Escasa cultura democrática

Son continuas as evidencias de que nun amplo número das elites sociais, políticas, e mediáticas galegas i españolas o talante democrático “non anda moi sobrado”. O mesmo sucede con moitas elites intelectuais.

A razón principal desta miña apreciación está nas reaccións que provocan a todas esas elites a aparición de novos axentes sociais e políticos que poñen en cuestión non só o sistema senón o papel daqueles no mesmo. Son reaccións tanto defensivas –defensa do seu status- como de ataque –en moitos casos con modos de moi discutible gusto- fronte quen se atreve a cuestionar a orde establecida. Reaccións que poden proceder tanto do bando da dereita como da esquerda.

O caso máis recente en Galiza témolo co gallo da aparición do chamado ENCONTRO cidadán por unha marea galega, do que son un dos seus primeiros asinantes ao tempo que participo en moitos dos seus debates internos. Parecera lóxico, dende unha perspectiva democrática, que a aparición dun grupo de persoas que fan unha declaración política de indiscutible talante democrático, soberanista e progresista debería ser recibido, ou cando menos tratado, cun certo respecto, por todos aqueles. Uns para apoialo, outros para criticalo, outros para debater con eles e outros en fin para ignoralo: calquera posición sería absolutamente lexítima, faltaría máis. O que resulta xa difícil de entender, dende unha óptica democrática, é que poida seren atacada, como foi e segue sendo, por “negarse” a confluír con INICIATIVA pola Unión, outra plataforma de recente aparición, chegando incluso a ser acusada de dividir e de impedir a necesaria confluencia que posibilitaría a presentación dunha única candidatura, dunha lista única.

O que resulta xa difícil de entender, dende unha óptica democrática, é que poida seren atacada, como foi e segue sendo, por “negarse” a confluír con INICIATIVA pola Unión

Como é ben sabido o ENCONTRO celebrou un referendo interno a prol da unión coa INICIATIVA e o resultado foi de apoio maioritario a seguir o propio camiño. Unha decisión que, de novo, recibiu críticas e descualificacións que, polas formas e polo fondo, non falan moi ben de quen as fai, do seu real talante democrático, incluso das súas autenticas intencións. Deixando a un lado opinións e xuízos interesados –como por caso LA VOZ DE GALICIA, ou vellos dirixentes da UPG e doutros partidos como Compromiso por Galiza e mesmo algúns lideres de PODEMOS en Galiza algo inmaturos- cabe preguntarse por que non é lexítimo que algúns galegos pensemos que o mellor para Galiza, e moi especialmente para as súas clases de rendas medias e baixas, sexa a creación dunha nova organización política –distinta do PSdG-PSOE e do BNG- con plantexamentos diferentes tanto a nivel orgánico, como político e institucional? Non é a cidadanía galega quen debe dicilo e non as vellas forzas mediáticas e políticas?. Non son por caso esas reaccións unha mostra de escasa cultura democrática?.

Penso que non é preciso retroceder ao 15M para entender que cada vez mais sectores cidadáns, moi especialmente entre as clases populares e a mocidade, refugan dos partidos tradicionais e reclaman novas formas de organización e de conexión coa cidadanía. Novas organizacións que o tempo que  transparentes e lucidamente democráticas turren polo empoderamento e o liderado cidadán, turren por construír dende a cidadanía un espazo de encontro entre esa cidadanía, as mareas locais, os movementos cívicos e as forzas políticas e sindicais, turren por construír –non dirixir e/ou tutelar- unha Marea galega ou similar.

O éxito que tanto a nivel de convocatorias sectoriais (mareas brancas, mareas verdes, mareas roxas, mareas laranxas…) e sociais (Nunca mais, Contra a guerra en Iraq..) como de resultados electorais (especialmente a nivel municipal: as Mareas) están tendo nos derradeiros tempos este tipo de organizacións confirman a súa crecente relevancia. Algo que o ENCONTRO recolle no seu Manifesto polo que simplemente pídelle aos partidos galegos que reflexionen sobre o mesmo, en definitiva que se plantexen cambiar o seu tradicional modo de funcionamento que, quéirase ou non, volveuse excesivamente burocrático e moi desconectado da cidadanía: aí están as enquisas mais serias para confirmalo así como os mais recentes resultados electorais.

Penso tamén que non so non hai evidencias de que esas unións reclamadas    –esa candidatura única- poidan melloralo resultado dunha presentación separada das forzas galegas de esquerda senón que –a pesar da lei D´Hont- pode suceder todo o contrario pois esas “mareas” –aí están os datos- turran por unha maior participación cidadán nas eleccións. Persoalmente estou convencido que de confirmarse, como espero, a consolidación desa coalición electoral ao marxe do PSdG-PSOE e o BNG, o voto final para o centroesquerda será en Galiza superior ao da dereita –PP e Ciudadanos- ou cando menos moi superior ao resultado obtido nas derradeiras eleccións por mor dunha maior participación. Que pasou nas últimas eleccións catalás nas que se presentaron e obtiveron representación parlamentaria nada menos que tres organizacións que se reclaman de esquerdas    –sen contar Esquerda Republicana que optou por aliarse coa conservadora Converxencia-?: Houbo un récord histórico de participación que, iso si, cada quen interpreta a súa maneira.

Son chegados os tempos en Galiza de deixar atrás a artificial e artificiosa división entre forzas nacionalistas e non nacionalistas e substituíla pola división entre forzas progresistas –antisistémicas- e forzas conservadoras –sistémicas-

Penso tamén que son chegados os tempos en Galiza de deixar atrás a artificial e artificiosa división entre forzas nacionalistas e non nacionalistas e substituíla pola división entre forzas progresistas –antisistémicas- e forzas conservadoras –sistémicas-. Entre as forzas que apostan firme e decididamente por unha fonda e ampla reforma constitucional, polos dereitos democráticos –individuais e colectivos como por caso o dereito a decidir-, o estado de benestar, o crecemento económico sostible, a igualdade real, a superación das crises xeracional e migratoria, o empoderamento cidadán, e aquelas outras forzas que defenden o “austericidio”, a rebaixa salarial, a venta de activos públicos e tratados comerciais tan infames como o TTIP e o CETA. Esas forzas –conservadores e socialdemócratas- que están provocando en Galiza, España i Europa unha desigualdade sen precedentes, uns crecentes desequilibrios territoriais e un gravísimo retroceso democrático.

Penso tamén que forzas tradicionais de esquerda que teñen unha historia que merece tódolos respectos e louvanzas non son, hoxe por hoxe e moito mais dende o derrube dos antigos estados do leste europeo e a aparición do capitalismo mundial, unha alternativa real de cambio para Galiza, España i Europa. Remítome as incontables evidencias.

Finalmente non lle pido a esas elites mediaticas, políticas e sociais que coincidan, moito menos que se sumen a este planteamento. Non, simplemente pídolles que o respecten na diverxencia, pídolles CULTURA DEMOCRATICA algo que en Galiza aínda non ten a extensión e a fondura necesarias: foron moitos anos de franquismo e caciquismo.

A pluralidade enriquece, non empobrece. A esquerda antisistémica sempre foi plural e aí está a historia para confirmalo. Galiza non é unha excepción.

Coma sempre, o tempo dará e quitará razóns.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.