Esa ideoloxía subida aos tanques

O mesmo día en que eses dous millóns trescentos mil cidadáns cataláns cometían un delito, a desobediencia civil a un Goberno que xa non consideran lexítimo, outras persoas en distintas cidades españolas recitaban en público a Constitución para lerlles a cartilla. Unha organización nada para esta ocasión chamada Libres e Iguales organizou esa demostración.

Vázquez é querido polos medios, especialmente da dereita máis extrema, e non os defrauda: pediu que sacasen os tanques contra eses dous millóns e pico de cataláns sediciosos

En Galicia, a prensa coruñesa destacou a participación de Francisco Vázquez. Vázquez é todo un personaxe, guerrista convencido, fiel ao Opus Dei, implicado en irregularidades inmobiliarias e dun españolismo que para si quixesen os falanxistas, que mantivo un acordo, moi proveitoso para os seus intereses, con Fraga durante anos. Que fose alcalde da Coruña polo PSOE e secretario dos socialistas galegos axuda a comprender algo de por que Galicia está como está e en que mans. Vázquez é querido polos medios, especialmente da dereita máis extrema, e non os defrauda: pediu que sacasen os tanques contra eses dous millóns e pico de cataláns sediciosos. Nada que comentar.

Na miña cidade, oitenta quilómetros ao sur, leron o texto tres persoas. Unha delas foi o alcalde da cidade polo PP, o terceiro desde as eleccións, pois os outros dous anteriores tiveron que dimitir por motivos varios; este está denunciado polas súas actuacións anteriores como conselleiro de obras públicas. Ás outras dúas persoas coñecinas hai anos, un era entón de Organización Comunista de España (Bandera Roja) e o outro do Movimiento Comunista de España, (MCE), que posteriormente pasou a denominarse MCG. Este último foi durante un ano ou dous o meu xefe de célula e seguiu sendo logo compañeiro nun partido da esquerda galeguista. Ambos leron, xunto ao alcalde do PP, o texto como unha acta de acusación contra aquela cidadanía descarriada que quixo votar pola súa conta e sen permiso do goberno de Rajoy.

O artigo máis invocado foi ese artigo segundo tan característico desa Constitución, trasladado da Ley de Principios del Movimiento Nacional á constitución vixente pola Xunta de Xefes de Estado Maior en 1977 e aceptada polos constituíntes: a unidade indivisible da nación española.

A Constitución hai moito tempo que deu de si o que contivese de democracia. Calquera acordo de convivencia pasa por un novo período constituínte

A Constitución hai moito tempo que deu de si o que contivese de democracia. Cada vez máis xente cre que o que houbese nela de pactos democráticos foi traizoado e xa están acabados e esquecidos. Calquera acordo de convivencia pasa por un novo período constituínte. Creo que esa constitución enarborada como un fetiche só serve para encarcerarnos a todos, para tentar encerrar unha realidade que hai tempo que non colle nese texto. A proba de que non garante liberdade e democracia e si, en cambio, sometemento, é que os seus partidarios recorren sempre á forza para defender a súa vixencia, botan man de fiscais ou de tanques. Ou ben a Constitución ou ben cárcere ou morte.

Xa se pode redactar a historia destas décadas porque queda atrás e hai perspectiva. Nesa crónica haberá que redactar momentos de alegría,  episodios chuscos e tantas historias persoais lamentables. Durante ese tempo presenciei viaxes vitais extremos e inverosímiles: coñecín a terroristas vascos que se pasaron ao españolismo máis agudo e que pedían a ocupación militar do País Vasco, supostos anarquistas que se mostraron españolistas consumados e lle pedían ao Estado o mesmo, marxistas leninistas que acabaron pensando de igual modo e pedindo máis do mesmo. Quen criticaban hai unhas décadas o Exército e o seu réxime agora piden cárcere e tanques contra a poboación e fano en nome da razón. Esa que produce monstros.

Durante ese tempo presenciei viaxes vitais extremos e inverosímiles

Xa case nada me sorprende e cando morra poderei dicir que vin case de todo, aínda que non deixo de ver cousas novas que me sorprenden. Por exemplo, non imaxinaba ver imputados e reclamados pola Interpol a vellos asasinos franquistas que seguiron impartíndonos leccións durante anos e anos.

Pero, e se teñen razón eses viaxantes entre ideoloxías que custodian a súa Constitución? E se é un erro seguir pensando doutro xeito? Ao cabo, eles teñen o Estado e os demais non temos nada excepto a nós mesmos. Quen sabe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.