cultura política do nacionalismo galego de esquerdas, impregnada de medos e de receos contra todo e contra todos, ten sido nefasta para a existencia desa ferramenta que o país precisa

E encontrámonos de novo ante unha crise do estado, unha nova xeira histórica, e Galiza semella que non vai ter presenza propia para renegociar soberanía, pois diso se trata. A crise que viviu o nacionalismo galego non pode ser comprendida desde fóra, o BNG non rompeu por verdadeiras discrepancias no diagnóstico dos nosos problemas nin tampouco polas politicas a defender senón por enfrontamentos internos. A cultura política do nacionalismo galego de esquerdas, impregnada de medos e de receos contra todo e contra todos, ten sido nefasta para a existencia desa ferramenta que o país precisa, un partido galego de esquerda democrática hexemónico na sociedade, non lle permitiu a moitos militantes convivir uns con outros. Esa cultura política e tamén os personalismos, claro é.

A esquerda nacionalista galega actual é a forma que tomou o galeguismo político, naceu moi condicionado polo franquismo e ficou moi preso da experiencia da resistencia, as súas análises non coinciden co que pensa hoxe a maior parte da sociedade e non cabe moita dúbida de que debe abrirse e achegarse á sociedade, porén é a base sobre a que hai que construir un país. Pois outra non hai. Os conflictos persoais dentro do nacionalismo galego, a dificultade de convivir é unha evidencia neste momento e non é un problema pequeno, agora que a análise da experiencia dinos que se houbo unha cousa na que errou o noso país foi en non apostar por forzas políticas propias.

Afrontamos unha etapa na que se xoga a mesma existencia histórica da Galiza e o proxecto españolista tradicional, precisamente porque está custionado democráticamente desde Catalunya, está máis radical e centralista que nunca

Afrontamos unha etapa na que se xoga a mesma existencia histórica da Galiza e o proxecto españolista tradicional, precisamente porque está custionado democráticamente desde Catalunya, está máis radical e centralista que nunca. A Xunta está anulada políticamente, se hoxe a Galiza aínda existe como un proxecto nacional para dentro do país e para fóra é porque existe unha forza política galega presente nos dous parlamentos. O que garante a existencia dun país non é o ter institucións propias meramente pois poden ser anuladas como instrumento de autogoberno e ser utilizadas como instrumento da dependencia, senón o ter forzas políticas propias.

Hai que participar nos procesos políticos na Europa e no Estado, hai que facer alianzas cos partidos estatais que respecten e recoñezan o proxecto nacional galego..., mais sen renunciar nunca ao imprescindíbel: contar con forzas políticas propias

O erro de análise de Piñeiro foi grande e as consecuencias profundas, hai que afrontar a realidade coas súas dificultades e abrirse a ela, hai que dialogar coa propia sociedade e co tempo que se vive, hai que participar nos procesos políticos na Europa e no Estado, hai que facer alianzas cos partidos estatais que respecten e recoñezan o proxecto nacional galego..., mais sen renunciar nunca ao imprescindíbel: contar con forzas políticas propias. O proxecto político neoespañolista pretende acabar coa Galiza, toca reafirmar a súa existencia política e engordar unha candidatura unitaria unindo o que nunca debera ter roto.

É un bo momento para ensaiar algo moi pouco practicado polo nacionalismo galego, o diálogo respectuoso e o recoñecemento do que pensa distinto, co fin de que este país se salve.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.