Esfociñamos

CC-BY-SA Anthony Desruelles

Foron tantos anos de globalización planetaria, de intercomunicación e interdependencia crecente, que de súpeto esfociñamos

Sentiamos un malestar crecente. Moitos xa viñamos percibindo que todo este mundo era moi fráxil e pensabamos que en calquera momento podía virse abaixo como un castelo de naipes. Así foi. 

Foron tantos anos de globalización planetaria, de intercomunicación e interdependencia crecente, que de súpeto esfociñamos. Sabiamos que non eramos deuses. Que non era posible viaxar por catro míseras pesetas por toda Europa, levar esa vida insostible mentres o planeta ía cara o desastre. Todo iso sabiámolo, e non faciamos nada por baixarnos da burra. 

Tiveron que ser a propia natureza e a orde intrínseca do cosmos, se é que existe algo así, quen nos obrigasen a parar esta orxía. Era unha carreira bulímica cara á acumulación e o trunfo económico, cara ao goce das experiencias máis insólitas, charramangueiras e extravagantes posibles para presumir na feira das vaidades da internet. 

Non era posible viaxar por catro míseras pesetas por toda Europa, levar esa vida insostible mentres o planeta ía cara o desastre. Todo iso sabiámolo, e non faciamos nada por baixarnos da burra

Simplemente, señoras e señores, non podía ser. Non pode ser. Mentalicémonos. Íamos na bici costa abaixo e sen frenos, e caémonos. Rompemos as dúas pernas, non sei cantas costelas e un brazo. Imos tardar moito en poder volver coller a bici. E cando o fagamos, poñeremos os cinco sentidos (e seis, quen os teña) en pedalear normalmente, sen xogarnos a vida por sentir esa velocidade que tanto engancha. A esta velocidade algúns chámanlle vertixe, e din que a vida non ten sentido sen ela.

Pero moitos non poderán volver montar na bici nunca máis, e a eles debémonos. Debémonos tamén aos nosos fillos. Está a quedarnos un planeta moi bonito se continuamos así, si... Medo dá. É tempo de estar na casa. É tempo de purgar os nosos pecados laicos e desenfreados, polos que pensabamos que nunca iamos ter que facer penitencia. 

Esta volta ao local á que estamos obrigados non debe entenderse como unha involución. Internet permítenos ser cidadáns do mundo aínda que non nos movamos do noso barrio

O colapso virá moitas xeracións despois da nosa, dicíamos. Aínda quedaba moito tempo. Autoenganábamonos. Facíamos trampas ao solitario. Mais o insólito aconteceu, e agora é tempo de pensar que queremos ser de maiores. 

É tempo de reformular todo e matinar para que queremos crecer tanto. É tempo de considerar que seguramente estabamos equivocados, e que se pode ser máis feliz lendo un bo libro que peregrinando por hoteis, resorts e aeroportos situados a máis de 7.000 quilómetros de distancia. 

Pensa globalmente, e actúa localmente, dicíasenos. Agora temos que volver ao local, ao terruño, ao espazo contiguo e físico que pisamos cada día. Pero esta volta ao local á que estamos obrigados non debe entenderse como unha involución. Internet permítenos ser cidadáns do mundo aínda que non nos movamos do noso barrio. E iso marca a diferenza. 

Todo terá que ser reformulado, pero de verdade. Non serve que o digamos agora, e que o esquezamos dentro de oito meses. Teremos que cambiar. Témonos que reformar como especie

Fagamos un esforzo por comprender que a quietude tamén pode ser un valor. Controlemos a nosa compulsión e a nosa tendencia suicida á hipermobilidade. O planeta agradeceránolo. Tamén o agradeceremos nós a medio e longo prazo, pois non hai nada máis desacougante que sentir continuamente a urxencia de realizar algo cada vez máis difícil, tomar o selfie máis exótico, escribir o post máis freak, vivir a experiencia que xere máis likes nas tantas veces tóxicas redes sociais. A dependencia de todas estas cousas tan prescindíbeis e moitas veces tan ridículas non é necesaria para ser felices.

Todo terá que ser reformulado, pero de verdade. Non serve que o digamos agora, e que o esquezamos dentro de oito meses. Teremos que cambiar. Témonos que reformar como especie. Se non o facemos, pode ser que o Antropoceno dure moito menos do que pensabamos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.