Escavar terreo ermo

A crise é unha ofensiva terminal do capital contra o traballo, xa o sabemos. Persegue despoxar a multitude de asalariadas e asalariados (en activo ou na exclusión) de todas as conquistas que o movemento obreiro acumulou durante aquel Longo Século XX, como lle chamou Arrighi. O desemprego é probablemente o síntoma máis escandaloso de todos; é a implacable ferramenta coa que se reconfigura as condicións de traballo para aproximalas progresivamente a unhas novas formas de escravitude. O traballo asalariado xa non é sequera a nosa cédula de consumidores, aquela carta de cidadanía do século pasado. O programa liberal é moito máis sinxelo: súbditos a tempo absoluto ao servizo da minoría inmensa.

Non nos quedan razóns para adiar a rebelión. Non nos quedan razóns, por tanto, para esquivar a unidade, porque todo este proceso de desestruturación do suxeito proletario contemporáneo arrinca na lóxica capitalista da fragmentación

Non nos quedan razóns para adiar a rebelión. Non nos quedan razóns, por tanto, para esquivar a unidade, porque todo este proceso de desestruturación do suxeito proletario contemporáneo arrinca na lóxica capitalista da fragmentación. A contrahexemonía esixe unidade, e a unidade non sabe de fronteiras que non pivoten sobre a gran contradición entre o traballo e o capital. As identidades son procesos de constante construción e reconstrución. Non constitúen fronteira, en todo caso, senón bagaxes que se poñen ao servizo da construción dinámica dunha identidade común nova.

A Fronte Ampla non pode ser só unha ensalada de siglas, nin sequera só dúas siglas, nin debe morrer no horizonte dunha cita electoral; será un proceso  de acumulación de forzas sociais que desborde as vellas organizacións

A unidade debe cristalizar nunha Fronte Ampla, e a Fronte Ampla non pode ser só unha ensalada de siglas, nin sequera só dúas siglas, nin debe morrer no horizonte dunha cita electoral; será un proceso  de acumulación de forzas sociais que desborde as vellas organizacións. A Fronte Ampla é o instrumento dúctil dese suxeito en construción, ese 99% ao que alude Rancière. Será unha panca para activar a rebelión, o instrumento para resistir na defensa das conquistas, se é que nos queda algo por defender, e para avanzar cara a unha sociedade alternativa baseada en novas relacións de produción. Terminar co lucro privado duns poucos a partir do traballo, en diversas e múltiples modalidades, da inmensa maioría. Podería haber algunha outra razón que xustificase a nosa acción política?

A rebelión común será o paso da nosa condición de súbditos consumidores en proceso de exclusión xeneralizada á de cidadáns da República da Multitude, que, como lembrou Paolo Virno, é unha república dos soviets, dos consellos, das asembleas, refractaria á suplantación do poder popular. Porque a multitude xa non acepta a redución ao un, non entende a uniformidade nin a disolución da súa luminosa diversidade nun interese universal e nacional determinado por intérpretes externos. O mundo que temos por construír será diverso e plural, organizado en diferentes ámbitos de decisión colectiva, ou será un mal arremedo deste ao que non queremos someternos. Pola mesma razón, a organización que queira ser útil como instrumento de cambio e non apenas como máquina electoral de autorreprodución procurará alumar no seu seo os primeiros reflexos da sociedade á que aspire. Ninguén pode definir con exactitude como será esa nova sociedade, nin sequera sabemos como temos que chamarlle ao sistema que rexa a vida do común: socialismo, comunismo, república, tanto ten. Mais a intelixencia colectiva albisca características centrais dese proxecto: a emancipación do traballo, a democracia radical absoluta, a pluralidade e a diversidade, o respecto polas diferenzas e o recoñecemento da riqueza que ofrecen, a conciencia de pertencermos a un mesmo ámbito do común, o imperio da razón sobre o da fe e, por tanto, o goberno da paz e da cooperación fronte á violencia da coerción como forma de exercer o poder e facelo así ilexítimo.

A horizontalidade fronte á toma de decisións na cúspide dunha estrutura piramidal; o rizoma e non a árbore; a convivencia cooperativa de múltiples culturas e tradicións fronte ao engado enfermizo do sectarismo

Como podemos imaxinar, apenas se trata de sobrepoñer aos nódulos canceríxenos da sociedade na que vivimos unha transparencia con mapa alternativo, irreconciliablemente antagónico. E nese proceso de construción, o instrumento non poderá renunciar a semellantes principios: a horizontalidade fronte á toma de decisións na cúspide dunha estrutura piramidal; o rizoma e non a árbore; a convivencia cooperativa de múltiples culturas e tradicións fronte ao engado enfermizo do sectarismo; outra vez a razón e non o lugar común nin a consigna. E, o mesmo que concibimos o traballo como colaboración para producir riqueza social e non disciplina para o lucro privado, esixiremos sempre a consideración da militancia como espazo de poder común en que se toman todas as decisións, sen diferilas, sen substituílas por actos mecánicos de lexitimación. A militancia non é un exército de soldados disciplinados sempre ás ordes da elite dirixente. Decidir democraticamente é resolver en común tras debates, intercambios e acordos necesarios; se non comprendemos a obsesiva necesidade de facer cristalizar este principio estaremos enganándonos e estaremos enganando a quen nos observe, talvez en moitos casos coa intención de compartir connosco ese espazo que se ofrece aviado con galas de novidade extrema talvez só para ocultar as vellas e profundas engurras.

Non falo, desde logo, do aparello de autorreprodución institucional en que a inercia parece colocar con tanta frecuencia a vella e ineficaz esquerda. Aspiremos a unha sociedade poscapitalista, por que non?

A democracia non é suplantación, é evidente. Participar de cada decisión é o contrario de diferir as responsabilidades do poder común a unha instancia superior. A rede de asembleas como estrutura rizomática fronte á imaxe xerárquica da árbore ou da pirámide. Falo da organización para conquistar o futuro, non dun partido de transición á procura do graal que nos devolva ao colo feliz daquel tempo pasado do Estado do Benestar que non volverá e talvez nunca existiu. Non falo, desde logo, do aparello de autorreprodución institucional en que a inercia parece colocar con tanta frecuencia a vella e ineficaz esquerda. Aspiremos a unha sociedade poscapitalista, por que non? Aspiremos a construíla en común, a inventala. O programa é sinxelo e alude a todos os ámbitos que nos afectan: Galicia, o Estado español, Europa, o mundo.

O discurso da esquerda debe xa ofrecer ruptura absoluta: negación do actual modelo de construción europea, negación e non pagamento dunha débeda pública ilexítima, abandono das imposicións monetarias, insubmisión ás determinacións dos organismos antidemocráticos e á troika

Os procesos electorais teñen a virtude, ou a desgraza, de catalizar todas as enerxías das organizacións políticas. As eleccións europeas son probablemente o cumio da farsa, a sublimación absoluta da representación, a suplantación: un parlamento sen facultade lexislativa e instancias de decisión non sometidas a sufraxio universal nin a control popular. A Unión Europea é en por si unha razón brutal para que a esquerda asuma a necesidade de aglutinarse ao redor dun discurso radical e de ruptura. A cuestión non vai ser que Galiza teña que estar representada, pois non todos os intereses son coincidentes, a cuestión será armar unha ferramenta que as clases subalternas usen como arma. O discurso da esquerda debe xa ofrecer ruptura absoluta: negación do actual modelo de construción europea, negación e non pagamento dunha débeda pública ilexítima, abandono das imposicións monetarias, insubmisión ás determinacións dos organismos antidemocráticos e á troika, etc. Suplir ese programa radical de insubmisión á Unión Europea e ás súas consecuencias cunha restra de medidas de reforma máis ou menos ben intencionadas pero inútiles é un acto de inxenuidade que só pode ofrecer tenrura. Inxenuidade ou engano. Europa pide ruptura, denuncia e impugnación de toda a arquitectura institucional, política e económica da Unión, das súas propias fronteiras. Fronte a esa Unión Europea, cómpre erguer un programa alternativo dirixido pola subalternidade: os traballadores e as nacións.

Esa foi talvez a ocasión que perdeu Anova ao converter a súa Conferencia Nacional do 2 de febreiro nun trámite de lexitimación sen debate e sen participación da militancia -ou con participación guiada, que vén a ser o mesmo-, un reflexo exacto das alteracións semánticas e morfolóxicas do réxime de representación. E non se pode chamar á creba do réxime asumindo na práctica, un a un, todos os seus principios. Con esa contradición non se convive; acaba devorándonos.

As organizacións vistas como marcas tamén caerán dos andeis do supermercado da política espectáculo, caducadas, xusto no momento en que as multitudes clausuren o local e o comercio que nel se exercita

O perigo de desestruturar un proxecto organizativo novo non debe verse no estrito curso de vida desa organización. As organizacións vistas como marcas tamén caerán dos andeis do supermercado da política espectáculo, caducadas, xusto no momento en que as multitudes clausuren o local e o comercio que nel se exercita. A consecuencia de desestruturar unha esperanza colectiva ten o nome de frustración, apunta á inutilización da capacidade creativa e militante das persoas e actúa como engano contra o corpo social ao que se di pertencer. A multitude reprobará por rexeitamento, non desa organización, que iso sería o de menos, senón do que di representar. Se ese fora o caso de Anova, e non faltan sinais de alarma poderosísimas, habería que advertir que escavar terreo ermo non é un exercicio recomendable máis que para perder o tempo. Porque a cuestión non é coller a aixada entre as mans, senón saber manexala con destreza e convertela en arma de produción de vida e de subxectividades radicais.

O caso era querer.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.