Escarnio e maldicer

Acabo de saber que ao exministro todopoderoso de Aznar lle meten catro anos de trullo por saquear una caixa de aforros que estafaba os clientes anciáns, os pequenos accionistas, en xeral a toda persoa que tivese alí os seus aforros e á propia entidade, cuxo rescate enriba acabou custándonos a todos varias ducias de milleiros de euros. A noticia da condena convive casualmente coa imposta ao rapeiro autor dunha cantiga sobre a familia real. As condenas son semellantes e os comentarios sobran.

O motivo deste artigo é que tiven acceso a una filtración segundo a cal mañá se vai publicar na sala dunha Audiencia madrileña orde de detención inmediata contra os autores das cantigas de escarnio e maldicer por inxurias á terceiros, desacato á autoridade, delitos de odio, expresións soeces, ofensa ás crenzas relixiosas e outras figuras penais que se detallan individualmente, ao abeiro da Lei de Seguridade Cidadá en vigor. Algúns dos nomes que as nosas fontes nos facilitaron son: Don Airas Nunes, Don Airas Peres Vuiturón, Don Afonso X… alcumado “O Sabio”, Don Martín Moxa, Don Pero da Ponte, Don Johan Soares de Pavia, Don Afonso Eanes do Cotón, Dona María Balteira (esta última baixo acusación de escándalo público).

Prepárase tamén outra orde contra personaxes como Sócrates, Dióxenes, Petronio, Marcial, Catulo, o Alcipreste de Hita, François Rabelais, Francisco de Quevedo, William Shakespeare, Jonathan Swift, Francisco de Goya, Charles Chaplin, Georges Brassens, Suso Vaamonde, Miguel Gila, a banda dos Monty Python ou o comando dos Simpsons. 

A ignorancia desta orde non exime das responsabilidades que se deriven (eu creo que isto vai por Sócrates) e, de non presentarse no xulgado que emite o escrito ou diante do xulgado ou a comisaría de policía máis próxima no prazo que se establece, serán declarados en rebeldía e ditarase orde de detención inmediata da que se dará traslado e cursará copia a Interpol e o FBI. 

A presente orde non pecha en ningún caso a posibilidade de que se persiga así mesmo por vía penal a cantos cantasen, tarareasen ou aplaudisen na interpretación das cantigas dos arriba citados, risen coas súas películas ou os seus chistes, parasen diante dos seus cadros ou recomendasen a lectura dos seus panfletos.

A distancia cos feitos non se considera tampouco eximente (aquí cítase com xurisprudencia a sentenza que recentemente condenaba a una moza por facer un chiste sobre Carrero Blanco). Item máis, se se derivasen multas económicas, os condenados deberán satisfacer as cantidades impostas xunto cos intereses que se devenguen desde a comisión da falta ou o delito. Que se preparen Dióxenes e Catulo, vailles caer o pelo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.