Escribir sobre agricultura

Non é tarefa doada falar e escribir de agricultura, ou de medio rural. Á evidente complexidade que posúe para propios e estraños hai que sumarlle que de súpeto temos unha sociedade (aproximadamente as tres cuartas partes) que xa non vive, pero que tampouco coñece o medio rural. Aínda así arredor do 80% podemos falar dunha aldea da que viñemos, nós ou os nosos pais, e/ou temos parentela que aínda vive alí; que nos traen ovos, patacas ou eses tomates que tan ben saben cando é o tempo. Mais tamén temos xente nova (e non tan nova) que xa non viviu e continúa de costas ao rural.

Arredor do 80% podemos falar dunha aldea da que viñemos, nós ou os nosos pais, e/ou temos parentela que aínda vive alí

En pouco máis de corenta anos pasamos dunha sociedade eminentemente agraria a unha sociedade de carácter maioritariamente urbano. Porén non se poden entender certos fenómenos económicos urbanos sen a participación dese rural: casas, automóbiles, negocios que se abriron a conta de vender propiedades agrarias ou madeira de eucalipto ou de piñeiro. Madeira que provén dos montes en estado de semiabandono que os mesmos que se aproveitan deles deixan de lado (até que fai falta botar man). E criamos ás fillas/os nas cidades coas fabas e os chourizos que viñan da casa da avoa. Porén ao tempo procuramos que medren sen saber que o leite non se fabrica dentro dos cartóns e que as patacas precisan esterco.
Falamos de abandono coma quen da un berro no medio dunha fervenza. E quen di abandono, di mercados, distribución, patoloxías, trazabilidade,

En pouco máis de corenta anos pasamos dunha sociedade eminentemente agraria a unha sociedade de carácter maioritariamente urbano

Nada transcende o barullo que fai o cachón de voces desviando a atención no torrente informativo. Se ademais engadimos que socioloxicamente o rural galego non é unha nova máis, senón que foi e sigue a ser considerado síntoma de atraso, temos adubado o terreo para un abandono aínda maior, aquel que o invisibiliza. Non é raro hoxe en día, cada vez que hai un incendio escoitar unha conversa en calquera bar que arranxa o problema cun “había que multar a quen non limpa o monte”.

E o que isto escribe calcula que hai máis dun 50% de posibilidades de que o informante sexa propietario dalgunha superficie agraria. Un predio que, con toda seguridade, non saberá situalo, cales son os seus marcos e no mellor dos casos estará incorporado por algunha caste de arrendamento en precario ao conxunto territorial que xestiona unha labrega/o da zona. No peor será unha desas parcelas cheas de matogueira que, entre outras cousas, permite ao lume estenderse con rapidez e maior virulencia.

Detrás desa vida que algúns desfrutamos no urbano, hai unha agricultura familiar de resistencia que ven fornecéndonos de pequenos alicerces que nos sosteñen e contribúen á nosa supervivencia

O descoñecemento do medio rural tamén inflúe no mercado. Galiza é importadora neta de produtos vexetais pero menos do que cabería esperar, porque detrás desa vida que algúns desfrutamos no urbano, hai unha agricultura familiar de resistencia que ven fornecéndonos de pequenos alicerces que nos sosteñen e contribúen á nosa supervivencia por riba dos miserentos salarios que moitos/as temos percibido. Pero é a invisibilidade a que, en parte, impide a dignificación dese rural. Un sector funcionando a base de traballo físico e manual, moi precario e con escasos renddmentos reflectidos en contas bancarias. Mentres, influídos por políticas de escasa ou nula protección do propio, diriximos os nosos gustos ao que habelenciosamente unha mercadotecnia sen control sitúa diante dos nosos ollos, impóndonos modas mesmo naquilo que serve para alimentarnos.

As dinámicas de abandono e descoñecemento non se poden concibir separadamente. É nosa (da sociedade galega) a responsabilidade sobre o territorio e nós temos a obriga de coidalo ao tempo que o desfrutamos e tamén demandar dos poderes públicos que poñan remedio á drenaxe constante de persoas e medios do rural. Pero para poder reclamar novas políticas cómpre coñecelo, evitar as mensaxes explosivas ou as lamentacións cando unha nova desastrosa enche os medios informativos e racionalizar situando correctamente cada cousa no seu.

Resulta evidente que estamos diante dun troco de paradigma, que non se pode aspirar a retroceder nin a implementar os equilibrios que houbo previamente, pero tampouco podemos contentarnos con explicacións simplemente prexuizosas ou ideas estereotipada

Resulta evidente que estamos diante dun troco de paradigma, que non se pode aspirar a retroceder nin a implementar os equilibrios que houbo previamente, pero tampouco podemos contentarnos con explicacións simplemente prexuizosas ou ideas estereotipadas. Poñamos un exemplo moi simple: A conflitividade derivada das desputas polos marcos é ben menor do que atendendo ao dito popular se reflicte. Porén, como adoita acontecer cos feitos negativos, a amplificación que receben é ducias de veces superior a de situacións positivas. Cabería preguntarse por que hai persoas interesadas en destacar estes feitos; algunhas mesmo chegando a indignarse cando alguén tenta explicarlles argumentalmente que as anécdotas son precisamente iso, e non representan a globalidade. É como se quixeren que o prexuízo se converta en verdade a toda costa, como querendo manternos nun esquema previamente asignado.

Para as/os que imos de visita, a camiñar polas congostras ou simplemente na procura dun lugar onde pasar unha tarde á raxeira de setembro sen o incómodo bruar do trafego urbano, comeza a ser oportuno preguntarnos e informarnos sobre moitos aspectos que descoñecemos do medio rural. E tamén cómpre darlle máis importancia ao lugar e a forma na que se producen os alimentos, non só para nós, senón tamén para as nosas fillas/os.

Cómpre darlle máis importancia ao lugar e a forma na que se producen os alimentos, non só para nós, senón tamén para as nosas fillas/os

Que a oferta para o medio rural non se converta só nun cartaz con idílicas carballeiras e frescos mananciais, senón un lugar onde chove e hai frío e lama, porque senón non medran os cultivos, pero que ten toda a dignidade e todas as perspectivas de futuro e integración socioeconómica que posúe calquera outro sector. Deste xeito será máis doado escribir (e que nos comprendan cando o facemos) sobre o rural.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.