Eses manifestantes que provocan disturbios (La Calle Es Mía)

Os delegados ou delegadas do goberno (por exemplo a señora Cifuentes) levan repetindo o mesmo discurso dende que teño uso de razón cando falan das causas dos disturbios que obrigan a que, claro, interveñan os antidisturbios para poñer orde: a culpa sempre é dos manifestantes. Isto escoitaba eu de pequerrecho cando os grises repartían amables saúdos coas porras aos de Ascón no meu Vigo conflitivo de finais dos setenta ou despois nos oitenta aos que pedíamos pasesprobús (pronunciado así todo xunto e ao unísono, aí que melancolía por favor...), a primeira reivindicación da que teño memoria. E sempre o mesmo mantra repetido: a culpa sempre é dos cidadáns, que son parvos e xa saben que lles van dar, que lles van meter, que lles pode caer un bolazo de goma ou unha hostia sen querer vaiapordiós e aínda así van a manifestarse mira que son parvos.

Isto escoitaba eu de pequerrecho cando os grises repartían amables saúdos coas porras aos de Ascón no meu Vigo conflitivo de finais dos setenta

Cando eu era neno, os delegados do goberno (daquela non había delegadas) explicábanlle iso aos xornais, repetían a tele (a única que había) e as radios e aquí paz e despois gloria. Xa sabedes, aquela época de La Calle Es Mía que pronunciou o defunto a quen o PP dedicou a vitoria electoral (cada vez os políticos se asemellan máis aos futbolistas celebrando un gol: nas tomas de posesión meten alí a toda a familia e choran de emoción ao citar ás nais...cando gañan as elección dedícanllas a un morto en vez de aos votantes...en fin, calquera día destes Mariano, despois dunha intervención, tirarase de xeonllos polo Congreso adiante mentres o resto do grupo parlamentario se lle bota enriba para facelo aínda máis bonito e máis alegre wearethechampions).

Mais agora, haiche imaxes de practicamente todo e todo o tempo. E xa non só na televisión, senón que a través das Redes Sociais éntranos o mundo a golpe de clic

Iso, que antes os delegados falaban e esa era a verdade. Mais agora, haiche imaxes de practicamente todo e todo o tempo. E xa non só na televisión, senón que a través das Redes Sociais éntranos o mundo a golpe de clic e claro, de súpeto alucinas a colores vendo como os antidisturbios mallan sobre un manifestante dun xeito, digamos, intensivo. E claro, botamos as mans á cabeza. Ou, o que é peor, vemos uns policías dándolle brasa a uns señores vestidos de manifestantes kaleborrocos ou kalebarrocos, que queda máis artístico, pedindo que paren e berrando, soy compañero, soy compañero (e xa sabedes: a próxima vez que vos veñan dar coa porra, vós dicide, soy compañero, soy compañero, e xa non vos pegan. Palabrita). E daquela, como hai imaxes incontestables, dános por pensar que nesa manifestación, nesa en concreto, cando menos nesa moi en concretísimo, non é ningunha parvada crer que o que din algunhas testemuñas de que había antidisturbios facendo o traballo do revés, a saber, provocando disturbios para que todo se enturbiase e houbese que desinturbiar, iso, cando menos e a pesar do xogo lingüístico que veño de facer, que iso ten sentido.

Así que me parece moi ben que a delegada Cifuentes diga que a culpa de todo está do lado dos manifestantes. Pero eu podo pensar o que me pete, que para iso teño cabeza. De momento e ata que ma abran en dúas metades

Así que me parece moi ben que a delegada Cifuentes diga que a culpa de todo está do lado dos manifestantes. Pero eu podo pensar o que me pete, que para iso teño cabeza. De momento e ata que ma abran en dúas metades. Porque, ademais, é que leva toda a razón: a culpa sempre é dos manifestantes, que deberían quedar na casa, non protestar, non indignarse, obedecer, ser xente de orde, tragar con todo, non indignarse por nada, deixarse dar por ese sitio e, ademais, dicir que lles gusta e que queren outra vez. Outra vez máis, por favor. Con toda a porra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.