Considerando o acontecido dende o ano 2022 e observando as cifras que están ofrecendo os últimos estudos demoscópicos, alguén podería reciclar a recente afirmación dirixida por Sánchez a Feijoo no Congreso, e trasladar unha contundente observación: "Alberto, nunca debiches atravesar os limites xeográficos do territorio galego"
Considerando o acontecido dende o ano 2022 e observando as cifras que están ofrecendo os últimos estudos demoscópicos, alguén podería reciclar a recente afirmación dirixida por Sánchez a Feijoo no Congreso, e trasladar unha contundente observación: "Alberto, nunca debiches atravesar os limites xeográficos do territorio galego".
Resulta indiscutíbel que o nivel de ambición política que encarna A. Núñez non entraba no traxe que viña utilizando dende o ano 2009. Despois de acadar catro maiorías absolutas nos comicios galegos tiña poucos incentivos para seguir instalado nesa rutina. Desexaba chegar á Moncloa antes da súa xubilación e viu o ceo aberto cando Isabel Díaz Ayuso e M.A. Rodríguez decidiron que Pablo Casado non era o dirixente títere que pensaban. Chamaron a San Caetano e constataron axiña que o seu inquilino estaba disposto a facer aquilo que rexeitara no ano 2018: entrar na rúa Génova pola porta grande, aclamado, sen pasar por unhas incómodas e incertas primarias.
Feijoo chegou ao centro da política estatal con pouca ou nula experiencia na xestión de tres asuntos de moita relevancia na axenda da dereita política española
Feijoo chegou ao centro da política estatal con pouca ou nula experiencia na xestión de tres asuntos de moita relevancia na axenda da dereita política española: 1)como neutralizar o medre electoral de Vox; 2)que facer para reducir ou minimizar a capacidade de influenza de Diaz Ayuso no electorado do PP e 3)como conseguir a complicidade da dereita mediática sen posuír a chave dos recursos públicos asociados ao goberno dunha Comunidade Autónoma. O ex-presidente da Xunta estaba mal acostumado: Vox non existía na Galiza institucional que el coñeceu; as liortas internas que mantivo coa familia Baltar tiveron un desenlace cómodo no que gañaron as dúas partes e, no plano mediático, Núñez engraxou aos medios privados con xenerosas axudas procedentes dos Orzamentos e controlou con man de ferro a CRTVG.
Pasados tres anos dende a súa instalación na sala de máquinas do PP estatal, a evolución dos problemas antes citados non permite prognosticar unha solución que sexa satisfactoria para o político dos Peares
Pasados tres anos dende a súa instalación na sala de máquinas do PP estatal, a evolución dos problemas antes citados non permite prognosticar unha solución que sexa satisfactoria para o político dos Peares. O partido de Abascal segue consolidando o seu espazo electoral porque, entre outras cousas, non está dando o resultado desexado a orientación de diluír moitas liñas fronteirizas entre as dúas formacións da dereita (no ámbito da inmigración, no territorio da memoria democrática, no tratamento das linguas propias que son cooficiais nalgunhas CCAA, na temática dos dereitos LGTBI, no posicionamento a respecto da lóxica que está aplicando Trump nas relacións internacionais...). Vox non debería ser considerado como un fenómeno pasaxeiro ao que só se lle apliquen xogos tácticos destinados a propiciar mellores cifras electorais no curto prazo. Se Feijoo tivese unha solvencia política acorde coa teórica tarefa que debería enfrontar -construír unha forza política inspirada nas mellores tradicións da dereita democrática europea das últimas décadas- tería que definir unha liña ideolóxica e política claramente diferenciada do que representa hoxe Vox e facer un traballo de persuasión naqueles segmentos da poboación que teñen unha maior predisposición a conectar coas ofertas formuladas dende o PP.
As peripecias vividas arredor de Mazón nos últimos meses -incluído o recente abandono do seu posto institucional- sintetizan ben as carencias mais significativas que concorren no liderado de Feijoo: incapacidade para demostrar a súa autoridade fronte a un destacado dirixente territorial e inexistencia dunha orientación táctica inequívoca que impida o seguidismo practicado con Vox dende o ano 2023.
Alberto Núñez pode chegar á Moncloa. . En calquera caso, non acadará a presidencia do goberno estatal por méritos propios nin disporá dunha maioría absoluta semellante á que obtiveron, no seu momento, Aznar e Rajoy
Alberto Núñez pode chegar á Moncloa pola conxunción de dous factores: a existencia dunha poderosa corrente internacional -que tamén opera no interior dos sistemas políticos occidentais- favorábel ás formacións conservadoras e involucionistas (Trump, Meloni, Le Pen...) e a persistencia de importantes eivas que padecen as forzas que habitan no universo da esquerda. En calquera caso, non acadará a presidencia do goberno estatal por méritos propios nin disporá dunha maioría absoluta semellante á que obtiveron, no seu momento, Aznar e Rajoy. Terá que aturar unha hipotética -e conflitiva- alianza con Abascal que lle fará lembrar -con nostalxia- o "paraíso" político galaico que desprezou pola súa insaciábel ambición.