A dereita conseguiu gañar unha batalla máis na fronte das ideas coa substitución da política pola economía. O marco das relacións de cidadanía deixou paso ao interese persoal do individuo consumidor e calculador
O chamado descrédito da política inunda calquera conversa. Este nivel obvio e preocupante, que potencia a dereita desde todas as instancia, ten un correlato máis profundo na despolitización xeralizada das relacións sociais que vivimos. A dereita conseguiu gañar unha batalla máis na fronte das ideas coa substitución da política pola economía. O marco das relacións de cidadanía deixou paso ao interese persoal do individuo consumidor e calculador. Nesta substitución non fica espazo para o ben común, nin para os individuos portadores de dereitos -xa non falemos da excentricidade dos dereitos colectivos-, só a lóxica da eficacia encarna o imperio das finanzas como eliminación global dos criterios morais.
Este contexto ten consecuencias moi claras, nomeadamente, a eliminación das responsabilidades individuais e colectivas e a posta en cuestión das institución en canto que institucións
Este contexto ten consecuencias moi claras, nomeadamente, a eliminación das responsabilidades individuais e colectivas e a posta en cuestión das institución en canto que institucións. Por unha banda, ninguén é responsábel da situación que vivimos porque a economía ten unha lóxica natural que fai que os acontecementos nos leven irremediabelmente a un aumento crecente das desigualdades. A débeda é a nosa forma moderna de asumir a escravitude como unha lei natural. Por outra, a democracia sométese unha posta en cuestión global, esquecendo que esta é moito máis que os partidos ou organizacións políticas. De feito, se detemos a mirada neste cuestionamento botamos en falta a moitos dos actores que deberían garantir un funcionamento democrático.
Cal é o papel da prensa e os medios de comunicación, cal é o papel da cultura, da escola, da Universidade, dos intelectuais, das organizacións sindicais, dos movementos sociais e de activismo cívico... buscan unha nova episteme para a radicalidade da esquerda?
Cal é o papel da prensa e os medios de comunicación, cal é o papel da cultura, da escola, da Universidade, dos intelectuais, das organizacións sindicais, dos movementos sociais e de activismo cívico... buscan unha nova episteme para a radicalidade da esquerda? Este último punto é o que da sentido ao título deste artigo porque nun momento de cambio de paradigma cognitivo as vellas categorías semellan escasas ou curtas como puntos arquimideos de transformación e as novas están nun proceso de superposición coas anteriores sen acabar de emerxer por completo.
Este é o caso de nocións como “precarizados/as”, “suxeitos múltiples”, “multitude”, “desglobalización” e un longo etcétera da normal ebulición do pensamento actual. A irrupción dos relatos ou narratividade postmoderna como elementos centrais das elaboracións da esquerda implica unha dificultade importante para abordar a noción de verdade ou obxectividade coa taxatividade coa que se despregou durante o XIX e a primeira metade do XX. Vivimos certa orfandade e, se cadra, ese é a maior potencialidade que temos para encarar o futuro.
A irrupción dos relatos ou narratividade postmoderna como elementos centrais das elaboracións da esquerda implica unha dificultade importante para abordar a noción de verdade ou obxectividade coa taxatividade coa que se despregou durante o XIX e a primeira metade do XX
Neste momento tan complexo e duro socialmente que vivimos considero que non debemos abandonar a elaboración das categorías analíticas que nos expliquen o aquí e agora. Para min, a nosa situación concreta como galegos e galegas obríganos a non repetir debates pasados sobre cales son as contradicións principais. Con esta afirmación quero dicir que neste momento a batalla non é só do neoliberalismo contra a esquerda, tamén o é da concentración do poder do estado fronte aos pobos, da ideoloxía patriarcal fronte aos dereitos das mulleres, dos fundamentalismos relixiosos fronte a liberdade. Todas comparten unha matriz de dominación común máis a súa translación a un espazo e un tempo é distinta. Preocúpame que non vexamos a nosa realidade coas nosas gafas e aínda me preocupa máis que a pensemos coa cabeza fora do país. E por poñer un exemplo nesta abstracción, creo que regalarlle os estaleiros galegos a PEMEX non é un problema do mercado global, é unha decisión concreta que corresponde a unha situación deste país.
É xustamente esa venda por parcelas que fai o goberno galego a que nos obriga a repensar a arquitectura política de Galiza desde unha óptica propia
Existen voces que critican a posta en escena dunha aposta soberanista nun momento de liquidación do país. Non obstante, é xustamente esa venda por parcelas que fai o goberno galego a que nos obriga a repensar a arquitectura política de Galiza desde unha óptica propia. As esquerdas están necesitadas de construír alternativas desde a carnalidade dos problemas cotiás. O problema epistemolóxico é a fase previa a concretar o suxeito político. Na batalla das ideas que libramos coa dereita, pensar desde a experiencia do noso pobo contribúe a configurar o suxeito ou suxeitos políticos. Para recuperar o espazo da política temos que trenzar a episteme, coa ética e a antropoloxía, desde nós.