Convén comezar a pensar desde xa, os pasos a tomar de cara á recesión económica que se nos vén enriba. A crise da Covid19 non é o produto de unha disfuncionalidade do sector financeiro, nin un reaxuste produtivo na dixestión da fábrica global. É un anticipo das consecuencias que está a ter o choque do sistema capitalista contra os límites da biosfera.
Este impacto déixase sentir nas entrañas do sistema produtivo, alterando as condicións laborais. Pero vaiamos por partes: o anterior ciclo financeiro, colapsado coa pasada crise, encamiñaba á economía española a medrar en torno a un 6% anual entre 2014 e 2025 coa fin de estabilizar a débeda en torno ao 60% do PIB, uns valores próximos á actual débeda alemá. Ninguén agardaba que isto acontecese, pero este marco de referencia coloca agora ao Estado nunha posición sumamente difícil ante os mercados internacionais. As caídas prognosticadas en torno a un 6 e un 13% do PIB, así coma o ascenso do déficit público (até o 10%), preludian unha condición de debilidade, tal como demostra o recente incremento dos intereses da débeda española.
O grande problema non se encontra, sen embargo, no escenario financeiro, senón nas alternativas laborais post-covid. A presente xeración de traballadorxs xóvenes fora xa bautizada polos medios de comunicación como unha “xeración perdida” durante a anterior crise financeira. A unhas escasas saídas laborais, emigración forzosa e precariedade crónica, uníanselle os maiores recortes da historia da democracia, o aumento dos prezos do aluguer e unha desigualdade de renda en aumento. Encaixada entre dúas recesións en a penas dez anos, ás clases medias precarizadas, úneselle o sector dxs traballadorxs pobres e xs traballadorxs migrantes, presionadxs cara as fórmulas de emprego máis draconianas (como é o caso dxs autónomxs dependentes), estacionais ou directamente irregulares.
Especialmente grave é a situación no sector do pequeno comercio, a hostelería e o turismo. O primeiro leva décadas sufrindo unha derrota tras outra fronte ás grandes superficies e todo parece indicar que este pode ser o seu golpe de graza, o segundo e o terceiro son referentes de emprego precario e mal pagado ao que nos agarrabamos o proletariado millenial para paliar situacións de vulnerabilidade económica. Trátase de dous sectores emparentados sumamente temporais, que nos integran e nos expulsan segundo se incrementa e reduce o fluxo consumidorxs. Ao encollérense, encolle tamén a última táboa de salvación que nos mantén a flote sobre a exclusión social e o risco de pobreza.
Seguramente ningunha resposta do goberno central sexa suficiente para facer fronte ao crack económico e a súa réplica emane das institucións europeas. Algunhas medidas inmediatas do executivo, coma os ERTE's, corren os risco de convertérense en despidos coa volta á actividade, de aí que o executivo planee derogar (torpezas mediante) os aspectos máis lesivos da reforma laboral. As decisións tomadas en torno ao aluguer, en cambio, seguen reiterando no erro de tratar a vivenda coma un mercado e non coma un dereito e o mesmo acontece co Ingreso Mínimo Vital, cuxo alcance e esforzo non se deben desprezar, pero que está moi lonxe de garantir o dereito á vida nunhas condicións dignas. Un parapeto coma o do escudo social defendido por Podemos implicaría unha reforma fiscal encamiñada a aumentar a recadación do Estado por medio da exacción das rendas máis altas. Non parece que teña colleitado moito éxito polo momento.
Descartada, case con toda probabilidade unha recuperación en forma de V, agora tócalle ás autoridades da UE tomar partido. A proposta francoalemá non é unha vitoria progresista e moito menos transformadora, pero afasta no curto prazo a necesidade de recorrer a outras medidas que impliquen contraprestacións. Preténdese asegurar unha liña de transferencias por medio de emisións de débeda que sería asumida polas institucións europeas. Desta forma rebaixaríanse os intereses e evitaríase que os rentistas internacionais atopasen na debilidade económica unha fonte de ganancia, conxelasen as liñas de crédito á economía produtiva e dedicasen o diñeiro á especulación.
O problema aquí reside en cara onde irán destinadas as axudas que se poñan en marcha desde o Estado e a UE. Todo parece indicar que os estímulos económicos postos a disposicións dos mercados estarán dirixidos a continuar o que desde o ecoloxismo se coñece como escenario BAU (Bussiness As Usual), fortalecendo a andaina habitual do ciclo económico. Se o esforzo europeo se restrinxe a rescatar grandes empresas (aviación, automobilísticas turísticas etc.), reproducirán a receita da pasada crise financeira, insistindo nun modelo económico que se ten revelado ineficaz até o absurdo. Privatiza os beneficios en épocas de bonanza e socializa as perdas precisamente nos momentos de maior necesidade.
Cabe destacar que a crise social que nos acompaña está a darse en paralelo a unha profunda crise ecolóxica. Os informes dos expertos sobre o Cambio Climático e esgotamento de recursos, son moi claros. Un ascenso da temperatura por enriba dos dous graos de media suporía o colapso de entre o 15 e o 50% dos ecosistemas, polo que o quecemento global tomaría inercia propia e volveríase fisicamente imparábel. Urxen medidas de intervención económica destinadas a reducir o uso de materiais e enerxía, pero esta redución debe darse en paralelo a medidas que aseguren os consumos básicos das maiorías sociais. De non ser así, resultará imposíbel artellar unha Transición Ecolóxica conservando a cohesión social necesaria para levala ao cabo. A implementación de subsidios sociais, rendas básicas etc. hoxe son a única medida que garanten un mínimo vital ante unha estrutura laboral en shock.
Os estímulos económicos non deben derivar nunha maior concentración de capital, pola contra, deberían prever a necesidade da descarbonización da economía, ao tempo que se fortalezan os mercados internos por medio de incentivos ás economías de proximidade. É tempo de forzar ao BCE a que abandone a súa falaz “independencia” e financie directamente aos estados, para así poder costear un cambio de modelo. Decrecer en termos absolutos non implica que todos os sectores teñan que minguar: a innovación tecnolóxica debe orientarse á evolución de técnicas de aforro enerxético. A minería de vertedoiro xunto co desenvolvemento da economía circular son dúas ferramentas esenciais para pechar ao máximo o ciclo de materiais. O S. XXI ten que ser escenario de outras formas de educar e coidar, nas que as fronteiras entre sociedade e natureza se difuminen, para o que é imprescindíbel o papel da educación ambiental. E por suposto, este é o momento para facer un grande esforzo económico en enerxías renovábeis que podería enmarcarse nos territorios máis golpeados pola recesión económica. Se non é agora, cando?