Equívoca fidelidade

A fidelidade é unha palabra que ten moi boa sona, que está ben considerada, e sen embargo creo que leva implícita a inconsecuencia e o quebranto. Na orixe, a palabra significaba servir a un deus. Da idea relixiosa pasou a amorosa. O concepto do amor tivo a súa base na relixión, como a poesía amorosa medieval.

A principal orientación da fidelidade ten carácter persoal e sentimental. Indica unha seguridade subxectiva que permita decidir a conciencia futura desde o momento presente, prever o que se vai facer con posterioridade e ter a forza de ánimo de levalo a cabo. A fidelidade amorosa é a máis espallada. Ámote hoxe e amareite sempre, din os amantes mirándose aos ollos. E, para que conste, prométese ante un altar, ante un xuíz, unha autoridade. Unha perseveranza asinada e con testemuñas. Ignoro que insensatez leva á maioría da poboación a facer ese xuramento algunha vez na vida, e máis aínda, con idéntica inconsciencia e boa disposición.

Por pouco que reflexionemos, decatámonos, sen que nolo dixera Galileo, de que no mundo todo se move, e que a nosa situación cambia en relación co contorno, e as nosas propias células, mudan dun día para outro. A acción, o movemento é o cerne da vida, e non é doado manter un desexo persoal durante moito tempo. A música que nos deleita, o manxar que nos comprace, o que sexa que nos produza pracer, acaba sendo un fastío cando se prolonga, se reitera. Isto sen ter en conta a evolución persoal e as diferenzas que se producen nas persoas. Tal vez, aquela persoa a quen lle prometemos fidelidade, xa non existe, ou, contrariamente, o que non permanece é a catadura de quen fai o voto de lealdade.

Hai outro tipo de fidelidade: a das persoas militantes de partidos políticos. Pode ser tan intensa ou máis que a amorosa. Hai quen entrega a vida mesma. Paréceme que as persoas conservadoras de seu non teñen que esforzarse en manterse fieis aos seus principios. As progresistas rompen co establecido. Opóñense e impúgnanse. Son innovadoras e fan avanzar a historia. Ás veces me pregunto como sería a evolución humana de non ter o freo da relixión e tradicións decadentes. Unha das teimas reaccionarias de todas as épocas, é a queima de libros. Atacar de raíz o pensamento avanzado, o que só se consegue lendo. 

Como na exaltación amorosa, a fidelidade política adopta posicións sentimentais e mesmo fanáticas. Tamén aquí a fidelidade se cobra algunhas vidas ou esfarela outras. Velaí o fanatismo relixioso coránico e sádico que inmola mesmo a criaturas e atemoriza as sociedades na actualidade con accións terroristas.

No extremo oposto, a “esquerda” ao longo da historia foi conseguindo progresos político-sociais e mellorando as condicións de traballo e o nivel de vida das poboacións. Pero tamén se acomodaron a prácticas de dereita para conseguir o poder. Loaron a fidelidade ao partido en contra das persoas ousadas que optaron por ser fieis aos seus principios. E así produciron  vítimas nas súas propias filas.

Pois ben, baixando á area política, hoxe destaca nos xornais o xesto dun “infiel”, Íñigo Errejón que, contrariando o seu feitío físico, ten unha gran estatura humana e unha mentalidade aberta para desafiar a infidelidade ao propio partido e acusar a Podemos de ser belicista, masculina e machista. Así é, penso. Con esa política obteñen máis votos. Confunden a fortaleza coa agresividade, a grosería, querendo épater ás persoas que xa foron asombradas a principios do século pasado, procurando a algarada, dando pábulo á ignorancia, e á xestos irados (dos que son moi partidarios os fascismos) en lugar de substituílos por palabras e argumentos, de promover a educación, o respecto, a democracia que está tan desfeita. 

Para contrariar eses postulados e facer unha política avanzada, xusta e democrática, necesitase ser moi forte, fiel aos propios principios, e non venderse por un puñado de votos. Velaí a difícil fidelidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.