Epílogo ou punto de inflexión

CC-BY-SA Praza Pública

A historia da marea galega comeza en xuño do 2015, hai catro anos. Á saída dunha asamblea de Compostela Aberta, dúas persoas queridas –unha, da que máis—falan de iniciar un proceso para a formación dun movemento cidadán unitario que desemboque nunha alternativa para as inminentes eleccións xerais e, máis aló, para un cambio en Galiza. Daí sae a convocatoria da xuntanza en Santiago que deu no chamdo Manifesto de Santa Susana.

A partir daí, xa cada quen ten as súas vivencias e particulares interpretacións do que foi acontecendo. Os fitos relevantes son eses, constitución do Encontro pola Marea, logo ou á par a Iniciativa pola Unión, miles de activistas a prol dunha proposta unitaria que deveu en fracaso. Dun lado o BNG orlado de apartidarios cercanos, e doutro os partidos do manifesto de Mazarelos (Podemos, EU e Anova) por falla de tempo –din--, compoñen En Marea como coalición e así se presentan con éxito ás eleccións a Congreso e Senado de decembro do 2015, sen opción a formar grupo propio galego, como xa se sabía pola fórmula xurídica adoptada.

Á presunta mesa coordinadora desa coalición, fechada nas organizacións coaligadas, son convidadas representacións das mareas das sete cidades, con voz e sen voto. Repítense as eleccións xerais en xuño do 2016. Repítese a coalición en todos os eus termos –xa non se explica por falla de tempo—e, pese a incorporar no conxunto do estado a IU, perde un millón de votos, máis de cen mil en Galiza. Tampouco non, nin se intenta, hai grupo parlamentar propio. É Podemos.

A preocupación pasa á expectativa das eleccións galegas e, segundo o ata entón escrito, e mediante iniciativa dos alcaldes de Santiago, A Coruña e Ferrol, que rompen unha situación de bloqueo, prodúcese a asamblea fundacional de En Marea en Vigo, en xullo do 2016, da que sae unha coordinadora provisoria mandatada para organizar a elección dun Consello e Coordinadora e as primarias para escoller as candidaturas ao Parlamento Galego.

Semella obvio mais é importante suliñar que na asamblea de Vigo e na coordinadora provisoria resultante estaban membros dos tres partidos coaligados e das plataformas locais cuxos alcaldes fixeron a convocatoria. Non hai dúbida algunha da pluralidade daquel evento e as súas resolucións. Podemos, EU e Anova, nas persoas alí presentes –dirixentes protagonistas de todo o acontecido posteriormente-- formaron En Marea.

Non é necesario relatar todos os momentos en que eses partidos e os propios alcaldes de referencia negaron aquela orixe, aqueles obxectivos e aquelas resolucións. Os partidos non aceptan o resultado das eleccións internas, boicotean o Consello resultante, combaten ao voceiro e a coordinadora, contradin as resolucións orgánicas, forman pinza cosas representantes no Congreso e os alcaldes e optan por destruir En Marea, esgotadas as posibilidades de controlala.

Para resumir, todo o enfrontamento que marcou o acontecer interno de En Marea e definíu a nosa imaxe pública, agochando traballo e propostas, participación e dedicación esforzada de centos de activistas, foi realmente a confrontación de proxectos, de realidades tan clásicas e comprobadas como difícis de resolver.

Unha, o dereito á autoorganización. A negación do chamado suxeito político galego, o seu ámbito de decisión e a súa capacidade de representación nas cortes españolas.

Dúas, o papel das persoas na toma de decisións, o concepto da participación democrática de base, a súa substitución polas cúpulas partidarias, os acordos de gabinete, a protección de fieis e o abandono dos criterios de mérito e representatividade.

Ambas cousas son a base da marea, do proxecto que formulou Beiras e que nos convocou a todas. Acabouse hai tempo, non pola validez e solvencia da súa teorización, senón pola carencia de partidos responsabeis, pola inexistencia do chamado aliado principal no Estado e pola inconsecuencia do referente partidario galego, Anova.

Mentres, nas eleccións xerais, En Marea foi simplemente ignorada como actor no panorama da política estatal. Nas municipais, a derrota foi para o conxunto do espazo, a comezar por quen máis tiña. Nin Podemos, nin Esquerda Unida nin Anova poden estar contentes. En Marea tampouco, por máis que supere en concellerías conseguidas ao conxunto dos aliados díscolos.

A situación final, a un ano vista das eleccións galegas, é coñecida e antiga, un esquema repetido. Un PSOE fortalecido pola quenda estatal, un PP resistente, un nacionalismo de resignación e impotencia e unha esquerda tradicional española, ancorada en visión anacrónica do mundo, residual e orgánicamente insignificante que aproveitou as últimas ondas de indignación e o temor á extrema dereita para ter dous deputados que sumar á minoría subalterna española.

A idea da marea, un lugar de activismo de todas as persoas con opcións partidarias de transformación social, do traballo común e a elección das mellores, sobre a base da autoorganización, do ámbito galego de decisión, de proposta política tamén para o Estado e para Europa e, en todo caso, de instrumento para formular as alternativas unitarias de progreso, segue a ser unha necesidade para o país.

Está en xogo a nosa capacidade para lograr unha estrutura flexibel e participativa, firme e eficiente, para activar o pensamento colectivo e a intervención na política galega, o aproveitamento de centos de activistas no conxunto do territorio galego, de máis dun cento de concelleiras e concelleiros, que nin van integrarse no BNG nin formarán parte de Podemos.

Chegou o momento en que cada quen diga quen é, o que realmente quere, de recoñecernos e distinguirnos, de acabar coa ficción e a hipocresía, de arrumbar os falaces conceptos de unidade popular, de confluencia e hipotéticas participación a distancia, de asignación caprichosa da condición de esquerda, da grandilocuencia e significados baldeiros, de oportunismos e de tacticismos de renuncia.

En Marea fracasou no esquema que pretenderon os partidos políticos –os chamados motores auxiliares-- que en realidade foron rémora primeiro, saboteadores despois e por último abertos combatentes do proxecto. Mais moitas persoas logramos salvar a organización, promover unha mínima expansión e salvagardar cuestións básicas de ética, participación, valor e mérito, soberanía, galeguismo e, sobre todo, programas de preocupación social. E, máis ca ninguén –cando non en solitario— facer valer a idea dun consenso unitario que faga críbel unha alternativa forzosamente plural para as eleccións galegas do próximo ano. Ten que haber acordo multipartidario, tamén electoral, mais, en tanto e cando menos, expresións de entendemento democrático entre as partes que deberán acabar coa era PP de xeito estabel, permanente, duradeiro.

Se non houbese marea, había que inventala.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.