Era Galicia un puro val ou oco...

Galicia é unha nación.
Galicia é un espazo,
un territorio,
un proxecto,
un mar,
unha idea,
unha comunidade de humanos e unha lingua identificada,
unha historia común recoñecida,
unha chaira,
un horizonte,
un sentimento talvez de perteza común.
Galicia é un obxectivo,
un corpo múltiple en movemento,
un escenario de opresión e de explotación,
un territorio de exclusión,
un proceso de minorización,
unha prohibición.
Galicia é unha totalidade diversa,
un pequeno e único anaco do universo,
unha árbore,
unha maneira de entender o mundo e de facer que o mundo nos entenda,
un ámbito de acción política e de transformación radical da sociedade.
Galicia é unha utopía.

Galicia é todo e moitísimo máis ca o que se enuncia. Pero non é un suxeito político. Non pode selo. Porque todo suxeito político e histórico é humano e colectivo. Que Galicia non sexa un suxeito político non quere dicir que non sexa unha nación. Pode ser un sentimento, unha idea, un desexo, unha illa, un continente enteiro, unha galaxia ou un burato negro. Unha nación. Non un suxeito político. Na confusión non hai claridade nin posibilidade de inverter o curso das cousas, que é o que nos interesa principalmente aos galegos e galegas non poderosas.

Galicia é todo e moitísimo máis ca o que se enuncia. Pero non é un suxeito político. Non pode selo. Porque todo suxeito político e histórico é humano e colectivo

Toda abstracción idealista pode funcionar como símbolo e mesmo en fases de crise social como cemento e ámbito de protección. Pero dificilmente como potencia de emancipación se o que pretende é substituír, porque non os comprende, porque os confunde ou porque os ignora, os suxeitos humanos que se organizan colectivamente. Cando a suplantación se executa conscientemente, ademais, agroma o arreguizo das camisas azuis, pardas, negras. Galicia non ten un nacionalismo fascista, aínda que houbo certas aproximacións que logo quedaron absorbidas por un fascismo español totalizador e imperial destinado a anular as emerxencias nacionais e a esmagar a organización e autonomía das clases populares. En Galicia non pode operar un nacionalismo fascista pola mesma razón pola que non cristaliza unha dereita nacionalista. Cuestión de clases. Porque Galicia é subalternidade, e a burguesía, se existe, é subalterna. Somos, logo, unha nación, unha lingua, unha cultura construídas por pobres.

Ningunha nación do mundo lle debe usurpar ao seu pobo organizado a categoría de suxeito político

Ningunha nación do mundo lle debe usurpar ao seu pobo organizado a categoría de suxeito político. Só naqueles proxectos que someten a colectividade a unha categoría ideal de nación como célula eterna de grandeza chamada a destinos (gloriosos ou non) independentes da acción humana. E esa caste de proxectos non son queridos para a esquerda materialista. Convertermos Galicia en suxeito político, máis aló da imposibilidade intrínseca da operación, conduciríanos ao abismo dunha idea e unha imaxe da nación en foto fixa, sen curso que cubrir, sen eficacia progresiva. Mais non desexamos que unha idea uniformizadora de Galicia, que poida excluír as impurezas, sexa principio e fin de toda acción política. Ao contrario, queremos Galicia como resultado e proceso de construción humana colectiva. Un proxecto colectivo en constante movemento. Apenas o territorio das nosas felicidades, non unha terra prometida mitificada e mistificada.

Galicia é o que somos. É o resultado de séculos de camiño longo, canso e ás veces tortuoso dun pobo en marcha. Galicia é unha nación na medida en que os galegos e as galegas facemos desta terra o espazo das nosas vidas. Conscientemente. A nación non nos constitúe; somos nós os que colectivamente constituímos a nación. Galicia, pois, é un proceso político, non un suxeito. E será, se así o logramos, o resultado dun Novo Poder Constituínte encarnado nas clases populares organizadas en Pobo Soberano. Suxeito soberano, este si. O Pobo Galego como suxeito político de soberanía.

Galicia non é un final de camiño.

É un camiño.

Unha posibilidade.

Galicia é un desexo colectivo.

A patria que decidimos construír.

A patria entendida só como espazo común dunha cidadanía libre, igual e fraterna.

O pobo galego vaise constituíndo a partir de grupos sociais dispostos a emanciparse de toda caste de opresión e dependencia. É unha forza determinada a conquistar a hexemonía, consciente de que a hexemonía esixe diversidade e, por tanto, entender o nacionalismo só coma unha panca de liberación e non coma unha totalización. A conquista de hexemonía como proceso dun suxeito plural, amplo, maioría social (inmensa). Por tanto, un suxeito non necesaria e uniformemente nacionalista en termos de militancia. Negar a necesidade de que individuos non nacionalistas participen activamente nun proceso de conquista de soberanía popular, de emancipación social e nacional, é negar a posibilidade en si da conquista. Adiala eternamente. Na acumulación de forzas non hai exclusións.
Non é a nación a que nos liberará. Seremos nós, o pobo como novo poder constituínte, quen libere a nación e quen liberándoa a constitúa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.