Escenario complexo

Sobre as pasadas eleccións vascas pódense facer varias constatacións. Aventúrome a deixar aquí algunhas. Unha parte das mesmas son incontestables, as outras están por ver ou por cumprirse. Pero todas, todas, son absolutamente posibles.

  • Estas foron as primeiras eleccións autonómicas da historia sen a ameaza de ETA. En consecuencia, foron tamén as primeiras nas que os candidatos de todas as sensibilidades puideron facer campaña e pedir o voto sen medo, coaccións ou restricións de ningún tipo. Supuñan, polo tanto, a volta á normalidade de centos de persoas que durante anos estiveran condenadas a morte por ETA, e tamén a reintegración na vida política da esquerda abertzale, nesta ocasión coaligada con otros sectores do nacionalismo vasco que apostaban por un cambio de modelo, económico e nacional.
  • Hai catro eixos ideolóxicos neste País. O nacionalismo institucional e tradicional, nucleado en torno ao PNV; o soberanismo de esquerdas, liderado pola nova Sortu (antiga Batasuna), e na que soman tamén Eusko Alkartasuna, Aralar e Alternatiba, coa resultante Euskal Herria Bildu; o socialismo vasco, xunto co PNV a outra gran tradición histórica en Euskadi; e o Partido Popular renovado de Antonio Basagoiti, que rebusca os seus principios no foralismo.

Supuñan a volta á normalidade de centos de persoas que durante anos estiveran condenadas a morte por ETA, e tamén a reintegración na vida política da esquerda abertzale

  • Destas catro correntes, as dúas nacionalistas son as maioritarias: PNV e EHBildu obtiveron dous terzos dos escanos no Parlamento, de tal xeito que no suposto de que se dese un proceso soberanista ao estilo escocés ou catalán, a forza abertzale sería imparable, con total probabilidade.
  • A crise económica, malia todo, condicionou a campaña electoral, e nos últimos meses da lexislatura comezou a remarcar o eixo esquerdas-dereitas fronte ao nacionalistas-constitucionalistas, que durante máis dunha década impedira os acordos transversais. Neste senso, o Parlamento vasco (75 escanos), repártese así: PNV (27) + PP (10), 37 asentos; EHBildu (21) + PSE (16), 37 escanos. Empate exacto entre o centro dereita e o centro esquerda, que só podería desfacer o parlamentario que UPyD puido rabuñar en Álava.

No suposto de que se dese un proceso soberanista ao estilo escocés ou catalán, a forza abertzale sería imparable, con total probabilidade.

  • A opinión pública española, que tanto simpatizara co acordo entre os socialistas vascos e ao PP para impedir un novo goberno de Ibarretxe no 2009, pregúntase hoxe por que estas dúas forzas se desfondaron. Hai moitos motivos, atrévome a apuntar algúns: 1) Desconexión co sentir maioritario do País. O pacto PSE-PP non respostaba ás demandas da cidadanía, que viu ese acordo coma un pacto de opostos para perxudicar a un terceiro (PNV). 2) Erros de xestión en temas e momentos chave: a ausencia do lehendakari no momento do cese definitivo de ETA foi algo incomprensible. De viaxe empresarial nos Estados Unidos, os vascos preguntáronse como era posible non estar presente no momento máis agardado dos últimos 30 anos.
  • O factor EHBildu tamén condicionou as eleccións. As enquisas falaban dunha achega do independentismo ao PNV, o que motivou que moitos votos útiles foran á saca de Urkullu para evitar unha posible victoria da esquerda abertzale. Algúns analistas consideran inxusto que EHB teña recollido moitos votos como consecuencia do final de ETA, pero iso é politicamente comprensible. Trátase dunha caste de premio por entrar no xogo democrático, da mesma maneira que UCD arrasou nas primeiras eleccións democráticas tras o franquismo: os ex franquistas entraran nese partido e os votantes premiáronos porque preferían que estivesen na democracia ca na dictadura.
  • O vindeiro lehendakari, Íñigo Urkullu, empeñou a súa campaña en presentarse coma o mellor xestor contra a crise. Na sociedade vasca o PNV conserva o título de bo gobernante, algo que o PSE non puido desmontar desde o Goberno vasco. O éxito do PNV é, sobre todo, o éxito dun Urkullu que soubo xogar as súas cartas con habilidade.
  • En boa medida, o futuro de Euskadi queda nas mans de EHbildu e o PSE. Se ambas forzas deciden impulsar políticas de esquerda, poderían bloquear a través do Parlamento a acción do goberno do PNV, e forzar encontros entre estes e o PP. Aí entraría o xogo o complexo reparto de poder institucional, coas Deputacións como elemento de clave de bóveda (lembren que as Deputacións vascas recadan os impostos e deciden a política fiscal). O PNV podería estar interesado en dar estabilidade a Bizkaia (PNV) e a Álava (PP), como introdución a un posterior acordo político que mellore o autogoberno, e no que o concurso de Rajoy sería decisivo. O PP, malia o seu mal resultado, non poderá ficar afastado dos centros de decisión vascos.

Bildu debería explorar un novo camiño para manter as súas institucións (Gipuzkoa e concello de San Sebastián), quizais coa colaboración dun PSE sen poder real

  • En consecuencia, Bildu debería explorar un novo camiño para manter as súas institucións (Gipuzkoa e concello de San Sebastián), quizais coa colaboración dun PSE sen poder real, necesitado dunha renovación, e á espera de que entre a crise económica e as ansias independentistas, dentro de tres ou catro anos a esquerda vasca poida achegar o seu soño: darlle o sorpasso ao PNV. Bildu confía niso, e o PSE pensa que teñen que agardar a que o tempo demostre que o seu Goberno foi positivo, algo que lle pode dar a perspectiva dalgúns anos, nos que os cidadáns poderían asumir que neste país tampouco pasa nada se se dá a alternancia.
  • En calquera caso, a victoria do PNV é clara, homoxénea e ampla. Está en moi boa disposición para abrir un novo ciclo de gobernos nacionalistas e Urkullu tratará de impulsar acordos de base ampla. Vai ter un panorama político e económico complexo, pero o PNV amosou que non convén minusvalorar a forza e o enraizamento que ten no País. Un País ao que non lle gustan as maiorías absolutas. Que ninguén o esqueza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.