Hoxe un vello trobador achéganos a historia da maior das peripecias. A postura belixerante dunha lingua que lonxe de se someter afronta un episodio digno da maior das traxedias endexamais contadas.
Conta o meu avó que unha malpocada lingua non permite sen licenza o ataque da súa raiceira sen plantar cara a tan atrevido traidor. Lonxe de aceptar submisión defende a postura certeira e propón bater en duelo a quen atente contra a súa complexión. Abafada de delirios e paixón no ideal da consecución do chamado “mal camiño”. Di que non entende nada de conxuras e perdóns.
“Si los hombres son como son ¿que ha de hacer uno sino morderlos?” (Manuel Murguía)
Planta cara a aquel quen sen vontade de entendela, ataca a súa saudade e oprime o seu feble corazón. Comeza a súa contraofensiva non sen antes dubidar. Din que antes da batalla é sempre conveniente preguntar e desbotar a todo traidor que non participe da contenda.
“Dúbidas teño; que se falo galego non me entenden; e ao cantar castillán non me comprendo” (Francisca Herrera)
A lingua chama a berros ao espírito nobre da nación, para que responda sen desleixo a tan profundo atentado cometido por aquel mentireiro que non dubidou en sometela sen ningunha compaixón.
“Mais o pouco que vos dou, douvos do voso e merezo perdón: dou do que teño” (Francisca Herrera)
O exército está preparado.
“Hoxe, ¿de quen?
Hoxe: dirán uns.
Hoxe: dirán outros mentres...
mentres reparan no que non hai” (María Mariño)
O primeiro en se axuntar foi o espírito do vello barqueiro quen un día preguiceiro decidiu que nun rochedo a chamada ía esperar.
“Ai ondas que eu vin mirar,
se me saberedes contar
por que tarda meu amigo
sen mí?” (Martín Codax)
Un bo día o pobo enteiro non dubida en se sumar e propaga a súa palabra por terra e mais por mar.
“Polas ondas da ría de Vigo este vello e rouco son ei propagar”
Achegouse o solitario cabreiro quen tampouco dubidou en empregar ese renovado cantar de andar lixeiro, soidoso e latriqueiro, e dun a outro confín foi quen de propagar ese melódico e lírico verso. O vaqueiro decidiu acompañar e xa sumaron tres, ao ritmo dun só compás. E ao longo do camiño foron xuntando as forzas dos veciños nunha soa lingua para se comunicar.
“Por Savane á Pedra nova remontada
cruzando o Courel de lado a lado.
E por Lóuzara/Padrocelos de Martín
trobador/astra Samos. Retomado
o Camiño tra-la corta rodeada” (Uxío Novoneyra)
Un bo día todos eles sumáronse á reunión na que o sentimento da nación berrou con enerxía:
“Que viva o galego”
“Nunca máis a súa indefensión”
Así naceu unha meniña que, carente de brazos e pernas, nas nosas verbas enraizou. E agora xa maior segue viva mais non sen dor, e celebra na súa terra a vixencia das súa letras defendéndose de quen a ataca provocándolle feridas e dor.
Na mesa o viño non ha faltar, xa que como bo orador adoita empregar o seu proveitoso don, e facer unha festa grande ao carón dos seus irmáns, un anaco de chourizo e un boliño de pan.
“Hijo del pueblo soy y me envanece digno vástago de su linaje” (Banquete de Conxo. Aurelio Aguirre)
E para finalizar esta epopea seguiremos a berrar:
“Viva o 17 de maio, viva a lingua e a cultura nacional”