Escalada de guerra sucia contra os gobernos decentes

CC-BY-SA Praza Pública

O PPdeG está a construír un pano de fume para tapar o evidente: como demostrou Alberto Núñez Feijóo coa súa presenza na manifestación en Madrid, de ser necesario pactarán coa extrema dereita para reconquistar concellos e deputacións. 

O PPdeG está a construír un pano de fume para tapar o evidente

Todo vale. Despois da Primavera Municipalista de 2015 todo o que aconteceu nas alcaldías rebeldes pasou a ser debate a nivel galego, activando unha nova axenda de debates sobre a gobernanza das nosas cidades. O municipalismo traía consigo a municipalización de servizos básicos, a transparencia e a participación e a defensa dos bens comúns. En maior ou menor medida vimos como estas prioridades abríanse camiño non sen dificultades, xa que estas novas prioridades poñen en perigo intereses e poderes que levan décadas beneficiándose do público.

A factoría de infamias de Rueda e de Feijóo activan a súa particular guerra sucia en contra dos gobernos decentes. Poden esixir a transferencia de competencias que eles mesmos conxelaron dende a súa chegada á Xunta en 2009 ao tempo que se manifestan con Vox polas rúas de Madrid. O seu nivel de cinismo é soportado pola docilidade informativa que rodea a todo o que se di e escribe en Galicia. 

O que hai detrás de todo o que se vén publicando contra os gobernos da decencia é unha operación de propaganda partidaria que procura lastrar a credibilidade e a imaxe pública dos gobernos e dos proxectos de transformación. 

Sorprende a obsesión enfermiza en contra do mundo da cultura de Galicia

O PPdeG pensa que lle chega co empate, embarra o campo e lanza a consigna de que todos son iguais. Pretenden con esta sucia campaña que a veciñanza esqueza as imaxes da policía xudicial entrando nos concellos na lexislatura anterior para borrar así o seu pasado máis negro. Todo isto acompañado coa equidistancia cómplice de PSdeG-PSOE e BNG, que axiña esqueceron que perderon o bipartito grazas a unha guerra sucia que segue o mesmo libro de estilo que a actual.

Sorprende a obsesión enfermiza en contra do mundo da cultura de Galicia. Unha obsesión que acompaña ao PPdeG en Santiago dende que Gerardo Conde Roa foi o seu candidato ás municipais de 2011, nas que comezou unha campaña de acoso e derrubo en contra de diferentes Industrias Culturais e proxectos asociativos de base, que provocaron da mítica Sala Nasa, cuxa compañía Chévere obtería tempo despois o Premio Nacional de Teatro ao recoñecemento do seu bo facer.

Algo semellante acontece con boa parte das pequenas empresas que son postas no punto de mira de Brunete e de Hernández: moitas delas anuncian querelas que se ben demostrarán a súa honorabilidade chegarán fóra dos tempos electorais. Trasladan que traballaron para diferentes institucións públicas, a maioría delas gobernadas polo PP e polo PSOE. Pero o que importa non é iso, se non deixar enriba da mesa unha dúbida na opinión pública: gañar algúns votos hoxe aínda que sexa perdendo posteriormente nos tribunais. 

Todo vale con tal de manter o control da Xunta de Galicia, e en 2019 pactarán con quen faga falta para reconquistar concellos e deputacións

Mentres a alianza tripartita ultraconservadora se ratifica en Galicia. Alberto Núñez Feijóo modificou a súa axenda institucional para acompañar a Pablo Casado, Albert Rivera e Santiago Abascal polas rúas de Madrid nunha manifestación que non tivo o éxito agardado a pesar de contar co grande apoio mediático nos días previos. A opinión publicada xa non condiciona tanto o debate público como hai unha década.

Con todo, a posición do PPdeG queda clara: todo vale con tal de manter o control da Xunta de Galicia, e en 2019 pactarán con quen faga falta para reconquistar concellos e deputacións. Desgastar aos gobernos da decencia é o obxectivo principal. Non haberá cuartel. Non hai escrúpulos. Non cabe agardar decencia do partido da corrupción. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.