Nin arrogantes nin coitad@s. Orgullos@s e valentes. Non son tempos de cativezas nin de letra miúda. Son tempos de apostas estratéxicas pensando no futuro longo.
Nestes momentos de inflexión do tempo histórico é preciso clareza de obxectivos, afouteza e valentía para apostar por mudanzas profundas. Galiza leva un longo tempo de devalo económico e demográfico, que se retroalimenta coa perda de peso político. Non é só cousa desta crise interminábel senón que está situada nun declive que vén de moito antes e que os anos da burbulla financeiro/inmobiliaria do euro apenas disimularon/encubriron durante unha década. A perda de pulso produtivo nos sectores primarios e no industrial é algo que nos acompaña desde principios dos oitenta: coa liberalización comercial e a “negociación” da entrada na Unión Europea. A experiencia contundente destes 35 anos de peches pinga a pinga e o baño de realismo desertizador destes sete anos de crise, poñen @s galeg@s diante dunha crúa realidade: o país está contra as cordas; coa base produtiva colapsada; sen investimento produtivo; sen novos proxectos empresariais relevantes; coa poboación máis avellentada do mundo, con case tantos pensionistas como empregados a tempo completo; con taxas de paro, exclusión e pobreza insoportábeis. A sociedade que coñecemos, co nivel de vida e benestar un día acadado non é sostíbel baixo o modelo de globalización neoliberal radicalizada (libre fluxo de mercancías, servizos e finanzas e desregulación laboral e social).
Galiza non é Madrid nin Cataluña; elas sofren unha crise severa pero están recuperando e están en condicións de levantar vóo, se contan con gobernos e regulacións favorábeis. Teñen o poder económico, financeiro e político para facelo. Máis aínda, elas teñen vontade política de prevalecer, cada unha a súa maneira, Madrid cunha centralización arrogante e Cataluña voando libre.
A nosa situación é moito máis grave: o devalo vén de moitos anos atrás; aquí non hai recuperación nin vai habela con estas políticas que non buscan aproveitar as nosas potencialidades senón que están destinadas atarnos como mercado cautivo e xerar ingresos e rendas para uns sectores sociais ultraminoritarios (as finanzas e as grandes empresas do lobby madrileño: eléctricas, telecos, distribuídoras, construtoras e concesionarias).
Galiza non é Madrid nin Cataluña; elas sofren unha crise severa pero están recuperando e están en condicións de levantar vóo, se contan con gobernos e regulacións favorábeis
Ou adoptamos con urxencia medidas audaces para frear a desfeita da nosa base produtiva e para aproveitar as nosas vantaxes específicas (coñecemento, aforro, auga, vento, enerxía, terras, mar, portos, etc) ou o noso país entrará nunha pendente de devalo irreversíbel.
Poñer en uso creativo todas nosas potencialidades produtivas require mudanzas políticas de alcance para romper coa dependencia económica. Coa honrosa excepción de algunhas empresas grandes (Inditex) e algunhas empresas familiares (Tojeiro, Froiz, Calvo, Jealsa, Coren, P.-Rumbao, Florentino, Finsa, Televés, etc), o certo é que Galiza viu desaparecer centos de empresas e perder o control de boa parte das empresas emblemáticas e deslocalizar gran parte da súa actividade. Banco Pastor, Caixas, R, Leyma, Pescanova, Rodman, Barreras, Audasa, adegas, augas, hoteis, mineiras, etc. son hoxe apéndices de grupos foráneos.
Hoxe somos unha colonia do capital financeiro e do capital comercial: exportación de aforro vía sistema financeiro; mercado de consumo de importación dominado polas grandes cadeas de distribución españolas e europeas (Mercadona, El Corte Inglés, Carrefour, Lidl, Ikea, Repsol, CEPSA,…); as grandes redes (Gas Natural, Agbar-Viaqua, Telefónica, Renfe, Iberia…); orzamento público vampirizado polas grandes construtoras madrileñas e polo oligopolio de empresas concesionarias de servizos públicos privatizados (ACS, FCC, Sacyr…). Case todo o que consumimos no fogar pasa pola caixa rexistradora das grandes compañías madrileñas. En definitiva, aforro, consumo e orzamento público viaxan para engordar as contas de resultados das grandes empresas con sede en Madrid.
O noso excedente económico emigra cara Madrid a través das redes deses grupos que manexan a meirande parte do noso mercado e dos nosos orzamentos públicos. Nesas condicións é imposíbel o investimento produtivo no país e, en consecuencia, é imposíbel a creación de emprego –e menos de emprego digno-, o sostén de servizos públicos e de nova poboación. Nesas condicións non pode haber empregos para a xente nova, nin salarios para facer vida e pagar os alugueiros ou as hipotecas.
Porén, iso non é unha maldición bíblica. Podería mudar. Sería posíbel aproveitar o noso excedente de aforro, aproveitar os nosos recursos, as terras abandonadas, o mar e capacidade pesqueira, a auga estragada, o vento libre, o sol, o excedente eléctrico, a xente nova ben formada, a investigación, etc etc.
A gran cuestión é: hai en Galiza vontade política de sobrevivencia?
Entender isto, comprender a natureza política dos nosos atrancos, derivada dun modelo de estado e dun modelo de liberalización que favorecen a concentración crecente da actividade económica, obriga a asumir que as alternativas políticas de futuro para Galiza son diferentes -cualitativamente diferentes- ás que poden pensarse desde Madrid. Máis aínda, son contraditorias e antitéticas con elas en moitos aspectos. O desenvolvemento futuro e a sostibilidade da sociedade galega a medio prazo require políticas que chocan cos intereses da capital do estado e cos interes do capital hexémonico no estado; chocan cos intereses das grandes empresas, oligopolios financeiros, comerciais e de servizos que asentan sobre todo na capital do estado e que teñen Galiza como cliente cautivo.
En Galiza non abonda cun cambio na lei hipotecaria e nos desafiuzamentos ou na lei de transparencia. Con ser estas necesarias e urxentes, o certo é que os problemas de Galiza requiren mudanzas moito máis profundas e estruturais
En Galiza non abonda cun cambio na lei hipotecaria e nos desafiuzamentos ou na lei de transparencia (nin coa mera remuda dos xestores da casta madrileña nin cos cantos retóricos á “decencia”). Con ser estas necesarias e urxentes, o certo é que os problemas de Galiza requiren mudanzas moito máis profundas e estruturais que permitan mover a nosa economía e crear empregos, que freen a emigración e o avellentamento, que xeren os salarios e ingresos dos que permitan condicións de vida dignas e tributos para financiar os servizos públicos. O que cómpre é darlle a volta a ese declive estrutural, que non é decrecemento senón simplemente un círculo viciosos de esboroamento dunha sociedade.
Galiza -con máis urxencia que Madrid, Cataluña ou Levante- precisa un tipo de políticas que aseguren a supervivencia desta sociedade, romper o círculo vicioso do declive (que é económico, demográfico e, a fin, político).
O primeiro paso para conquistar unhas novas condicións e unhas novas políticas en Galiza é construír/reforzar alternativas políticas propias, pensadas desde aquí e para aquí. Con valentía e sen complexos. Sabendo que ninguén nos vai regalar nada. Sabendo que hai que enfrontar os discursos conformados polos grandes poderes que sempre tratarán de presentar como natural e inevitábel a súa posición de dominio e que sempre tratarán de atacar -cando non ridiculizar- as propostas atrevidas que cuestionan o status quo. Desde logo, atacarán con saña toda vontade seria de gobernármonos por nós mesmos.
Non é nada extraordinario que desde Madrid se promovan non só os discursos das vellas forzas centralistas senón tamén as novas forzas chamadas a complementalas ou a impedir que as forzas centrífugas poñan en perigo o poder omnímodo dos grandes poderes económicos e institucionais madrileños.
Sabemos que é unha batalla mediática e política desigual, pero o certo é que a Galiza non lle serven de nada os proxectos das novas forzas estatais. Podemos ou Ciudadanos, aínda que con perfís ideolóxicos diferentes, non son promocionados para mudar o modelo territorial do estado senón todo o contrario. Con eles tratan de afortalalo e blindalo diante da eventual incapacidade dos dous grandes Partidos (PP e PSOE) para manter ergueito o modelo centralista. Por iso Podemos goza da rechamante –habería que dicir escandalosa- promoción e proxección dos grandes medios madrileños.
É preciso manter esperta a intelixencia colectiva propia e construír discurso político propio, non por teima identitaria senón porque o futuro vital da nosa xente depende diso.
En definitiva, o futuro da nosa xente nova, o futuro de Galiza, a viabilidade económica do noso país precisa de proxectos políticos galegos, nacidos aquí e volcados na defensa do país, da nosa base económica. Require de forzas políticas propias, con proxectos autónomos que traballen por dotar a Galiza de ferramentas soberanas para poder impulsar e fomentar a nosa economía e crear emprego e benestar para as futuras xeracións.
Eís a importancia estratéxica do debate que -mal que ben- tentamos colocar os nacionalistas, que defendemos a necesidade de ter forzas políticas propias, de non sucumbir a esmagadora mercadotecnia política dos grandes medios da capital do estado. Por iso é preciso manter esperta a intelixencia colectiva propia e construír discurso político propio, non por teima identitaria senón porque o futuro vital da nosa xente depende diso.
Por iso, somos moit@s os que cremos que a aposta dunha candidatura nacional galega de unidade para as vindeiras eleccións xerais é algo máis que unha aposta de partido, é unha necesidade para o país. Unha aposta vital nun momento en que tantas decisións temos que tomar para asegurármonos un futuro como país e como persoas. Unha aposta para que Galiza poida xogar na liga das nacións que non sucumben ao vento da historia guiada polos grandes poderes hexemónicos senón que sobrevive e contribue como pobo ao acervo común dunha humanidade diversa, como espazo vivo e cultura viva para as futuras xeracións.
Como construír un suxeito político capaz de erguer un proxecto desas características? Só é posíbel desde unha vontade partillada das organizacións existentes de poñer por diante os obxectivos esenciais e mínimos da maioría social galega
Ese ten que ser o obxectivo dese proxecto transversal e transformador que representa o nacionalismo de esquerdas no noso país. Como artellalo social e políticamente nos tempos que corren? Como construír un suxeito político capaz de erguer un proxecto desas características? Só é posíbel desde unha vontade partillada das organizacións existentes de poñer por diante os obxectivos esenciais e mínimos da maioría social galega (excluíd@s, precari@s, asalariad@s, autónom@s, pequenos empresarios, labreg@s, mariñeir@s, pensionistas...); desde a vontade de sumar sen apriorismos nin vantaxismos de siglas a toda esa cidadanía organizada en partidos, colectivos, asociaciacións e esoutra parte da cidadanía que “vai por libre” pero quere participar e comprometerse nun proxecto ilusionante; tod@s @s que mesmo sen recoñecerse como nacionalistas entenden que facer políticas de esquerda e progresistas pasa, aqui e agora, por priorizar os intereses da maioría social galega, sen ataduras. Esa suma só é posíbel desde a vontade decidida de superar esa atracción atávica cara a fragmentación que con tanta forza opera no mundo da esquerda en todo o mundo e desde a asunción sincera de que a unidade é a única forma de vencer a esa minoría poderosa que move os fíos desde arriba, desde Madrid (e máis alá).
Superar a fragmentación non se consegue invocando un imaxinario magma social indefinido (o que na práctica adoita traducirse en hiperfragmentación, por veces con inxenuidade e por veces con cinismo) senón asumindo con paciencia o traballo de urdir tramas e complicidades entre unha pluralidade de organizacións e colectivos arredor dun proxecto común, dun proxecto para transformar o noso país, o galego claro. Un proxecto para a maioría social, aberto tamén a todas as individualidades que aspiraran a participar activamente. Se o facemos ben, con xenerosidade, entre tod@s, Galiza gaña seguro.