Erosión democrática, degradación social e crise de acumulación

Foto de familia do 17º cumio BRICS, este mes de xullo en Brasil CC-BY-SA GODL-India

As denominadas democracias liberais occidentais están a alonxarse deliberada e aceleradamente dos valores, dos dereitos, das liberdades, das garantías e dos procedementos que presentaban, precisamente, como requisitos da democracia

Resulta evidente que as denominadas democracias liberais occidentais están a alonxarse deliberada e aceleradamente dos valores, dos dereitos, das liberdades, das garantías e dos procedementos que presentaban, precisamente, como requisitos da democracia. Os síntomas desta involución son xa tan notorios que, no canto de procurar agachalos, a estratexia consiste na lexitimación e normalización do retroceso. Comprobamos como se defende e promociona o autoritarismo, como se recortan as liberdades públicas e como se ignoran dereitos fundamentais. Como, desde institucións e gobernos, se amparan o machismo, o racismo e a aporafobia ao tempo que se xustifican as discriminacións, as desigualdades e a exclusión social. Contemplamos como, no interior dos Estados, se opta por regular a convivencia en base á censura, ao endurecemento do dereito penal e á expansión de medidas sancionadoras. A nivel internacional a diplomacia e a negociación van sendo substituídas polo recurso á ameaza, á coacción e ao uso da forza ao tempo que se fomenta o militarismo e se procede á desactivación de organismos e institucións garantes da legalidade internacional. Así mesmo, vaise impoñendo unha lóxica imperial de consolidan e aceptación de relacións de vasalaxe e de submisión.

Nesta involución, a razón cínica e a posverdade desempeñan un papel fundamental mediante a desinformación, as mentiras ou a hipocrisía de duplas varas de medir que acaban sendo unha auténtica acometida contra a verdade e a razoabilidade. Unha fábrica da falsificacións orientada a crebar as zonas comúns de comprensión e a destruir as condicións de posibilidade de acceso ao entendemento e á crítica da realidade social. Asistimos a unha deterioración social complementada por un interesado e procurado descrédito e desleixo do público e do político, cuxo resultado é unha degradación moral que se retroalimenta co medre da ruindade, da insolidariedade, do utilitarismo e do individualismo posesivo.

Esta crise da democracia, como ten sinalado Nancy Fraser, non pode ser comprendida nin abordada desde perspectivas que desconecten, e analicen por separado, a esfera política da económica dado que ambas están firmemente ancoradas nunha común matriz social

Esta crise da democracia, como ten sinalado Nancy Fraser, non pode ser comprendida nin abordada desde perspectivas que desconecten, e analicen por separado, a esfera política da económica dado que ambas están firmemente ancoradas nunha común matriz social. Trátase dunha crise cuxas bases residen nas estruturas institucionais e nas dinámicas constitutivas da propia orde socio-económica dominante. En palabras da autora, estamos perante unha deriva antidemocrática estreitamente vencellada a procesos que trascenden o político e cuxa solución non será posíbel pensando e ficando exclusivamente no ámbito da política, senón pensando e actuando sobre a totalidade social. Neste sentido, cómpre non esquecer que, en realidade, o capitalismo sempre foi hostil á democracia e que os dereitos, as liberdades e as melloras socias acadáronde a base de loitas e de duros conflitos e confrontacións. A actual onda reaccionaria, con claras fasquías fascistas, non é unha anomalía excepcional senón a resposta da oligarquía capitalista para frear calquera tentativa de mudanza social progresista que poida limitar a acumulación, a explotación, o despoxo e a cobiza desmesurada.

 Despois da caída da URSS, en 1991, Estados Unidos tentou crear unha orde mundial unipolar e autoconstruida baixo a súa hexemonía militar e económica por medio da expansión da OTAN e da imposición dunha normativa internacional favorábel tanto aos seus intereses como aos das elites dun Norte Global ben acomodado e protexido baixo seu paraugas militar

Lembremos que desde os anos 80 do século pasado, os intereses colectivos da clase dominante comezaron a ser cada vez máis afirmados a través da adopción de políticas tendentes a posibilitar a intensificación da explotación dos e das traballadoras, a combater as loitas sociais e sindicais ou as que se deron en defensa das soberanías nacionais. Tamén foi salientábel o estabelecemento de novos mecanismos para a transferencia de rentas desde as clases populares cara ás oligarquías, así como á eliminación de atrancos legais que dificultaban a apropiación privada de recursos e de bens comúns. Despois da caída da URSS, en 1991, Estados Unidos tentou crear unha orde mundial unipolar e autoconstruida baixo a súa hexemonía militar e económica por medio da expansión da OTAN e da imposición dunha normativa internacional favorábel tanto aos seus intereses como aos das elites dun Norte Global ben acomodado e protexido baixo seu paraugas militar. Porén, esa construción neoliberal global, de pensamento único e dun pretendido fin da historia, foi facendo fendas por todos os lados, carretando unha crise tras outra e deixando un ronsel de desigualdades, de inxustizas e de indiferencia cara as necesidades e padecementos dos pobos e dos sectores sociais máis desfavorecidos. Así, no canto de ampliar os valores da Ilustración, do profundamento da democracia ou do respecto á soberanía dos pobos, o que en realidade ofreceu esta gobernanza neoliberal foron programas de axuste e de austeridade, privatizacións, chantaxes de débeda, inseguridade económica, esfarelamento do público e un medre espectacular da concentración e da centralización da riqueza co conseguinte incremento das desigualdades entre os individuos e entre os pobos. Como recoñeceu o multimillonario Warren Buffet, estamos nunha guerra de clases e son os ricos quen a están a gañar. 

Nos últimos 15 anos, o proxecto de unipolaridade estadounidense foise debilitando mentres o Sur Global está a perder a confianza no liderazgo económico, político e moral dos Estados Unidos e de Europa. Neste proceso resulta indiscutíbel o ascenso económico da China e os seus éxitos tecnolóxicos e sociais

Mais, nos últimos 15 anos, o proxecto de unipolaridade estadounidense foise debilitando mentres o Sur Global está a perder a confianza no liderazgo económico, político e moral dos Estados Unidos e de Europa. Neste proceso resulta indiscutíbel o ascenso económico da China e os seus éxitos tecnolóxicos e sociais, ao tempo que medra a súa influencia no resto do mundo en base a relacións de colaboración equitativas, respectuosas e pacíficas. Fixémonos na alianza dos BRICS que representa xa o 45% da poboación mundial, o 35% do PIB (PPA) e o 44% da produción industrial mundial. Amais, esta asociación puxo en marcha o Novo Banco de Desenvolvemento, coma alternativa ao Banco Mundial, e cuxos prétamos non están condicionados a privatizacións nin a subordinacións e chantaxes políticas ou militares. Tamén, hai dous anos, creouse en África a Confederación de Estados do Sahel, entre Mali, Nixer e Burkina Faso, co obxectivo de poñer freo ao sometemento político e ao saqueo económico por parte do imperialismo occidental. Na Asia, a Asociación Económica Integral Rexional ou a Organización de Cooperación de Shanghái apostan por unha cooperación económica, cultural e de seguridade sen tutelas e chantaxes exteriores. En Centro e Sudamérica, tratados como os do ALBA-TCP, a CELAC ou o BancoSur procuran obxectivos semellantes.

Para achegarse ao entendemento do actual proceso de involución democrática deberiamos enmarcalo na resposta dada polas clases dirixentes dos países do Norte Global á crise estrutural, ao fracaso neoliberal e ao desafío do dominio unilateral occidental. De feito, actualmente, estase a reconfigurar un bloque occidental imperialista, militar, político, ideolóxico e económico cuxos membros aceptan a vasalaxe e a subordinación dos seus intereses a curto e medio prazo aos intereses inmediatos de Estados Unidos. Un proceso de articulación e de rearme imperialista que está destinado a garantir os beneficios do capital e a continuidade da transferencia e captación de riqueza desde a periferia, tanto xeográfica coma social. Mais a democracia resulta cada vez máis molesta, sobre todo cando se pretende lograr desactivar a contestación social ou acadar a submisión da poboación fronte ao desenfreo do capital. Algo que está xa a ser claramente visíbel é o feito de que desde instancias de poder político e mediático estase a procurar deprestixiar e desactivar a democracia. De feito, un dos mantras común das novas extremas dereitas é o de insistir na ineficiencia e na innecesariedade da democracia no canto da defensa dunha sociedade xerarquizada que sexa gobernada e dirixida eficazmente por elites tecnocráticas.

Para achegarse ao entendemento do actual proceso de involución democrática deberiamos enmarcalo na resposta dada polas clases dirixentes dos países do Norte Global á crise estrutural, ao fracaso neoliberal e ao desafío do dominio unilateral occidental

Sabemos que a narrativa neofascista e os embates contra a democracia non nacen da nada. Debemos entender, así mesmo, que a acumulación capitalista non se produce só mediante a explotación laboral. En realidade, a depredación da natureza e o desposuimento de recursos e capacidades dos seres humanos tamén fan parte das súas condicións de posibilidade. Neste sentido, hai que entender a intensificación dos discursos imperialistas, racistas, machistas, xenófobos ou homófobos que procuran clasificar para situar tanto a pobos como a grupos dentro de situacións de vulnerabilidade e de indefensión. A fabricación de prexuízos, marxinacións e exclusións por razóns de xénero, cultura, crenzas, raza ou recursos posibilita e facilita o abuso, a opresión e a apropiación dos recursos e das capacidades físicas e intelectuais dos que os padecen, e ficando ao marxe de regulacións, de recoñecemento e incluso sen posibilidade de invocar protección. Tamén facilita a división e o enfrontamento entre os sometidos e a impunidade dos privilexiados. A democracia está en crise porque o capitalismo non quere trabas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.