España róubanos

Non, non imos falar de Cataluña. Falemos do catastrazo, unha hábil estratexia do Ministerio de Facenda para subirnos os impostos encubertamente, de xeito  que pareza que os responsables son os concellos, que serán os que leven as labazadas. Consiste basicamente esta manobra en subir artificiosa e irregularmente os valores catastrais, aplicando ademais unha retroactividade inaceptable que vulnera os dereitos do contribuínte. Artificiosamente, porque non se articula o proceso como un procedemento de valoración colectiva, nin se apoia nunha revisión das ponencias de valores, que sería o correcto. Irregularmente, porque o recálculo dos novos valores catastrais faise de forma chapuceira e neglixente, por non dicir que nin sequera sabemos quen realiza as valoracións. A opacidade do procedemento é ferinte.

A elaboración das ponencias de valores (documentos nos que se establecen criterios e valores do solo e a construción pormenorizados por zonas) a solicitude dos municipios é competencia do Catastro, o cal incumpre as súas obrigas ao non manter actualizadas ditas ponencias. Isto implica que por motivos técnicos e normativos, entre outros factores, asígnanse antigüidades menores ás reais aos inmobles. Como consecuencia sobrevalóranse as construcións en ata un 35% - 40%, e por tanto, os valores catastrais acaban inflados. E se sobe o valor catastral, sube o IBI, soben os impostos de Sucesións, Transmisións, e sobre a Renda. Se engadimos a isto a actitude da administración, que no responde ou rexeita sen argumentación as alegacións e recursos do administrado, atopamos ao contribuínte sumido nunha alarmante situación de indefensión.

Culpables en certa medida tamén os concellos que, salvo excepcións, non abren a boca, pois son receptores da maior parte do pastel, na forma de IBI. Neles recaerá a ira do contribuínte cando lle toquen o peto, mentres Montoro e o seu ministerio salvan a cara.

Dificilmente imos conseguir educar á xente na idea de que cumprir coas obrigas fiscais é cousa necesaria para manter o benestar cidadán cando a administración zapatea e espreme ao pequeno contribuínte, mentres perdoa infantas, bispos e Ronaldos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.