Nada máis simbólico do que algúns consideran que é promocionar a cultura, que a aterraxe dun helicóptero no Gaiás, ese mamotreto, saco sen fondo de cartos para satisfacer egos persoais, que ensombrece a cidade de Santiago. Así é como comeza o vídeo musical de Enrique Iglesias, no que durante pouco máis dun minuto se refire a Galicia, en algo que parece máis ben unha promoción do Benidorm dos anos 70, con Pajares, Esteso e Ozores alucinando coas suecas.
Nada máis simbólico do que algúns consideran que é promocionar a cultura, que a aterraxe dun helicóptero no Gaiás, ese mamotreto, saco sen fondo de cartos para satisfacer egos persoais, que ensombrece a cidade de Santiago
O obxectivo segundo Feijoo era “dar a coñecer o país”, e para eso, a Axencia de Turismo debeu pensar que nada máis representativo da nosa terra, que o casco vello de Lugo, a Praza do Obradoiro, ou a Ribeira Sacra, como imaxes dunha canción na que un tío en pleno outono canta en Galicia: “hay calor en la ciudad, hay calor en la bahía”, ou que recita frases tan “pouco” sexistas e representativas da nosa cultura como :“eres la envidia meneándote toda”. Como senón tivéramos festas dabondo que promocionar na nosa terra, transforman o Mosteiro de Carboeiro nunha discoteca, como se Galicia fose a capital de Miami.
Esta paifocada podería ser un chiste, senón fora porque a gracia custounos a tod@s os galegos máis de 300.000 euros adxudicados nun procedemento negociado sen publicidade. Xa o fixera Zaplana agasallando a Julio Iglesias con máis de 6 millóns das antigas pesetas por promocionar a Comunidade Valenciana, así que nós, non íamos a ser menos! De seguro que as adxudicacións públicas á familia Iglesias son por unha cuestión de mérito e capacidade, e que nada teñen que ver co apoio que sempre brindaron ao PP.
Mentres se lle enche o peto aos amigotes a base de derroche de cartos públicos, recórtase en educación, sanidade, dependencia…e maltrátase ao sector cultural do noso país
Así, mentres se lle enche o peto aos amigotes a base de derroche de cartos públicos, recórtase en educación, sanidade, dependencia…e maltrátase ao sector cultural do noso país, que esmorece asfixiado pola suba do IVA, coa billa das subvencións pechado, e coa promoción da nosa música limitándose a uns minutos nas noites de Luar da TVG. Xerando, como di a canción, “a noite e o día”; a noite, que se cerne sobre os nosos artistas e espazo cultural; e o día, que segue brillando sobre os amigotes con grandes mansións en América.