Nos últimos días correron ríos de tinta entre os que intentaban entender as negociacións e predicir os seus resultados. Como moitas veces, vimos de comprobar, que en política os prognósticos rara vez se compren, e a falta do que poda pasar nos próximos días, queda claro que a meirande parte das análises sobreestimaron a Sánchez. Sobreestimaron a súa valentía de enfrontarse ós baróns socialistas, a súa valentía para escoitar ás bases e a súa valentía para negociar con Podemos. Sobreestimámolo na rúa, todos os que pensabamos que esa valentía se explicaba por saber que estaba do lado da xustiza, e que aínda que era evidente que se estaba xogando o seu futuro no partido, estaba apostando pola dignidade da esquerda. Queríamos pensar que as negociacións con Ciudadanos non eran máis que unha distracción para os seus baróns, un gañar tempo para fraguar un verdadeiro pacto de goberno de esquerdas. Sen embargo, a letra do acordo firmado con Ciudadanos, parece botar por terra estas suposicións.
As formas en política son fondo, polo tanto, é inaceptable que Sánchez queira vender isto como un pacto de esquerdas. Sería inaceptable en calquera momento, pero menos agora, onde a maldita-bendita hemeroteca nos recorda que hai apenas dous meses que era el mesmo o que acuñaba a Ciudadanos como as dereitas.
Pero se vamos ó fondo é aínda menos xustificable. Obviamente pactar é ceder, pero non é menos certo que o pacto non pode ser unha fin en si mesma e que non pode pasar por riba dunhas mínimas liñas programáticas.
A propia ordenación do texto dá boa medida das súas preferencias, así, empresas e autónomos ocupan o primeiro lugar, cuestión de prioridades, debe ser, cando deixan para o cuarto capítulo a emerxencia social.
Baixando ás medidas concretas a incredulidade aumenta. Especialmente no referido a dous temas fundamentais do acordo: a reforma laboral, que xa non se eliminará, e a atención á situación de emerxencia social.
No que respecta á reforma laboral, pese a que na rolda de prensa inmediatamente posterior á firma do acordo, Sánchez se apurou en dicir que se eliminaba, no texto non se explicita en ningún caso. No seu lugar, si que se fai evidente a adaptación da proposta de corte neoliberal do contrato único, verdadeira pedra de toque para o partido laranxa e convertido agora en contrato estable e progresivo para a cobertura de postos de traballo de duración determinada, un eufemismo delicioso co que se maquilla un verdadeiro abaratamento do despido para os contratos temporais. Tal e como di o propio texto, o despido deste contrato terá “un coste de 12 días o primeiro ano, que se transforman en 16 días o segundo”, unha cifra lixeiramente inferior dos 20 actuais. Un modelo contractual que o PSOE nunca contemplara e que só pode verse como un gran trunfo das políticas neoliberais ansiadas dende os mercados.
Polo lado das medidas sociais, máis sorpresas, de xeito que nos atopamos con que a cantidade que o PSOE pretendía destinar a unha renda mínima vital, agora terá que repartirse entre este concepto e o complemento salarial garantido, outra das medidas estrela de Ciudadanos. Ademais de non saber o recorte que se asume para a renda mínima vital, meter ambos conceptos baixo o mesmo apartado supón unha especie de engano a toda a cidadanía. En ningún caso ambas medidas poden considerarse equivalentes, senón que encarnan dúas formas contrapostas de entender a atención social: dereitos e xustiza vs beneficencia.
O complemento salarial garantido, fortemente criticado incluso polo PSOE en campaña, supón, de facto, cargar sobre o Estado unha obriga que debería corresponder ó lado dos empresarios, a de pagar uns salarios dignos. A dignidade dos salarios é un dereito dos traballadores que se debe garantir a través do salario mínimo e non como un subsidio estatal, alén do prexuízo que isto supón para os cálculos da prestación por desemprego, xubilación, etc.
Pero non só se trata da súa propia definición conceptual, a realidade dos países nos que funciona demostra que esta medida, se non vai vencellada a unha subida real do salario mínimo, nin ten efectos redistributivos nin de loita contra a pobreza. Nin os tivo no século XIX en Inglaterra, cando apareceu esta proposta por vez primeira, nin na actualidade dos Estados Unidos. Os datos de que dispoñemos, pola contra, apuntan a un devalo salarial continuo toda vez que se subvencionan, e perpetúan, con diñeiro de todos, os empregos de baixos salarios.
De derrogación da Lei Mordaza ou do artigo 135 nin rastro. Tampouco unha verdadeira reforma electoral, apenas un par de liñas xerais e un xa o estudiaremos. Como descafeinada queda tamén a proposta feminista de permisos de maternidade e paternidade iguais e intransferibles ou a prohibición das portas xiratorias. Sen embargo, a unidade de España e prohibición expresa do referendo catalán, ben alto e claro, un auténtico escudo do Partido Socialista contra Podemos pero que non serve para ocultar que eran outros os temas que lle fixeron preferir un acordo coa dereita.
É certo que Sánchez se atopaba nunha situación difícil e que o pacto con Podemos incluía un perigo certo para o futuro do PSOE toda vez que ambos compiten polo mesmo electorado. Que buscara acordos con Rivera era entendible, polo tanto, como unha forma de contrapeso ás aspiracións do partido morado. Intentar vender un pacto con quen el mesmo acuñou como as dereitas como de esquerdas é, simplemente, unha tomadura de pelo. Intentar cargar sobre os ombros de Podemos ter que ir a unhas novas eleccións parece menosprezar a intelixencia do electorado.
Do mesmo xeito, a ambigua redacción da pregunta que o PSOE fará á súa militancia para que apoien os seus acordos, sen concretar o que nin os quen, resulta unha burda xogada de trileiros.