O resultado final do proceso de transición desenvolvido a partir do 20 de novembro de 1975 foi a consecuencia da conxunción de dous factores suficientemente contrastados durante aqueles anos: a notábel fortaleza dos aparatos políticos, policiais e militares construídos durante a ditadura e a relativa febleza das organizacións antifranquistas que postulaban a ruptura total co pasado e a instauración dun sistema democrático da máxima calidade
Este 2025 que está a piques de rematar ten concitado diversas lembranzas históricas especialmente significativas para a xeración que, actualmente, sobordamos a idade da xubilación laboral. Por citar algúns exemplos ilustrativos: cumpríronse 50 anos do remate da guerra de Vietnam, transcorreu medio século dende os derradeiros fusilamentos perpetrados pola ditadura franquista e tamén pasou o mesmo tempo dende a morte física de Francisco Franco.
Existe unha abondosa literatura académica a respecto de todos eses acontecementos e dos contextos sociais e políticos nos que se desenvolveron. Por razóns obvias, esa dimensión non é a que pretende acometer o presente artigo. Trato de aproveitar a circunstancia simbólica deste aniversario para deitar algunhas reflexións da experiencia vivida por aqueles continxentes de persoas que nos atopabamos, daquela, entre os 15 e os 30 anos.
Por se faltaba algo nesta celebración, Juan Carlos de Borbón decidiu facer acto de presenza cun libro que non aporta novidades importantes sobre o período 1975-1982. Ademais de reiterar o seu recoñecemento -e agradecemento- pola decisión adoptada por Franco para colocalo na xefatura do Estado, as páxinas desta presunta autobiografía intentan recuperar algo da reputación perdida por quen encarnou a Monarquía durante varias décadas. Esta publicación é unha demostración indiscutíbel de que o autor é coñecedor do seu progresivo illamento social -sobre todo entre os segmentos de menor idade- e certifica, mais unha vez, que a súa impunidade penal é consecuencia das complicidades políticas e xudiciais asociadas ao pacto constitucional.
As eleccións do 15 de Xuño de 1977 serviron para testar -no plano político- a relación de forzas que operaba no tecido social daquel momento. Para quen militamos activamente na oposición ao franquismo, o resultado das urnas foi clarexador e, ao mesmo tempo, decepcionante. No caso galego, a situación foi especialmente contundente: só UCD, PSOE e AP obtiveron escanos polas catro circunscricións provinciais
O resultado final do proceso de transición desenvolvido a partir do 20 de novembro de 1975 foi a consecuencia da conxunción de dous factores suficientemente contrastados durante aqueles anos: a notábel fortaleza dos aparatos políticos, policiais e militares construídos durante a ditadura e a relativa febleza das organizacións antifranquistas que postulaban a ruptura total co pasado e a instauración dun sistema democrático da máxima calidade. As eleccións do 15 de Xuño de 1977 serviron para testar -no plano político- a relación de forzas que operaba no tecido social daquel momento. Para quen militamos activamente na oposición ao franquismo, o resultado das urnas foi clarexador e, ao mesmo tempo, decepcionante. Revelou a existencia dunha maioría de votantes dispostos a ratificar a orientación política promovida pola UCD de Adolfo Suarez e, simultaneamente, premiar ao PSOE de Felipe González como expresión dunha esquerda moderada que tivera moi pouco protagonismo na confrontación contra a ditadura.
Un dos paradoxos daquel 15 de Xuño foi a notábel penalización electoral padecida polo PCE: a pesar da súa presenza activa nos procesos mobilizadores rexistrados na noite da ditadura e da evolución moderada do seu ideario, non foi capaz de suscitar o nivel de apoio que moitos prognosticaban. Outra singularidade rexistrada naquel momento foi o fracaso padecido pola maioría das forzas nacionalistas e pola entón chamada "extrema esquerda". Agás o PNV, CDC e Euskadiko Esquerra (EE), ningunha outra formación acadou presenza nas Cortes Xerais que ían debater o futuro texto constitucional. No caso galego, a situación foi especialmente contundente: só UCD, PSOE e AP obtiveron escanos polas catro circunscricións provinciais. Habería que agardar 20 anos -ate 1996- para que unha forza como o BNG -herdeira dunha parte relevante da oposición antifranquista- chegase ao Congreso dos Deputados.
Non se consolidou socialmente unha poderosa memoria antifranquista que fose quen de evitar o sorprendente dato contido nos recentes estudos do CIS a respecto da avaliación positiva ou equidistante que posúe unha parte -minoritaria pero significativa- da mocidade sobre o período da ditadura
O modelo de transición que saíu triunfante a partir da desaparición do ditador condicionou fortemente o desenvolvemento da vida política e social das décadas posteriores. Aínda que a tentativa de golpe de Estado do 23 de Febreiro de 1981 demostrou que a folla de ruta promovida por Suarez, González e Carrillo era mais fráxil do que moitos afirmaban naquel período inicial, tamén é verdade que non se consolidou socialmente unha poderosa memoria antifranquista que fose quen de evitar o sorprendente dato contido nos recentes estudos do CIS a respecto da avaliación positiva ou equidistante que posúe unha parte -minoritaria pero significativa- da mocidade sobre o período da ditadura. A pesar de que Felipe Gonzalez gañou espectacularmente os comicios de 1982 e gobernou até 1996, existiu un grave déficit na batalla pola recuperación da memoria democrática e a consecuente carencia de normativas legais que enterrasen o pasado franquista. Moitos pensaron que o sistema político español estaba vacinado contra o xurdimento e medre de formacións abertamente defensoras das tradicións fascistas alimentadas durante tantas décadas. A aparición de Vox desmentiu semellante tese e colocou á defensiva a quen consideraron que a Constitución de 1978 era unha barreira suficiente para neutralizar os avances das formacións involucionistas.
A maioría da Sala Segunda do Tribunal Supremo decidiu participar na conmemoración da morte de Franco emitindo unha sentenza condenatoria do Fiscal Xeral que non se compadece coa carencia de probas acusatorias sólidas exhibidas no xuízo celebrado a pasada semana. Medio século despois, a sombra do franquismo segue presente na vida pública española
Para PP e Vox a celebración dos 50 anos da morte de Franco resulta incómoda. O partido de Abascal actúa de cabalo de Troia naquelas institucións representativas nas que está presente. Quere acumular a forza electoral que lle permita sobrepasar ao PP e poder executar os seus obxectivos antidemocráticos (entre eles a eliminación da memoria antifranquista). O desacougo de Feijoo deriva da inexistencia dun discurso actualizado sobre o papel da súa formación política no proceso de transición. En realidade, teñen moi pouco que celebrar, sobre todo cando o seu referente mais invocado -Juan Carlos de Borbón- perdeu toda a a lexitimidade que lle fora outorgada polas forzas que pilotaron o tránsito cara o sistema político vixente. E, certamente, carecen da vontade necesaria para facer pedagoxía con aquela parte dos seus votantes que seguen vendo con simpatía ou "naturalidade" o réxime franquista.
A maioría da Sala Segunda do Tribunal Supremo decidiu participar na conmemoración da morte de Franco emitindo unha sentenza condenatoria do Fiscal Xeral que non se compadece coa carencia de probas acusatorias sólidas exhibidas no xuízo celebrado a pasada semana. Medio século despois, a sombra do franquismo segue presente na vida pública española.