Ese tempo chegou

Cando un planeta bata contra outro, e todo se achegue ao seu final, nós porémonos a xogar cos raios na man como no filme Melancholia e impediremos que nos quiten a dignidade. Cando un presidente da Xunta dispoña a barbarie cultural, nós procuraremos novas maneiras de defender o patrimonio humano de Galicia. Cando un Secretario Xeral de Politica Lingüística, agora de Cultura, mude de cores coma un camaleón e sacrifique en aras do seu estatus todo o respecto que se lle tiña, nós non venderemos a alma por razóns materiais ou de ego. Cando afunda o barco nos mares inzados de icebergs, nós tocaremos unha música alegre, con forza, ata que nos consuman as ondas.

Cando os supostos representantes do pobo galego sigan sendo marxistas ou estalinistas non-renovados e prefiran non achegarse aos sectores da poboación que necesitan alternativas políticas coherentes, nós os contemplaremos con incredulidade, ao tempo que outro pau contra a lingua galega entra en vigor. Cando no nacionalismo galego domine o sectarismo dogmático, escravo dos esencialismos máis pechados e digno das relixións máis escuras, nós deixaremos de dedicarlle a enerxía e a boa vontade das nosas críticas e buscaremos outras alternativas ou colaboraremos no seu nacemento. Cando loiten outras voces políticas por ser escoitadas no barullo das trincheiras, onde agora se atopan dous partidos estatais e unha esfarelante formación galega, nós apoiarémolas para que haxa máis pluralidade na vida política galega.

Cando o caciquismo, o clientelismo e o enchufismo contaminen a vida galega e lle impidan gozar da modernidade plena a que ten xusto dereito, nós non cesaremos de desenmascarar eses impedimentos, de criticalos e, como non, de combatelos. Cando pechen xornais en galego por mor de mala xestión, e non sexan rescatados por un goberno que si apoia financeiramente a medios dotados de máis recursos e vantaxes eco nómicas por cuestións puramente ideolóxicas, investigaremos as posibilidades das novas tecnoloxías para manternos en pé e en galego. E cando pretendan quitarnos espazos onde poder debater, compartir e soñar en voz alta, reunirémonos nesta praza pública para celebrar a pluralidade como ferramenta crítica de mellora da vida galaica. Pois ese tempo chegou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.