España esgótame, réndome

Vostedes non sei, pero servidor non pode máis. España esgótame. Tentei seguir o seu ritmo, xúrollelo. Tratei de non desfalecer, repetir día tras día os mesmos argumentos a ver se alguén os escoita e seguir con paciencia miles de polémicas sobre asuntos banais coma se fosen importantes, mentres as cuestións realmente relevantes quedan sepultadas baixo o ruído e a furia. É inútil. Non se pode facer nada.

Estou esgotado de vivir nun país onde o feito de que a xente queira votar se converte nun problema dramático

Estou esgotado de vivir nun país onde o feito de que a xente queira votar se converte nun problema dramático e a lei é utilizada para prohibir e proscribir dereitos, non para garantilos. Igual que a policía é utilizada para escoltar os que mandan e non para protexer os cidadáns deles. Non podo con esta discusión absurda entre lexitimidade e legalidade repetida unha e outra vez coma se todos fósemos Thomas Hobbes ou Hans Kelsen.

Estou esgotado de vivir nun país onde xa non se fala da crise porque o Goberno decidiu dala por rematada. Se despois das eleccións descubrimos que non acabara e segue habendo paro, pobreza, desigualdade e os máis débiles continúan pagando as facturas dos máis poderosos, será por culpa de Europa.

Cáritas deu as últimas cifras, apenas escoitadas entre tanto balbordo. Máis de dous millóns e medio de persoas atendidas en 2013, un 30% máis que o ano anterior. Apenas 73 millóns de euros recibidos desde unhas administracións que pechan servizos sociais, recortan programas e desvían a xente a Cáritas. É a achega máis baixa do últimos cinco anos. Nin dereitos, nin caridade. En España sófrese, e punto.

Estou esgotado de vivir nun país onde se fala de política e de partidos políticos como Podemos igual que se volvésemos á Guerra Fría

Estou esgotado de vivir nun país onde se fala de política e de partidos políticos como Podemos igual que se volvésemos á Guerra Fría ou aos días da morte de Franco. Todo é meter medo, asustar, manipular e enganar para que a xente vote o que lle cómpre aos que teñen moito que perder se o poder ou a riqueza se reparten un pouco.

Lémbrame a cando de neno, na Mariña de Lugo, durante as primeiras eleccións democráticas, as forzas vivas ían polas cociñas das casas avisando a xente de que se gañaba a esquerda íanlles a quitar as vacas e o tractor. Algún mesmo subiu ao monte coas súas ata que se soubo quen gañara. Non podo crerme que malgaste a metade do meu tempo escoitando e rebatendo as mesmas alburgadas de hai corenta anos.

Vivir nun país así de gris non paga nin a pena, nin o esforzo. Parece mentira que xa o olvidaramos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.