Espellismo iraniano

As imaxes de xúbilo nas rúas de Teherán e outras capitais do país trala vitoria de Hassan Rohani chaman ó engano. A promesa de cambio, a esperanza que moitos iranianos teñen postas en quen vai suceder na presidencia ó ultraconservador Mahmoud Ahmadinejad é limitada. Aínda terán que esperar tempos mellores xoves e mulleres, quizais os dous colectivos que máis teñen sufrido durante o aciago mandato do presidente saínte, que presenta un balance ben pobre tanto no económico como no eido das liberdades e dereitos humanos. Sen un auténtico candidato reformador en liza, é certo que a elección de Rohani podería traducirse nun menor dogmatismo. Nunha comedida tolerancia susceptible de derivar nunha máis acusada sensación de liberdade, de soltura. Pero sen máis. O cambio será unicamente de grao, sen unha incidencia profunda sobre a propia natureza do réxime.

As imaxes de xúbilo nas rúas de Teherán e outras capitais do país trala vitoria de Hassan Rohani chaman ó engano. A promesa de cambio, a esperanza que moitos iranianos teñen postas en quen vai suceder na presidencia ó ultraconservador Mahmoud Ahmadinejad é limitada

Os candidatos ó escrutinio presidencial do 14 de xuño foron coidadosamente seleccionados polo consello de gardiáns da constitución, unha instancia composta por clérigos próximos ó Guía Supremo, o Allatolah Ali Khamenei. Tratábase de impedir a toda costa a repetición do escenario de 2009. Daquela o réxime cometeu a torpeza de autorizar a participación de varios candidatos moderados. A presunta vitoria reformadora nas presidenciais situouse na orixe dun amplo movemento de contestación alentado polo espellismo de cambio. A ilusión ante unha tal eventualidade callou entre os máis novos e instruídos, pero tamén entre mulleres e elementos das incipientes clases medias. Até tal extremo que aínda hoxe Moussavi e Karoubi, a quen se lle atribúe tal alboroto, permanecen baixo arresto domiciliario, privados de teléfono. Todo un exceso que non ten cabida nun réxime teocrático onde ó paraíso só se chega seguindo a vía marcada pola elite clerical.

Rohani eríxese en representante dos campos reformador e conservador moderado, facendo xirar a súa campaña sobre o relance económico

O consello de gardiáns da constitución sancionou a seis pretendentes para suceder ó ultraconservador nacionalista Ahmadinejad. Catro, marcadamente fieis a Khamenei, salvo matices son idénticos nos seus plantexamentos fundamentalistas. Mohammad Reza Aref, único candidato da corrente reformadora, retirouse da competición en beneficio do candidato centrista: Hassan Rohani, antigo xefe negociador sobre o dossier nuclear. Rohani eríxese en representante dos campos reformador e conservador moderado, facendo xirar a súa campaña sobre o relance económico, que pasa pola relaxación das sancións internacionais polo programa de enriquecemento de uranio. Rohani deberá aportar solucións concretas a occidente pero resta coñecer a súa marxe de manobra diante dun Guía Supremo, Ali Khamenei, que mantén todos os resortes do poder. Calquera concesión no nuclear ou no plano social deberá contar co consentimento dos clérigos. Definitivamente, a elección de Rohani non cambiará en nada o curso da historia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.